Conexión Ames México, a ultramaratón Cabalo Branco

0

Ames, 16 de marzo do 2020 – En distintas ocasións Lindeiros tivo como protagonista a Diego Rojo, ben como profesor do IES de Ames ou como corredor de ultramaratón.

En esta ocasión convertese en colaborador para contar unha experiencia inusual; a tecnoloxía doulle a oportunidade de ser o adestrador dun corredor mexicano nunha das probas máis duras do mundo: a ultramaratón Cabalo Branco.

Diego Rojo

A Ultramaratón Cabalo Branco: correndo cos Tarahumaras.

Por Norberto Chávez (www.semanariotrail.com) e  Diego Rojo Garrido (drojog@hotmail.com).

Norberto Chavez

Norberto Chávez Tapias é mexicano, médico e, por esas bendicións que ás veces nos concede o destino, converteuse hai uns meses nun dos meus pupilos de adestramento. Coñecinno por un artigo que publiquei na compaña da miña irmán, Maite, sobre cómo preparar unha carreira de 100km, nunha coñecida revista online. Bueno, mais ben coñeciume ou contactoume porque despois de leelo pediume que o adestrara. Desde hai uns anos  corre ultramaratóns de montaña, e agora quere facelo dun xeito controlado e planificado. A verdade é que non sei se podo chamarme o seu adestrador, xa que non o coñezo persoalmente nin podo estar in situ con el, pero intentamos utilizar tódalas ferramentas que a tecnoloxía poñen ao noso alcance para suplir os miles de kilómetros de océano que nos separan, e aproveito a nosa afición común, o ultrafondo , para intentar tender pontes entre nos, mais alá do estritamente deportivo, así que por azares deste mundo globalizado en que vivimos, aquí temos a un de Ames adestrando a un de México DF.

Para os alleos, o ultrafondo é unha disciplina atlética que consiste en correr mais alá da maratón, ou sexa, mais de 42 kms. As distancias varían enormemente, e na modalidade de carreiras de montaña, aínda mais, sendo a proba icónica as 100 millas terrestres, algo mais de 160 kms. Hai anos un libro titulado “Nacidos para correr”, de Cristopher McDougall, puxo no mapa deportivo a unha cultura indíxena mexicana, supostamente chegada a través do estreito de Behring, e que se asentou na Serra Tarahumara, en Chihuahua, hai mais de 15000 anos. Denomínanse a sí mesmos Rarámuri, que no seu idioma quere dicir “os de pes lixeiros”, xa que correr forma  parte das súas tradicións, entretemento e tamén do seu sustento de vida. Como a súa principal adicación é a gandeiría, afanse desde pequeños a recorrer grandes distancias para ir a pastorear, e tamén para asistir a clase. Por outra banda, o aillamento que supón vivir na serra tamén os fixo mais resistentes á privación de auga e de comida, o que os convirte nuns corredores excepcionais.

A personaxe principal do libro de MacDougall é Micah True, tamén coñecido como “Cabalo Branco”, un ultracorredor estadounidense que pasou tempadas en Centroamérica, e que en 2003 decidiu organizar unha carreira para os rarámuri na súa terra, á que invitou a corredores foráneos, e que que tiña como obxectivo dar a coñecer e preservar a cultura e patrimonio deste pobo, maltratado desde tempos inmemoriais, e que ainda hoxe, como outras comunidades indíxenas ao longo do globo, sofren discriminación, abusos , desatención e expolio. A carreira foi un rotundo éxito, desde entón algúns rarámuris comezaron a saír a competir fora para intentar dar visibilidade a súa tradición e situación, e a proba converteuse nunha cita anual que segue a celebrarse a primeiros de marzo.

Norberto participou na edición deste ano, e fixo unha fermosa crónica da que reproduzo parte aquí, co seu permiso. Se alguén está interesado en lela completa, ou consultar algunha das súas publicacións, ou contactar conmigo por este tema, ou por outros relacionados co adestramento,  os enderezos de ambos figuran ao principio deste artigo.

Ultramaratón Cabalo Branco (80km, Urique, Chihuahua).

“ … hai non menos de 300 raramuri, listos para competir.

Nenos, nenas, señores, señoras, e incluso algúns xa entrados na séptima década da vida. Pero o mais chamativo son as cores, moitos traxes típicos con vermellos, amarelos e verdes que resaltan o seu cerne. A participación da comunidade raramuri debe ser perto do 90%, e é neles onde o minimalismo acada a súa máxima expresión. Nada de equipamento, e refíerome a absolutamente nada, a maioría en traxes típicos, ou en jeans, so a camiseta do evento, todos con algún tipo de sandalia, a gran maioría de restos de neumáticos e amarres de coiro; eso é todo. Esquécete do frontal, gafas, roupa con tecnoloxía da NASA, zapatillas de última moda, e nen sequera a mínima hidratación e alimentación para a carreira. O extremo foi observar a un neno non maior de 12 anos, ao que unha das súas sandalias se lle rompera e corría descalzo.

A saída moi estándar, é dicir, todos saimos como se fosen os cen metros lisos, pero para o kilómetro cinco o paso segue moi rápido, paulatinamente ves cómo te rebasan sen sequera mostrar esforzo, como se tiveran unha comunión co chan que pisan.

Durante a primeira metade da carreira, as miñas expectativas de intentar chegar nos primeiros vinte lugares comezan a desaparecer. Afortunadamente  compénsao a incrible paisaxe que nos acompaña.

Cada vez que alguén me deixaba atrás sorprendíame a forza coa que avanzaba, con practicamente ningún recurso, salvo as súas pernas e o seu amor a correr. Cando pensaba que pouco a pouco mermaban, en cada costa amosaban a mestría de subilas correndo, cando todos os “estranxeiros” camiñabamos fatigosamente.

A carreira para os raramuri parece un exemplo mais de cómo nin a dominación española, nin a pigmentocracia mexicana foron dabondo para dobregar o seu espírito.

Na parte final da carreira, co sol a plomo, e cos ríos cristalinos invitando a un chapuzón, comezas a ver os caídos, persoas maiores presas dos calambres, mulleres e nenos que camiñan coa esperanza de chegar antes da hora de corte, pero moita, moita xente sempre intentando ir para adiante.

Conforme os vas deixando atrás non te sintes orgulloso do paso constante que levas. Moitos deles viaxaron non menos de dez horas para chegar a Urique, durmiron en tendas de campaña, tiveron unha limitada alimentación, sen contar con séculos de maltrato e carencias.

Correr o Ultramaratón Cabalo Branco é unha viaxe que vai mais alá da distancia, ou o reto dunha ultramaratón.

É unha experiencia onde a montaña, a súa xente e a súa cultura nos agasallan cunhas palmadas de realidade, nunha sociedade cada vez mais cortoplacente e consumista”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial