Ames pon en marcha os obradoiros de emprego Accede e RenovAmes-Brión

0

 O obradoiro RenovAmes terá unha duración de seis meses e conta con 15 alumnos/as traballadores/as e 4 persoas que forman o persoal docente e administrativo. Este obradoiro está dirixido á colocación de equipamentos térmicos de biomasa

Un momento da presentación dos obradoiros

Un momento da presentación dos obradoiros

Ames, 08/09/2016 – O alcalde de Ames, José Miñones, e maila concelleira de Promoción Económica, Isabel González, achegáronse a primeira hora desta mañá polas dependencias do centro de formación de Aldea Nova para darlle a benvida aos 15 alumnos-traballadores que comezaron a formarse e traballar no obradoiro de emprego “RenovAmes-Brión”. As autoridades municipais, que estiveron acompañados dos axentes de desenvolvemento local dos Concellos de Ames e Brión, tamén saudaron o equipo docente. A semana pasada púxose en marcha o obradoiro de emprego “Accede” do que se están beneficiando 20 alumnos-traballadores e 6 persoas que forman o equipo docente e administrativo. Ademais, na actualidade estase realizando o proceso selectivo do programa integrado para o emprego InserAmes-Brión IX. Destes programas e obradoiros (Accede, RenovAmes, Rede Xiana e InserAmes-Brión) estanse beneficiando 109 participantes e 12 profesores/as.

O alcalde de Ames, José Miñones, animou ao alumnado a aproveitar a formación que lles vai impartir o persoal docente durante seis meses. “Este obradoiro de emprego é moi ilusiónante, especialmente porque está dirixido á mocidade de Ames e Brión. Trátase dun obradoiro posto en marcha entre tres administracións distintas como son os Concellos de Ames e Brión, que xa levamos anos colaborando nestas iniciativas, e maila Xunta de Galicia que financia o obradoiro. Anímovos a que aproveitedes esta oportunidade que se vos ofrece xa que ides recibir formación teórica e práctica. Ademais, os Concellos tamén nos beneficiaremos do voso traballo coa instalación de equipamentos térmicos de biomasa en diversos locais municipais”.

O obradoiro RenovAmes terá unha duración de seis meses e conta con 15 alumnos/as traballadores/as e 4 persoas que forman o persoal docente e administrativo. Este obradoiro está dirixido á colocación de equipamentos térmicos de biomasa (mellora da eficiencia enerxética) nos locais sociais de Augapesada, Piñeiro, Biduído e na escola unitaria da Tarroeira (Ames), así como nos locais sociais dos Ánxeles, da banda de música municipal, da escola de música e da biblioteca municipal (Brión). Este obradoiro enmárcase dentro do programa de garantía xuvenil da Xunta de Galicia, para menores de 30 anos. Deste xeito, a maioría dos mozos/as que participan nesta iniciativa é o primeiro contrato laboral que teñen.

Outro dos obradoiros, que se puxo en marcha a semana pasada no Centro de usos múltiples de Aldea Nova, é o proxecto Accede no que participan 20 alumnos/as traballadores/as e outras 6 persoas do equipo docente e administrativo durante seis meses. Neste caso este proxecto está dirixido a realizar obras de pavimentación e albanelería para mellorar a accesibilidade dos espazos públicos municipais. Deste xeito, realizaranse traballos na praza da Maía e na parte superior da praza de Chavián, en Bertamiráns, e na avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro.

Nestes obradoiros de emprego vaise a combinar o aprendizaxe teórico coa formación práctica a través da realización de diferentes traballos de instalación de equipamentos térmicos de biomasa e de mellora da accesibilidade. Asemade, en ambos casos os alumnos-traballadores van a obter un certificado de profesionalidade, e no caso do alumnado do obradoiro RenovAmes, isto permitirá que estas persoas poidan obter posteriormente o carné de instalador oficial. A través destes obradoiros estas persoas acceden o mercado laboral co obxectivo de formarse en sectores nos que poidan continuar traballando unha vez finalizadas estas iniciativas.

Programa integrado para o emprego InserAmes-Brión

Por outra banda, cómpre destacar que o pasado 31 de agosto rematou a oitava edición do programa integrado para o emprego InserAmes-Brión. Ao longo dun ano atendeuse a un total de 80 participantes de ambos concellos, menores de 30 anos, desempregados e con cualificación máxima de bacharelato. Nesta edición alcanzouse un nivel de inserción que se achega ao 50%. Deste xeito, superouse o obxectivo de inserción inicial establecido no 40%.

De seguido, o 1 de setembro o Concello comezou o proceso de selección do alumnado e profesorado da novena edición do InserAmes-Brión, que conta cunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 104.426 euros, e un orzamento total de 130.532 euros. Deste proxecto beneficiaranse 60 alumnos/as e 2 titores/as. Esta iniciativa terá unha duración de 12 meses nos que se impartirán diversos cursos e accións formativas e que contará con servizo de titorías individuais.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial