Ames licitará melloras en 6 parques infantís

0

Ames, 11 de setembro de 2018.- Co fin de adaptarse á normativa vixente, a Xunta de Goberno Local de Ames ven de aprobar o expediente de contratación, mediante procedemento aberto simplificado, das obras de mellora de seis parques infantís por un importe de 31.895,84 euros.

As actuacións nos parques infantís están incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal “POS+2018” da Deputación da Coruña. As melloras levaranse a cabo nos espazos de Cruxeiras, Covas, Trasmonte, do paseo fluvial de Bertamiráns, da Condomiña e da rúa Travesa do Milladoiro. Asemade, o goberno municipal está traballando para licitar a cubrición dun parque infantil en Bertamiráns e outro no Milladoiro, así como o servizo de mantemento de todas as áreas infantís e dos parques biosaudables.

En Covas, contémplase a substitución completa do valado do parque infantil, ademais do descompactado do pavimento de area co obxectivo de que cumpra a normativa en materia de seguridade fronte a impactos. Previamente será necesaria unha labor de desbroce e retirada de vexetación para poder realizar o fresado do pavimento de árido existente.

No parque infantil de Trasmonte será pertinente a restauración do valado, ademais de diferentes elementos de xogo para a súa correcta certificación. Procederase igualmente ao descompactado do terreo e ao desbrozado da vexetación, co obxectivo de levar a cabo o fresado do terreo. En canto á accesibilidade, procederase á formación dunha rampla para salvar a diferenza de nivel ca beirarrúa exterior. No paseo fluvial de Bertamiráns, as actuacións contempladas no parque serán a instalación do cartel informativo, ademais do subministro e instalación do valado de seguridade, formado por estrutura metálica e láminas de polietileno de diferentes cores.

No parque infantil da Condomiña levarase a cabo a restauración do valado, respectando a variedade cromática existente. Tamén se procederá á subministración e instalación dun novo cartel informativo. Por último, no parque infantil da rúa Travesa, no Milladoiro, reubicaranse os elementos de xogo existentes, co obxectivo de respectar as áreas de seguridade dos mesmos. Igualmente, procederase ao recrecido do pavimento tanto na área de seguridade do tobogán como na estrutura.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial