Ames aproba a cancelación do Plan de Axuste e a amortización da débeda bancaria

0

Ames, 2 de decembro do 2017 – O pleno de novembro de Ames  aprobou por unanimidade destinar o superavit da liquidación do 2016 a amortizar o Plan de axuste  e a eliminar a débeda cos bancos.

O plan de axuste tiña un período de cinco anos e o custo, entre amortización e intereses, ascendía a 215.000 euros anuais. Esta medida, aprobada por unanimidade, coloca a Ames cunha débeda cero.

Servizo municipal de abastecemento, saneamento e depuración

Outro dos asuntos aprobados en pleno foi a aprobación inicial da modificación do artigo 14 do Regulamento do servizo municipal de abastecemento da auga potable, saneamento e depuración. A finalidade desta mudanza é a de vincular o contrato do subministro da auga coa propiedade do inmoble tentando, desta maneira, evitar problemas cos recibos sen pagar, nos casos nos que o contrato non estea ao nome da persoa propietaria. A modificación tamén inclúe un prazo de 1 mes para comunicar os cambios de titularidade coa consecuencia, no suposto de incumprimento, de responsabilidade solidaria entre o anterior e o novo propietario. O punto saíu adiante cos votos a favor do goberno, Ames Novo e o concelleiro Javier López, a abstención de Pacto por Ames e o voto en contra do Partido Popular.

Este aprobación é contraria ao solicitado polas asociacións de comerciantes. Ditas asociacións presentaron no seu día un escrito por rexistro reclamando a posibilidade de que o contrato da auga puidera estar a nome dos inquilinos como sucede en concellos como Brión ou Teo.

Educación

No ámbito da educación, foron dous os puntos abordados nesta sesión plenaria do mes de novembro. Por unha banda aprobouse de forma inicial, coa abstención dos grupos municipais de Partido Popular e Pacto por Ames, o Regulamento da rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas, que unifica o réxime xurídico dos tres servizos, anteriormente contido en tres regulamentos distintos.

Esta unificación vai acompañada dunha serie de modificacións: incorpórase unha nova modalidade chamada usuario por quenda, e elimínanse os modelos anteriores do Regulamento, dos impresos de solicitude de preinscrición, de bonificación de taxas, de renovación, o impreso de matrícula, o de autorización de domiciliación bancaria e o de autorizacións en xeral, a solicitude de administración de medicamentos, o impreso de exención de responsabilidades e a folla de autoliquidación de taxas, por estar en desuso, pasando a ser xestionada, esta documentación, a través da páxina web www.conciliames.org. Do mesmo xeito, tamén se modifican os anexos de información da tramitación de renovación e matrícula.

Tamén coas abstencións de PP e PxA, e o voto en contra de Ames Novo, procedeuse á aprobación provisional da modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación de servizos complementarios educativos e de conciliación da vida familiar e laboral, co fin de introducir melloras técnicas. A modificación inclúe unha redacción na determinación do feito impoñible máis unha diferenciación entre a taxa pola matrícula nos servizos e as prestacións dos servizos propiamente; unha remisión, coa finalidade de simplificar o texto fiscal, á definición concreta dos servizos Bos Días Cole, Comedores Escolares e Tardes Divertidas que xa se atopa no propio Regulamento dos servizos; unha correcta definición do suxeito pasivo, que faga referencia á persoa responsable da crianza e non á propia nena ou neno; unha redacción que unifique os responsables co resto da normativa municipal en materia fiscal; así como a incorporación no artigo 5 das bonificacións fiscais, pasando as cotas tributarias ao artigo 6.

A sesión plenaria serviu tamén para dar coñecemento das renuncias anticipadas de Obdulia Vilas, Ana María Seijas, Marcos Beiras, Fernando Limeres, Manuel Pardo, Isabella Vázquez e Manuel Lens, levadas a cabo durante os meses de outubro e novembro, co fin de expedir as credenciais para as dúas novas concelleiras que se incorporarán á corporación municipal nas filas de Ames Novo, logo das renuncias de Pilar Candocia e Chus Boo.

Propostas e mocións

As tres propostas presentadas a este pleno de novembro foron aprobadas. A primeira, presentada polo concelleiro de Ames Novo Enrique Costas, referente ao rexeitamento da proposición de Lei de fomento de iniciativas empresariais, saíu adiante cos votos favorables das tres formacións do goberno e Ames Novo, o voto en contra de PP e PxA e a abstención do concelleiro Javier López.

As dúas propostas que presentou Pacto por Ames tamén foron aprobadas, neste caso por unanimidade de todas as forzas políticas. A primeira delas pretende impulsar a redacción dunha “Ordenanza municipal para a convivencia cidadá e de regulación das actuacións relacionadas coas condutas sociais”, que teña en especial consideración o consumo de alcohol e outras substancias. A proposta inclúe, asemade, unha convocatoria á Policía Local e aos Servizos Sociais co fin de que aporten as súas recomendacións ao documento, baseadas nos seus coñecementos e na súa experiencia diaria. A segunda das propostas recollía a petición para iniciar os trámites necesarios para a adhesión ao proxecto de Cidades Amigas da Infancia promovido por UNICEF Comité Español, para participar da convocatoria Cidades Amigas da Infancia 2017-2018. O obxectivo da proposta é contribuír á mellora das condicións de vida das nenas e nenos, así como das e dos adolescentes, mediante a promoción e implantación de políticas municipais que garantan o seu desenvolvemento integral.

Por último, procedeuse á votación dunha moción presentada por Ames Novo na sesión plenaria de outubro, que foi debatida pero que non dera tempo a votar. A moción, relativa á defensa dunha política Agroforestal Sostible, foi aprobada cos votos a favor do goberno e Ames Novo e os votos en contra de PP, PxA e o concelleiro Javier López.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies