Ames aproba 16 proxectos con cargo ao POS+ 2018

0

Ames, 21 de Nadal do 2017 – O pleno de Ames aprobou por unanimidade a participación do Concello no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) POS+ 2018 da Deputación provincial da Coruña.

O Concello de Ames disporá de 1.614.628,84 euros, dos cales 140.000 euros dedicaranse ao financiamento de actividades e material das áreas de Cultura, Deportes, Servizos Sociais, Turismo e Promoción Económica, e 1.474.628,84 a diferentes investimentos. Desta contía, 423.005 euros corresponden a achega provincial de 2018 (antigo POS); 552.355,26 euros son da achega provincial de 2017 (antigo PAS); e 499.268,58 euros do préstamo provincial de 2018 (antigo PAI). O 60% do importe destinado a investimento (884.777 euros) dedicarase a financiar proxectos que se van a executar no rural de Ames.

Senda peonil da Ponte Nova a Ponte Maceira

A través da achega provincial 2018 (antigo POS), que está dotada de 423.005 euros, vanse a sufragar seis proxectos. Á pavimentación dos viarios interiores en Fraíz e a Moniña en Biduído dedicaranse 151.305,01 euros. Estas dúas actuacións van xuntas pero son dous proxectos diferentes. O terceiro proxecto incluído é a pavimentación dos viarios interiores da urbanización das Mimosas (85.309,19€). Tamén se incluíu a construción de dúas pistas de tenis en Aldea Nova (79.121,65 euros); a construción dunha senda peonil desde a Ponte Nova á Ponte Maceira e a mellora do acceso a Piñor en Agrón (107.269,15€). Estas dúas actuacións, aínda que van xuntas, tamén son dous proxectos diferentes.

A achega provincial 2017 (antigo PAS), que está destinada a obras financeiramente sostibles, ascende á contía de 552.355,26. Desta contía total, 179.247,73 euros serán destinados ao acceso a Carreira e aos viarios do núcleo de Pedras, en Ames. Á ordenación e á mellora viaria de Cantalarrana e do Carballido, en Ortoño, destinaranse 108.383,15 euros. O proxecto do camiño do Santo a Mourigade e de Maguxe ata a ponte de Lapido, tamén en Ortoño, dispón de 144.780,17€. Estas dúas actuacións van xuntas pero son dous proxectos diferentes.

Por outra banda, a obra de acceso de Leboráns a Calo, en Trasmonte, ascende a 88.048,37 euros, mentres que as actuacións que se pretenden realizar por mor da adaptación á normativa en vigor de seis parques infantís do Concello de Ames (catro da zona rural, un de Bertamiráns e outro do Milladoiro) teñen un custo de 31.895,84 euros.

Cubrición de dous parques infantís

A cifra do préstamo provincial que a Deputación realizará ao Concello de Ames no exercicio 2018 (antigo PAI) alcanza os 499.268,58 euros, dos cales 115.835,85€ irán destinados á mellora da seguridade viaria nos centros de ensino secundario e de primaria de Bertamiráns. A pavimentación dos viarios do núcleo de Vilouta, en Tapia, recibirá un total de 112.014,57 euros desta partida. Así mesmo, 81.642,33€ serán destinados á mellora da accesibilidade universal no polideportivo municipal do Milladoiro, mentres que 189.775,83 euros serán destinados á instalación e cubrición da área de xogos, ordenación e implantación de elementos no parque infantil da praza de Chavián en Bertamiráns.
O Plan Complementario do ano 2018 inclúe, a maiores, unha achega de 521.445,80 euros. Unha suma que acollerá a realización de diferentes actuacións: a mellora do camiño de Quistiláns ao cemiterio e dos viarios do lugar de Quistiláns, en Bugallido, terá destinados 136.820,22 euros; a rehabilitación de espazos deportivos en Bertamiráns recibirá 101.790,40 euros; a instalación dunha cuberta na área de xogos do parque infantil de Agro da Vella no Milladoiro obterá 190.393,60 euros; e, por último, a mellora da accesibilidade no pavillón municipal de Bertamiráns recibirá 92.441,58 euros.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial