O goberno de Ames recupera a xestión de impostos e sube o IBI e o ICIO

0

Ames, 5 de novembro do 2019 – O pleno correspondente ao mes de outubro en Ames estivo cargado de contido entre o que destaca a subida, xa denunciada polo Partido Popular, do Imposto de Bens Inmobles e do Imposto sobre construcións, instalación e obras.

A sesión aprobou cos votos favorables do equipo de goberno, e a abstención dos grupos da oposición, a revogación parcial do acordo de delegación de competencias en materia tributaria na Deputación Provincial de A Coruña. Deste xeito o concello xestionará a partir de agora a inspección e recadación voluntaria de imposto pola utilización privativa ou aproveitamentos especiais constituídos no solo, subsolo e voo das vías públicas

Tamén afectará á recadación voluntaria das seguintes taxas de carácter periódico anual e notificación colectiva mediante padrón: a taxa por instalacións de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo, situados en terreo de uso público municipal, así como industrias na rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfico; taxa pola entrada de vehículos a través das beirarrúas e por reserva da vía pública para aparcadoiro exclusivo, carga e descarga de mercadorías de calquera clase; e a taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa.

IBI e ICIO

A subida do IBI e do ICIO contou co voto favorable de todo o equipo de goberno, a abstención de Ciudadanos e Ames Novo e o voto en contra do Partido Popular. Según o voceiro do PP “Se unha suba de impostos é innecesaria, inxustificada e antisocial, a suba do IBI, tamén coñecida como contribución, fai un dano especial as familias porque teñen que soportar unha carga impositiva aínda máis alta xa que non hai distinción nos niveles de renda, e dicir, a suba do IBI prexudica claramente as rendas máis baixas, aos que menos ingresos teñen, aos pensionistas e as persoas máis vulnerables”.

Servizo de axuda no fogar

O Pleno aprobou o expediente de licitación do servizo de axuda no fogar. O contrato anterior rematou no mes de agosto e, aínda que existe a posibilidade de conceder dúas prorrogas, o goberno decidiu adxudicar un novo contrato para o que era necesario aprobar o expediente en pleno. O orzamento máximo de licitación para a duración inicial do contrato ascende a 1.846.310,55 euros, mais IVE do 4%, o que fai un importe total de 1.920.162,98 euros. En canto ao valor estimado do contrato este ascende a 4.754.249,68 euros.

Limpeza viaria e xestión do punto limpo

A Corporación municipal, cos votos a favor do grupo de goberno e do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, e a abstención do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, e o grupo municipal do PP, tamén aprobou a revisión ordinaria do prezo do canon principal e tamén do canon da ampliación do contrato de limpeza viaria, co fin de actualizar o seu importe ao IPC a 31 de decembro de 2018, así como aos incrementos salariais segundo o Convenio Colectivo do Persoal.

Agrupación de Voluntarios de Protección Civil

Outro dos asuntos que saíu adiante, por unanimidade, foi a proposta de modificación da porcentaxe de financiamento da subvención nominativa á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Ames recollida na bases de execución do orzamento municipal 2019, por razóns de excepcional interese público, pasando a financiarse o custo total do proxecto da subvención nominativa recollida no orzamento municipal de 2019 para esta agrupación. O Concello soamente podería subvencionar o 80% dos custes de funcionamento da Agrupación; sen embargo, neste caso debe terse en conta que a Agrupación non dispón de outros recursos públicos ou privados que lle permitan facer fronte ao 20% restante da súa actividade e polo tanto non poderían xustificar a porcentaxe do 20%. Esta agrupación ten asignada unha subvención nominativa de 17.000 euros para gastos de funcionamento.

Mocións

A Corporación municipal aprobou, coa abstención do concelleiro de Ciudadanos José Ramón Oulego, e o voto en contra do concelleiro de Ames Novo e o Partido Popular, unha moción presentada por vía de urxencia polo grupo de goberno relativa á primeira fase dos orzamentos participativos deste ano. A principal crítica de Ames Novo e Partido Popular tiña que ver coas formas xa que estes orzamentos participativos non foran levados a comisión informativa e, según o PP ” sen realizar ningún dos trámites para que a veciñanza presentara e votara as propostas”.

O importe da anualidade para desenvolver os proxectos ascende a 122.819,97 euros, con partidas destinadas a parques e xardíns na parroquia de Bugallido; á ampliación e reparación de estradas e camiños nas parroquias de Tapia, Ames, Ortoño e Ameixenda; ou para o acondicionamento dos locais sociais de Agrón, Lens e Trasmonte. Inclúense tamén dúas partidas para a mocidade, co fin de construír dous anfiteatros, un no Milladoiro e outro no lugar de Lapido, preto de Bertamiráns, para organizar festas, teatro e cine ao aire libre.

Enfado e marcha do Partido Popular por non debaterse unha moción

Asemade, non chegou a debaterse unha moción in voce presentada polo grupo municipal do Partido Popular, relativa aos Servizos Complementarios do Concello. Dende o grupo de goberno advertiuse que o asunto que se pretendía debater tratábase dun rogo e que polo tanto debería ser tratado como tal no apartado de control de goberno e non como unha moción, situación que provocou que os concelleiros e concelleiras do PP abandonasen a sesión.

O voceiro Popular, Ramón Gª Argibay, intentou sen éxito que se debatera, expoñendo situacións como o que acontece no CIP A Maía, onde deixouse de prestar un servizo que se estaba realizando dende hai anos como é o acompañamento do alumnado ao pavillón de Bertamiráns para aqueles que realicen actividades deportivas despois do comedor. O Concelleiro de Educación, de forma unilateral e sen contar coas familias, decidiu suprimir este, a pesares que o Regulamento da Rede Municipal de Comedores, Bos Días Cole e Tardes Divertidas, no seu Artigo 10, apartado Ñ que textualmente di: “Trasladar aos nenos/as aos diferentes espazos destinados ao desenvolvemento das actividades dentro e fóra do centro, e vixiar a súa conduta durante eses traslados”, permitiría esta posibilidade xa que na letra V.3, faise mención a “Trasladar aos nenos e nenas ás actividades extraescolares desenvolvidas nas instalacións do centro escolar e durante a duración dos servizos, realizaranse (sempre que a organización do servizo o permita) previa solicitude e autorización por escrito dos proxenitores/titores.”

Na mesma moción tamén se solicitaba que se puxera remedio dunha vez por todas ao incumprimento de cubrir as axendas que se utilizan para facer un seguimento das cantidades de alimentos que inxeriu o neno ese día, así como calquera outra incidencia que se produza digna de mención, rematando o cúmulo de despropósitos ao non ter preparada unha alternativa axeitada.

Na moción, tamén se trasladaba a queixa das familias polo retraso acumulado e agrupamento de recibos nun mesmo mes, o que supuxo xa unha queixa na Valedora do Pobo e da cal, o goberno socialista non fixo nin caso.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial