Ames, leva a pleno o Servizo de Axuda no Fogar

0

Ames, 25 de uño do 2020 – O concello de Ames retoma hoxe os plenos presenciais co ordinario de xuño ao que leva a aprobación do Servizo de Axuda no Fogar.

O Pleno de Ames celebrarase no Auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns para manter as distancias de seguridade. Outros temas que se debaterán será a incorporación ao inventario municipal do local adquirido no Milladoiro para un Coworking ou a aprobación do estudo de detalle do Plan Xeral no Rego dos Pasos.

Servizo de Axuda no Fogar

A proposta que o goberno municipal leva a pleno e a adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar á empresa Ulla Sar SL por un importe de 1.908.327,72 euros. A prestación do servizo iniciarase de maneira estimativa o 1 de agosto do 2020 e remataría o 31 de xullo de 2022. Ademais, poderíase ampliar o contrato ata un máximo de catro anos, incluído o período inicial e as prorrogas. O expediente de licitación de dito servizo foi aprobado por unanimidade no pleno ordinario de outubro de 2019.

Local para coworking no Milladoiro

Outro dos temas a tratar será a incorporación do local adquirido para o coworking ao inventario municipal de bens. O pasado 19 de maio, mediante decreto da Alcaldía, o Concello de Ames adquiriu, previa a correspondente tramitación administrativa, un local para o que será o novo centro coworking “A Proa”. A adquisición tivo lugar mediante compravenda, por importe de 574.999,26 euros, a entidade Santiago Sur Galicia SL. Posteriormente, o 22 de maio, formalizouse a adquisición a través de escritura pública. Dita escritura foi remitida ó Rexistro da propiedade de Negreira para a inscrición a nome do Concello de Ames do local adquirido. Non obstante, coa propia escritura pública de compravenda o local adquirido pode ser incorporado o inventario municipal de bens. Para iso deberase aprobar en Pleno.

Urbanismo

Ademais, abordarase a aprobación definitiva do estudio de detalle das parcelas R4 e R5 do ámbito de solo urbano non consolidado PB7-04 “Rego dos Pasos Sur II” do PXOM. O estudo de detalle ten por obxecto concretar as condicións estéticas e de composición da edificación nas parcelas R4 e R5, na zona de edificación aberta, da área de planeamento especifico PB7-04 do PXOM, en solo urbano non consolidado, que contempla vivenda colectiva en edificación aberta e en maza pechada. Para a zona do ámbito dentro da ordenanza de vivenda colectiva en edificación aberta, o 9 de maio de 2007 aprobouse un estudo de detalle, coa finalidade de ordenar os volumes edificables. Posteriormente, o 24 de setembro do 2009 aprobouse unha modificación do devandito estudo cuxo obxecto foi definir as alienacións da parcela R2.

O documento de estudo de detalle que se somete a debate, ademais do obxecto referido ás parcelas R4 e R5, tralo requirimento municipal, inclúe a coordinación co contido dos anteriores documentos de estudo de detalle aprobados, así coma coa equidistribución do ámbito. A concreción das condicións estéticas e de composición da planta ático da maza conformada polas parcelas R4 e R5, atópanse entre unha das finalidades dos estudos de detalle, co mantemento do uso establecido no planeamento e da edificabilidade. Os estudos de detalle poden ser formulados polos particulares lexitimados para facelo. Neste caso promovese pola Entidade Urbanística de Xestión do ámbito, na que se integran os propietarios do solo, polo que enténdese que a mesma posúe lexitimación suficiente para promover o presente instrumento de planeamento.

Nova plataforma de Administración electrónica

Está previsto que o día 1 de xullo os traballadores e traballadoras do Concello comecen a traballar a través da nova plataforma de Administración Electrónica. Un novo portal de acceso para o cidadán con múltiples procesos de xestión e unha carpeta cidadá onde cada veciño ou veciña poderá facer un seguimento dixital da súa solicitude, reclamación ou expediente, son algunhas das vantaxes que ofrece a nova plataforma.

A Corporación municipal deberá aprobar, se procede, que a data de desconexión da sede electrónica da Deputación Provincial da Coruña sexa o día 1 de xullo de 2020. Foi o pleno o que o 28 de febreiro de 2013 adoptou o acordo de creación da sede electrónica do Concello de Ames, cuxo enderezo electrónico de referencia era sede.concellodeames.org, configurándose como unha subsede da sede electrónica da Deputación Provincial da Coruña. Posteriormente, o 29 de setembro de 2016 o Pleno acordou modificar o dominio do enderezo electrónico da sede electrónica municipal que pasou a denominarse sede.concellodeames.gal.

A desconexión farase despois de que lle adxudicase á empresa ADD4U Soluciones para gestión y desarrollo SL o servizo de deseño e implantación da administración electrónica. Dito contrato ten como obxecto a adquisición dunha plataforma de administración electrónica o seu mantemento e evolución durante un período de 30 meses, e comprende, entre outras prestacións, o subministro dun portal (sede electrónica) para a tramitación electrónica con persoas, empresas e outras organizacións públicas e privadas de procedementos integrados no novo xestor de tramitación. Como consecuencia do anterior, resulta necesario deixar sen efectos a delegación feita na Deputación Provincial da Coruña relativa á creación da sede electrónica e da súa xestión e administración.

Ratificación de decretos

O Pleno tamén deberá aprobar, se procede, a ratificación de dous decretos: o decreto de Alcaldía número 965/2020 do 5 de maio de 2020 sobre a constitución de anticipo de caixa fixa 3/2020 para o pagamento das renda social de garantía mínima e das axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social durante o estado de alarma aprobado polo real decreto 463/2020, do 14 de marzo; e mailo decreto de Alcaldía número 1123/2020, de 28 de maio do 2020, sobre a aprobación derradeira do proxecto técnico corrixido das obras de reforma de vestiarios campo de fútbol Bertamiráns.

Propostas do grupo municipal socialista e do BNG

Por outra banda, a Corporación municipal debaterá tres propostas; dúas presentadas polo grupo municipal socialista e unha do BNG. Deste xeito, o grupo municipal BNG presentou unha proposta para a derrogación da Lei Montoro, mentres que o grupo municipal socialista presentou dúas propostas para a transferencia aos concellos, por parte da Xunta de Galicia, dun fondo extraordinaria para a contención da Covid-19 e a súa reconstrución social en Galicia; e outra para a creación dun Plan para reducir a fenda dixital e de aprendizaxe.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial