Ames aproba o Plan de medidas preventivas fronte a incendios forestais e a Conta Xeral de 2016

0

Ames, 30 de Nadal do 2017 – O último pleno do ano en Ames estivo cheo de contido con temas como a conta do 2016, a prevención de incendios, as alegacións nova depuradora e incluso a renuncia dunha concelleira.

O pleno comezou coa aprobación por unanimidade da desafectación dun camiño público que ten unha superficie de 162,82 metros cadrados, situado no lugar de Firmistáns, na parroquia de Bugallido. A solicitude foi feita en agosto de 2017 por Gerardo Pardal Pazos, en representación de Industrias Poney SL, como única propietaria das parcelas colindantes. Os informes emitidos pola arquitecta municipal e maila asesora xurídica de urbanismo conclúen que a desaparición do camiño non xera ningunha consecuencia noutras propiedades, polo que se deu luz verde a este asunto.

De seguido, a corporación tamén aprobou por unanimidade a proposta presentada por Pacto por Ames no pleno ordinario de novembro, para que o Concello de Ames se adhira ao Programa de Cidades Amigas da Infancia. Para iso solicitaráselle a UNICEF Comité Español iniciar os trámites para a obtención do selo de recoñecemento de cidade amiga da infancia, así como contar co seu apoio e colaboración para o desenvolvemento, a mellora continua e maila innovación das políticas de infancia e adolescencia. O devandito programa ten como obxectivo xeral promover a aplicación da Convenio sobre os dereitos do neno (ONU, 1989).

Plan de medidas preventivas fronte a incendios forestais

Un dos puntos importantes do pleno ordinario de decembro foi o debate sobre a aprobación do Plan de medidas preventivas fronte a incendios forestais. Estas medidas céntranse na plantación de árbores frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa. Xunto as medidas debateuse a modificación das axudas 2017 – 2019 co fin de incluír unha liña específica para estas plantacións e os prezos públicos polo servizo de tala e rozas en ditas franxas. Tanto as medidas como a liña de axudas e o prezo por tala e rozas foron aprobadas por unanimidade.

Cómpre lembrar que en marzo de 2007 o Pleno do Concello de Amea aprobou o Plan para a protección do espazo rural e dos asentamentos de poboación do Concello. Este plan empregouse como un instrumento para mitigar os danos causados polos lumes forestais, como un xeito de promover o cumprimento da lexislación de prevención de incendios e para a implementación dunha silvicultura preventiva mediante a plantación de árbores frondosas caducifolias que diminúan o risco de incendio no concello.

No 2016 revisouse o plan de prevención de incendios forestais e decidiuse estruturar o concello en 59 ámbitos de protección de núcleos de poboación e 45 ámbitos de protección a vivendas, edificacións e infraestruturas illadas. En torno a estes espazos se delimitan áreas de 50 metros como franxas de protección, será en estas franxas onde plantaranse as árbores.

Dende os grupos municipais da oposición mostráronse a favor de estender este plan a todo o Concello e promover accións de prevención porque segundo dixeron “son necesarias para evitar o risco de lumes forestais”. Dende o grupo de Ames Novo van propor que dentro dos orzamentos de 2018 se inclúa unha partida específica para contratar a brigada que realiza os traballos de prevención durante un período de 6 meses. Así, ampliaríase a contratación destes traballadores durante dous meses máis, xa que na actualidade están contratados por un período de catro meses. Isto suporía dedicar 17.000 euros a maiores do que achega na actualidade o Concello que son arredor de 27.000 euros.

Proposta sobre o proxecto de construción da EDAR do Souto

Por outra banda, aprobouse por unanimidade unha proposta sobre o proxecto de construción da EDAR do Souto. A proposta presentada inicialmente foi acordada entre os grupos PSdeG-PSOE, Ames Novo, Contigo Pódese, BNG e o concelleiro non adscrito, Javier López, pero os grupos municipais de Pacto por Ames e Partido Popular presentaron unha emenda que foi aprobada e, por conseguinte, incluída en dita proposta. Así, en dita proposta recóllense cinco acordos. O primeiro é amosar dende o Concello de Ames o apoio aos veciños e veciñas amesáns nas súas reivindicacións contra a ubicación da nova EDAR de O Souto, rexeitando a elección do emprazamento polo impacto ambiental, patrimonial e a ausencia de garantías xurídicas necesarias para a execución do proxecto.

En segundo lugar, vanse realizar todas as medidas legais e administrativas pertinentes en contra da construción da EDAR no lugar de O Souto. No terceiro punto solicítase que as administracións competentes realicen os estudios e investimentos necesarios para a modernización e mellora tecnolóxica da actual EDAR de Silvouta, que actualmente ocasiona graves prexuízos ao río Sar e aos veciños e veciñas de Ames. En cuarto lugar, solicítase a convocatoria urxente da Comisión de seguimento para dotar ao Concello de Ames das actuacións realizadas ata o día de hoxe e trasladara información ao Pleno da corporación.

No quinto e último punto recóllese que o Concello de Ames porá todos os medios posibles (administrativos, técnicos, xurídicos, etc) en favor da veciñanza afectada para evitar a implantación na zona de O Souto da EDAR programada, asumindo tamén todos os gastos que deriven das iniciativas da veciñanza, tanto pasadas coma futuras, co fin de impedir a súa construción. Para esta cuestión solicítanse os informes preceptivos aos técnicos municipais co fin de definir esa colaboración económica. 

Renuncia da concelleira María González

O momento máis emotivo do pleno foi a renuncia da concelleira, María González Gómez, do grupo municipal de Pacto por Ames. María González dixo “hoxe é un día triste para min porque despois de sete anos abandono esta corporación, aínda que agardo que isto non sexa un adeus senón un ata logo. As circunstancias da vida fannos cambiar as prioridades e iso levoume a tomar esta decisión. Pero non quero abandonar esta corporación sen deixarlle deberes ao goberno para que realicen melloras no lugar de Seares, para seguir traballando en prol da igualdade, da mocidade, do comercio e da promoción do turismo. Ademais, queda pendente que se realice unha campaña para dar a coñecer a nova programación da radio municipal e seguir mellorando o noso concello a nivel educativo e cultural. Por último, teño que animar a oposición a que siga realizando unha labor de control do goberno”. 

Os voceiros dos grupos municipais e o alcalde tiveron palabras de agarimo para María González e dixeron que é un persoa traballadora, responsable pola difícil decisión tomada, galeguista pola defensa do idioma e da cultura galega, así como nobre e loitadora pola defensa da muller e dos intereses dos veciños e veciñas de Ames. Ademais, engadiron a paixón e honradez coa que traballou durante este anos, así como a valentía e atrevemento que demostrou sempre nas súas accións. O voceiro de Pacto por Ames, Ramón García Argibay, destacou de María que “dende o primeiro momento que te coñecín vin en ti a unha persoa sensata e cunha valía enorme. Agora, por circunstancias persoais deixas a acta de concelleira, pero vamos a seguir contando contigo. Agardamos que volvas pronto a esta corporación porque deixas unha pegada moi grande”.  

Trala renuncia de María González o alcalde deu conta da renuncia anticipada de Manuel Ferreiro Santiago, así como da solicitude de expedición de credencial a favor de Emilio Martínez Carballeira.

Conta Xeral de 2016

A corporación municipal tamén aprobou por unanimidade a Conta Xeral de 2016 cun resultado orzamentario axustado con superávit de 2.378.388,48 euros e un remanente de tesourería de 5.381.147.06 euros, cumprindo os obxectivos de estabilidade orzamentaria, gasto e débeda pública.

Proposta para o acondicionamento integral da rúa Entrerríos

Por último, os grupos municipais de Pacto por Ames e do Partido Popular presentaron unha proposta conxunta para o acondicionamento integral da rúa Entrerríos, na zona que descorre entre a escola infantil A Galiña Azul de Bertamiráns e a estrada de Lapido, aproveitando que se están realizando obras de acondicionamento. Esta proposta foi aprobada cos votos a favor dos concelleiros/as de Pacto por Ames, do Partido Popular e do concelleiro non adscrito, Javier López, e coa abstención dos membros do goberno e dos edís de Ames Novo. Nela solicítase dotar a toda a zona mencionada na exposición de motivos de, beirarrúas (polo menos nun sentido), luminarias suficientes e medidas de seguridade viarias para garantir que as persoas que viven e transitan pola zona, poidan facelo de xeito seguro. Tamén se pide, sen máis demora, convocar unha reunión coa veciñanza para escoitar as súas suxestións.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies