Ames continuará coa compra dun inmoble para instalar un Coworking

0

Ames, 17 de outubro do 2019 – O Pleno Extraordinario solicitado polo Partido Popular de Ames para revisar a compra dun local para a instalación dun coworking deu o visto bo ao proceso e votou en contra de paralizalo.

O grupo de goberno, Psoe Contigo Pódese e BNG, contou co apoio de Ames Novo e tivo o voto en contra do PP e a abstención de Ciudadanos. O Pleno municipal debateu o proceso en si mesmo e a posibilidade de realizar unha xuntanza con tódolos grupos municipais para avaliar a tramitación para a instalación do coworking.

A situación

Durante os últimos tres anos o Concello de Ames estivo negociando coa Deputación de A Coruña a posta en marcha dun novo espazo de Coworking e emprendemento dentro do Plan de emprego local (PEL). Este novo espazo busca a revitalización e o impulso da promoción económica do Concello e da provincia e xestionarase a partir dos fondos da Deputación para a loita contra o paro e o emprendemento de novos proxectos empresariais que se conforman dentro do PEL que desenvolve o ente provincial. Ditas negociacións plasmáronse na sinatura dun convenio o pasado 4 de abril de 2019, a través do cal fíxanse as bases de outorgamento dunha subvención nominativa por parte da Deputación para o financiamento de dito proxecto.

O financiamento provincial ascende a 200.000 euros sobre un orzamento máximo para a adquisición do ben. Ademais, no pasado pleno ordinario de setembro aprobouse o suplemento de crédito 2/2019, financiado con remanente de tesourería, para sufragar o proxecto de adquisición dun ben inmoble para o seu uso como centro Coworking. Deste xeito, non haberá que recorrer a un pago aprazado como inicialmente estaba previsto. Coa aprobación de dito suplemento de crédito afrontarase o pago de 182.439 euros, que se corresponden co importe das anualidades 2018 e 2019.

O novo centro de coworking busca ser un espazo destinado a fomentar o traballo colaborativo coa implantación de profesionais de diferentes sectores, autónomos e emprendedores, para o desenvolvemento dos seus proxectos. Os profesionais compartirán o mesmo espazo, fomentando así as sinerxías, a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.

Os emprendedores ou empresas que queiran facer uso destas novas instalacións, deberán darse de alta no novo servizo e poderán realizar o seu traballo de forma individual nunha zona colectiva con acceso a Internet e outros servizos, ou nun espazo máis privado. O novo espazo exponse como a solución ideal para aqueles profesionais e autónomos, freelances ou microempresas que queren evitar o illamento con todo o que supón, e aforrar custos creando sinerxías e facilitando a conciliación, eixe principal do Concello de Ames.

O debate

O Pleno comezou co voceiro do grupo popular, Ramón García Argibay, dando conta das razóns polas que o Partido Popular de Ames solicitou un pleno extraordinario. “Solicitamos este pleno en aras a garantir a seguridade xurídica do procedemento de adquisición dun local para dedicalo a un centro coworking. A pesar de contar co apoio da Deputación da Coruña consideramos que se trata dun procedemento caótico e no que falta transparencia. Os pregos feitos para o proceso de licitación chirrían por todos lados. Por iso vémonos na obriga de pedir esta sesión plenaria, que agardamos que sexa un espazo de reflexión no que se poidan rectificar algunhas das decisións tomadas ata o de agora”.

Sobre os puntos a debater no pleno, o voceiro popular dixo que non debería haber dous procedementos abertos, se se optou polo procedemento de licitación debería de revocarse o acordo acadado en Xunta de Goberno Local no que se aprobou a adquisición directo do inmoble destinado a un centro coworking. “Este é un proceso con inseguridade xurídica”. Ademais, explicou que “non se estaban cumprindo os principios básicos que regulan a igualdade e a non discriminación, a obxectividade, a transparencia dos procedementos, a libre competencia e concorrencia dos posibles candidatos ao proceso de licitación”. Por último, puxo en dubida os criterios recollidos nos pregos que rexen o proceso de licitación, dos que dixo que “chirrían por todas partes” e destacou que a pesar do dito “é unha moi boa iniciativa para o concello de Ames”.

O concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, destacou que Ames necesita un centro coworking polo tipo de tecido empresarial que ten o municipio que é de base tecnolóxica. Aínda así dixo “é certo que o procedemento realizado é un pouco caótico. Eu véxome na obriga moral de que todo isto se aclare xa que é un procedemento que se leva realizado dende hai máis de dous anos, momento no que este grupo non estaba na actual corporación municipal”.

O concelleiro Quique Costas, de Ames Novo, dixo “teño dúbidas sobre a verdadeira finalidade deste pleno. Se se pide a nulidade do procedemento de adquisición directa e do procedemento de licitación é porque non se considera necesario este equipamento ou porque se fixo de forma que non se axusta ao dereito”. En todo caso, Quique Costas recalcou que “o Pleno non pode rebocar unha acordo da Xunta de Goberno Local. Se tedes a convicción de que se fixo algo de forma irregular o Pleno non é o lugar onde solucionalo. Este é un pleno totalmente ineficaz”.

Intervencións dos grupos de goberno

O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “se trata dun pleno innecesario e baleiro de contido. A nulidade dos procedementos que solicitan vostedes non é competencia plenaria, por iso digo que é un pleno baleiro de contido porque estamos debatendo sobre se se anulan uns procedementos legais que conta con informes favorables e que teñen o respaldo da Deputación. O que queren vostedes é un pleno mediático”. Miñones engadiu “nun primeiro momento apostamos pola adquisición directa do inmoble destinado ao centro de coworking, pero cambiamos de criterio porque os informes dos técnicos nos instaron a que se tiña que facer un procedemento de licitación aberto, pero máis alá diso non hai ningunha outra motivación”.

Segundo punto da orde do día

No segundo punto solicitouse convocar aos representantes dos grupos municipais a unha xuntanza co fin de afrontar a adquisición dun local, na zona do Milladoiro, para dedicalo a un espazo de coworking. Os dous puntos foron rexeitados co voto en contra dos membros do goberno e do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas. Os concelleiros/as do Partido Popular votaron a favor, mentres que o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, abstívose.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial