María Lado e Carlos Negro impartirán en Ames obradoiros de escrita creativa

0

Ames, 11 de outubro do 2018 – María Lado e Carlos Negro serán os relatores de dous obradoiros de escrita creativa que organiza en Ames a iniciativa Escola de Escritoræs, impulsada desde a Asociación de escritoras e escritores en lingua galega.

Para inscribirse nalgún destes talleres de escrita creativa, que se realizarán entre o 10 de novembro e o 15 de decembro, só hai que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que figuren nome e apelidos, teléfono de contacto, idade do/a participante e obradoiro escollido.

As actividades comezan o sábado 10 de novembro con Mastervers petiscos poéticos, un obradoiro de escrita creativa no que se pretende que os participantes poñan en palabras aquilo que xurda da súa imaxinación e intuición. Impartido polo profesor e poeta Carlos Negro, realizarase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns os sábados 10, 17, e 24 de novembro, e o 1 de decembro, en horario de 11.30 a 13.30 horas.

Por outra banda, os sábados 17, 24 (novembro),1 e 15 (decembro) levarase a cabo na Casa da Cultura do Milladoiro o obradoiro conducido pola escritora María Lado, que se desenvolverá tamén das 11.30 ás 13.30 horas. A través desta actividade, que leva por título A literatura pode cambiar (un pouco) as nosas vidas, a artista achegará aos e ás participantes ao mundo da literatura, tanto á lectura como á escritura, dun xeito creativo e lúdico.

Ambas as iniciativas, dirixidas a maiores de 15 anos, encádranse dentro da iniciativa Escola de Escritoras e Escritores, a través da que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) percorre concellos de toda Galicia impartindo obradoiros con diversos formatos e destinatarios nos que se abordan distintos contidos e xéneros literarios. Os propios escritores/as son os encargados de achegar aos e ás participantes a un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces ao tempo que teñen como obxectivo concienciar do importante que é a estimulación creativa da escritura.

É preciso inscribirse

As dúas actividades contan con 20 prazas cada unha, que serán asignadas por orde de inscrición. Para inscribirse será necesario enviar, antes do 8 de novembro, un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que aparezan nome e apelidos, teléfono de contacto, idade e o nome do obradoiro no que se quere participar. A realización das actividades queda suxeitas a que a participación sexa, polo menos, de 10 persoas por obradoiro.

María Lado comezou a escribir coa xente do Batallón Literario da Costa da Morte. Como poeta ten publicado varios libros individuais: A primeira visión, Casa atlántica, Berlín, Nove, Amantes… Nos últimos anos achegouse ao público infantil con obras como obras como Oso, mamá, si; Porque Cuqui non quere ir á lavadora; Libro de poemas para crianzas en 5 minutos. Lado é autora tamén dunha novela para público xuvenil Entre os dous hai un río. Desde o ano 2005, coa poeta Lucía Aldao, participa en recitais escénicos baixo o nome Aldaolado.

Carlos Negro é profesor de Lingua e Literatura Galega no IES de Bertamiráns, autor de textos poéticos como As Laranxas de Alí Babá, Far-west, Héleris, Cultivos Transxénicos, Makinaria, Penúltimas Tendencias ou Tundra. Este ano recibiu o premio dos Clubs de Lectura 2018 e gañou o Jules Verne de literatura xuvenil con Aplicación instantánea.

Colabora habitualmente con diferentes programas do Concello a través do Servizo de Normalización Lingüística como poden ser o Certame Literario ou as actividades encadradas no Mes de Rosalía. O curso pasado foi o profesor coordinador do equipo do IES de Ames gañador do Club de Debate.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial