займ срочно

Ames disporá de 5 millóns de euros dos fondos DUSI

0

Ames, 23 de maio do 2017 – Ames é un dos catro Concellos de toda Galicia que foron seleccionados na segunda convocatoria europea de fondos DUSI e recibirá unha axuda de 5 millóns de euros.

Na primeira convocatoria Ames quedara ás portas cunha puntuación de 58,75 puntos e a tan só 1,5 puntos de ser elixido para recibir dita subvención. Despois de realizar unha modificacións para mellorar a estratexia de Impulsa Ames, conseguiu ser un dos concellos seleccionados.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “o feito de non ter acadado o financiamento na anterior ocasión, co paso do tempo podemos dicir que foi algo positivo, porque agora Ames logra o financiamento de 5 millóns de euros, mentres que o último seleccionado da primeira fase tan só puido obter 3,1 millóns de euros. Para o goberno municipal esta é unha das máis importantes novas dos últimos anos e premia o gran esforzo que dende a Administración se estivo a facer”.

 Asemade, Miñones agradeceulle aos técnicos municipais a labor feita e todo o traballo realizado, xunto á empresa consultora Eosa, para poder conseguir a subvención DUSI. Tamén tivo palabras de agradecemento para os grupos da oposición que colaboraron na redacción do proxecto e na aprobación do programa Impulsa Ames vía pleno, e á veciñanza que participou de xeito activo nas propostas e reunión que tiveron lugar ao longo das semanas de redacción.

O plan Impulsa Ames ten unha vixencia ata o ano 2020 con 5 liñas de actuación nos ámbitos social, climático e enerxético, ambiental, demográfico e económico. Tratarase de reducir os desequilibrios entre o rural e o urbano por medio das novas tecnoloxías. Buscarase por outra banda potenciar os recursos naturais de Ames cunha mellor xestión enerxética e de mobilidade, a ampliación de zonas verdes e sendas peonís intentando con estas medidas fixar poboación.

Actuacións específicas

Co financiamento acadado dos DUSI o goberno poñerá en marcha un programa de implantación da e-administración con aplicación de novas TICs nos servizos municipais, tales como o alumeado público ou edificios da administración. Para elo destínanse 490.000 euros de fondos europeos. Outra das accións de maior calado, cun orzamento que roza o millón de euros, será a posta en marcha dun transporte público que permita a conectividade no propio concello favorecendo a mobilidade e a redución de emisións de CO2. Ademais, estudarase o transporte baixo demanda para a cobertura das parroquias cos núcleos urbanos.

Con case medio millón de euros levarase a cabo a creación dunha rede de sendas que melloren a conectividade no municipio. Buscarase crear sendeiros seguros para os centros escolares de CEIP Ventín, Agro do Muíño, CEIP A Maía e IES de Ames. A mellora da eficiencia enerxética, xa iniciada polo goberno municipal no Milladoiro, terá a súa continuidade cunha actuación integral sobre o alumeado público tanto en renovación do mesmo como na instalación de sensores lumínicos, que será estendido aos edificios administrativos do Concello.

Programa de revitalización e valorización urbana dos núcleos

A parte máis importante dos DUSI, 1.900.000 euros, será para o programa de revitalización e valorización urbana dos núcleos. Este programa contempla, por un lado, actuacións en materia de accesibilidade coa eliminación de barreiras urbanas en prazas, xardíns e beirarrúas tratando de complementar o investimento do goberno xa aprobado en edificios municipais nesta mesma materia. Outra das accións será para dar solución á demanda do núcleo de Milladoiro coa creación dun espazo verde no centro e que permita vertebrar o núcleo urbano.

As actuacións en materia urbanística terán continuidade coa peonalización de rúas no centro urbano de Bertamiráns, favorecendo o ocio e as actividades comerciais da zona. O plan Impulsa Ames tamén recolle actuacións de dinamización da vida social e cultural, de xeito que se destinarán 1.200.000 euros para a construción dun Centro multidisciplinar dirixido principalmente á mocidade amesá e para o emprendemento de novas iniciativas empresariais e autónomos. Finalmente, en materia social, destinaranse 550.000 euros para dar solución de vivenda ás persoas en risco de exclusión sen aloxamento, así como para o programa Ames emprega e integra e para a dinamización económica e o fomento do emprego.

Os fondos DUSI acadados distribuiranse principalmente ao longo das anualidades 2018, 2019 e 2020, de xeito que será no ano 2019 no que maior cantidade económica se invista. Miñones afirma que “o programa Impulsa Ames transformará o noso concello e sumarase aos importantes proxectos xa postos en marcha”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies