O FC Meigas comeza os actos de conmemoración do seu 15 aniversario

0

Ames, 2 de setembro do 2019 – O Fútbol Club Meigas organiza para o sábado, 7 de setembro, ás 18.30 horas, no pavillón municipal de Bertamiráns, un partido amigable de fútbol sala entre o Amarelle FSF (segunda división) e o Envialia FSF (primeira división).

Este partido enmárcase dentro dos actos do 15 aniversario do FC Meigas e co obxectivo de promocionar o fútbol sala feminino. A través desta iniciativa trátase de achegar o fútbol sala profesional as rapazas do club amesán e as súas familias. Previamente, ás 16.00 horas, o primeiro equipo do club xogará un amigable contra o Cinco Coruña.

O pasado xoves este partido era presentado en rolda de prensa na casa do concello. A concelleira de Deportes, Susana Señorís, a presidenta do FC Meigas, Paola Vignolo, e o coordinador e secretario do club amesán, Diego Montero, eran os encargados de avanzar as novidades do encontro. Señorís, dixo que “este partido vai a ser o punto de partida da temporada 2019-2020 para o FC Meigas, e ademais, serve para comezar cos actos de conmemoración do 15 aniversario deste club amesán, que xa está consolidado dento do ámbito deportivo municipal, primeiro co equipo feminino e agora, máis recentemente, coa creación das escolas de fútbol sala Trasgos que acolle no club tamén aos rapaces da contorna. Sodes unha referencia a nivel formativo nas categorías de base, xa que as rapazas e rapaces do voso club non só aprende a xogar ao fútbol sala, senón que en cada adestramento tamén lle transmitides valores como o compañeirismo e a amizade, que lles serven para medrar a nivel persoal”.

FC MeigasA presidenta do FC Meigas, Paola Vignolo, destacou que “por primeira vez en Ames haberá un partido de fútbol sala feminino de alto nivel con dous equipos profesionais, que compiten na primeira e segunda división do fútbol sala feminino español. Trátase dun evento que queremos facelo fixo como parte da pretempada dos equipos profesionais galegos, polo que trataremos de organizalo cada ano. Esta iniciativa tamén serve para darlle continuidade a calidade que intentemos achegar dende o FC Meigas ao deporte amesá, fomentando o fútbol sala feminino. Consolidados entre as rapazas de Ames este é un impulso máis a nivel galego, para tratar de visualizar o que somos: un club que traballa coa base e trata de fomentar o fútbol sala feminino”.

Contacto co fútbol sala feminino profesional

O coordinador e secretario do club amesán, Diego Montero, adiantou que “este partido vai servir para que volva á casa unha das nosas xogadoras, Yaiza Otero, que acaba de fichar polo Amarelle FSF. Será o seu primeiro partido coa camiseta do equipo coruñés. Isto serviralle ás nenas do noso club e ás súas familias para ver que xogar ao fútbol sala de xeito profesional é posible. O 90% das rapazas que van disputar este partido amistoso son profesionais e moitas delas viven deste deporte. Precisamente iso é o que queremos facerlles ver as nosas xogadoras”.

FC Meigas

Equipo que competiu a liga pasada na fase autonómica

Diego Montero tamén incidiu en que “dende hai moitos anos levamos xogadoras e adestradores de base a que vexan partidos de fútbol sala feminino profesional, para que poidan conversar cos equipo técnico deses equipos e, deste xeito poidan ampliar os seus coñecementos. As escolas de base do FC Meigas son unha das máis grandes e unha referencia a nivel galego dentro do fútbol sala feminino, e iso para nós é un orgullo enorme”.

O FC Meigas conta con arredor de 60 xogadoras

O Fútbol Club Meigas foi posto en marcha no ano 2004. O obxectivo deste club dende a súa fundación foi ofrecer ás xogadoras do concello a posibilidade de practicar fútbol sala, formar unha canteira de xogadoras, e que pouco a pouco sexan estas xogadoras as que fagan crecer o club. Dende a súa posta en marcha, o club foi aumentando o número de equipos e de participantes.

Na actualidade conta cun primeiro equipo que milita na liga provincial, un equipo filial, un equipo cadete e outro infantil. Ademais, sempre dispón dun grupo de nenas de categorías inferiores a infantil que adestran pero non compiten debido a que é difícil xuntar o número de nenas necesarias para poder formar un quipo.

Por outra banda, cabe destacar as últimas incorporacións que fixo o FC Meigas ao seu corpo técnico. Santi Valladares, ex adestrador do Santiago Futsal, pasou a forma parte do organigrama do FC Meigas, dentro do apartado da dirección deportiva. O doutor Marque, por segunda tempada consecutiva, actúa como médico do club. Ademais, este ano o club amesán incorporou a Santi Valladares López como preparador físico e a Carlos Fernández como psicólogo do club. Deste xeito, a estrutura do FC Meigas medra coa incorporación de  persoas do concello que son grandes referencias do deporte.

Ademais, o Fútbol Club Meigas encárgase de impartir as escolas deportivas municipais de fútbol sala feminino. Para obter máis información podes chamar ao número de teléfono 670 518 120, enviar un correo electrónico ao enderezo fcmeigas@gmail.com, entrar na páxina web www.fcmeigas.com ou consultar a súa páxina de Facebook.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial