займ срочно

Denuncian o risco de restricións de prazas nas escolas de verán de Ames

0

Ames, 3 de xuño do 2020 – Ames Novo ven de denunciar o risco de restricións nas prazas das escolas de verán do concello que consideran provocado.

Para Ames Novo a aplicación de criterios moi restritivos xunto coa brevidade do prazo para inscribirse, de apenas 8 días, teñen un claro obxectivo de redución substancial de prazas nas escolas de verán.

Falta de información

O voceiro de Ames Novo, Quique Costas, denuncia a ocultación de información por parte do responsable de educación, David Santomil, “o anuncio da convocatoria supuxo unha sorpresa desagradable: Por unha parte, este produciuse apenas media hora despois da reunión mantida pola Xunta de Voceiros, na que o goberno local deu conta das súas actuacións durante a última semana e concertou cos grupos da oposición numerosas iniciativas sen que o Concelleiro de Educación mencionase sequera a súa intención de abrir prazos”.

Para a formación política trátase dunha ocultación deliberada e que contradíce o que viu sendo a política do goberno municipal durante toda esta crise, na que as reunións da Xunta de Voceiros foron practicamente semanais nun exercicio de transparencia por parte do executivo e de busca de consensos por parte dos grupos que integran a oposición municipal.

Unha normativa restritiva

Non foi a falta de coñecemento previo a única sorpresa según Ames Novo, tamén os termos en que estaba redactado o anuncio da convocatoria que limitaba a oferta a “ só a aquelas unidades familiares empadroadas no Concello de Ames onde os dous proxenitores xustifiquen debidamente a necesidade de conciliación” . Ademais no anuncio público especificábase que por ter que traballar presencialmente fóra do domicilio, se ben esta última frase foi eliminada posteriormente na páxina do Concello.

Mesmo así, a condición de que se acredite a “necesidade de conciliar dos dous proxenitores” implica unha restrición respecto do que establece o Regulamento do servizo, que no seu artigo 10 di que poderán acceder a el as familias que acrediten esa “necesidade de conciliación de vida laboral e familiar por un ou ambos proxenitores/titores. Costas denuncia tamén que “nos termos do anuncio e do Decreto de convocatoria nin sequera se fai mención ás familias monomarentais/monoparentais”.

Desde Ames Novo consideran que o fin de estas normas é reducir o número de usuarias do servizo “O decreto non establece número de prazas, pero ao restrinxir máis do que permite o Regulamento o acceso o que se busca é unha redución drástica no número de solicitudes, para logo adaptar as prazas exclusivamente a quen cumpre tais requisitos”, afirma Quique Costas.

En palabras do voceiro da formación “é sorprendente que nas circunstancias que estamos como consecuencia da pandemia da Covid19, lonxe de ampliar a oferta de servizos de conciliación, esta se reduza. O Concelleiro de Educación parece non ser consciente das circunstancias que levan vivido, sobre todo, a maioría das nais que se viron obrigadas durante meses a conciliar, en moitos casos, o teletraballo coa atención permanente ás súas crianzas despois de que suspenderan as clases. Aínda máis coa incerteza en perspectiva dun novo curso no que moi probablemente o alumnado non terá a posibilidade de asistir a clases presenciais durante toda ou todas as xornadas escolares. Unha das vítimas desta crise vai ser, sen dúbida, a capacidade de conciliar por parte das mulleres con fillos ou fillas e, por tanto, a igualdade en materia de acceso ao mercado laboral. Por iso os servizos de conciliación deben ser instrumentos que, levados á súa máxima capacidade, permitan paliar eses efectos. Deben terse en conta multitude de causas de necesidades de conciliación: mulleres que traballan na economía informal limpando casas ou cosendo, mulleres que son coidadoras, ademais dos seus fillos, de persoas maiores dependentes, mulleres en formación para mellorar a súa capacidade laboral e empregabilidade, persoas que están preparando oposicións para conseguir un posto de traballo… E fronte a todas estas necesidades agravadas pola situación, a resposta do concelleiro Santomil, lonxe de buscar vías de ampliación que permitan ir afrontándoas, é restrinxir aínda máis a posibilidade de utilizar un servizo para moitas persoas indispensable”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies