займ срочно

Ames presenta a segunda edición de Cinema Crianza

0

Ames, 7 de novembro do 2018 –  A segunda edición do Festival Internacional de Cinema Infantil e Familiar Cinema Crianza arranca o vindeiro xoves, 15 de novembro, Organizado polo Concello de Ames e a cooperativa cultural Urdime, coa colaboración da Deputación da Coruña.

Cinema Crianza afiánzase como referente internacional coa recepción de 2.000 propostas audiovisuais procedentes de máis de 90 países. A selección das 73 pezas finalistas que optarán aos premios Axóuxeres, Buxainas e Premio do Público realizouse con películas procedentes Europa, América, Asia e África, entre eles, Irán, India, USA, Rusia, Austria, Noruega, Israel,Turquía, Italia, Francia, Reino Unido, España, Venezuela, Arxentina, Brasil, Canadá, México, Xapón ou Exipto.

O certame ten prevista unha programación especial en torno ao audiovisual e o ensino coa proxección guiada dunha selección de curtametraxes para medio milleiro de alumnos de centros escolares da zona. Posteriormente, celebrarase unha mesa redonda na que, baixo o título ‘Cruce de Camiños’, educadores e creadores reflexionarán sobre o cinema como instrumento para coñecer a realidade, fomentar valores  e potenciar o espírito crítico desde a infancia. Que produtos audiovisuais se precisan nas aulas?; É necesario como materia lectiva? ou Por que son escasas as producións para público infantil e xuvenil? serán algunhas das preguntas ás que se tentará dar resposta.

O sábado 17, a compañía de teatro Cachivache guiará aos asistentes a través da ‘Feira das Ilusións’, unha exposición que mostra a maxia da física e a física da maxia a través de varios xoguetes e dispositivos que, entre o século VIII e o XX, sentaron as bases do que foi despois o cinematógrafo.

A Cerimonia de Clausura coa entrega de premios incluirá a exhibición do clásico ‘O Globo Vermello’, do francés Albert Lamorisse, unha conmovedora simbolización dos soños e da crueldade dos que tratan de coartarlos. O mediometraxe, Palma de Ouro en Cannes en 1956 e Óscar a mellor guión, é un recurso habitualmente empregado para falar na aula da amizade ou a importancia de ser un mesmo.

A aposta por xuntar cinema e educación enmárcase na filosofía coa que nace Cinema Crianza: a de converterse, ademais de en escaparate para novos cineastas, nunha xanela aberta que favoreza que o público infantil de Galicia acceda a un cinema diferente e multicultural de alto contido social e de calidade.

A presentación desta iniciativa realizouse no salón de plenos da Casa do Concello de Ames. Dita presentación correu a cargo da primeira tenente e alcaldesa en funcións, Genma Otero; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o director do Festival, Marcos Nine, e a coordinadora da cooperativa cultural Urdime, Cristina Fiaño.

Estreas e novidades

As curtas finalistas que optan aos premios Axóuxeres e Buxainas poderanse ver na Casa da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, do venres 16 ao domingo 18 de novembro. Trátase de filmes e videoclips para toda a familia que farán voar a imaxinación e creatividade do espectador coa música, o fútbol, o medio ambiente, a familia ou o paso do tempo como leiv motiv.

Como novidades, o sábado todos os asistentes poderán cantar ao son de Magín Blanco, que presentarán o seu último videoclip ‘O avó Leié’. O  domingo, antes da entrega de premios, poderase gozar da estrea da última curta galega de animación de Manel Cráneo, ‘Pichük’, con Miguel de Lira.

Os filmes proxectaranse en 11 sesións, por recomendacións de idade: para bebes, maiores de 2 anos, a partires dos 5 e maiores de 7 anos. A sesión de inauguración terá lugar o venres 16, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns coa proxección de 9 curtas dentro do bloque Narracións extraordinarias (+5 anos), co que se afondará no reino da fantasía.

O sábado comezarase, ás 12.00 horas, en Bertamiráns coas curtas de Pequenas Criaturiñas (+ 2), para gozar de cores, música e bechiños de partes remotas do planeta. Fóra de concurso os nenos e nenas poderán cantar con Magín e outros artistas con Música para Parrulos (0 anos).

Esta edición Cinema Crianza inclúe bloques novos con propostas nas que o fútbol, o medio ambiente ou a música serán os protagonistas: Brotes Verdes (+5), O Reino das Harmonías (+7) e Arredor dunha Pelota (+7) poderanse ver o sábado pola tarde, día que rematará coas curtas de A miña familia e outros animais (+7), porque o mundo aos 7 é complexo e precisa ser contado.

O domingo, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, poderase ver unha selección de 6 curtas no bloque Primeiras Aventuras, ao que lle seguirá unha nova sesión de ‘A miña familia e outros animais’ e ‘Narracións Extraordinarias’. A clausura e entrega de premios celebrarase a  partires das 18.00 horas.

O xurado

Esta edición contará coa presenza como xurado do director xeral da Academia Galega do Audiovisual, Miguel Mariño; a directora e realizadora Sandra Sánchez e a guionista Sara Gómez Iglesias.

Sandra Sánchez é autora do filme ‘Tralas Luces’, nomeado no Festival de Cine de Donosti e que recibiu dous Mestre Mateo á Mellor Director e Mellor Montaxe. Entre os documentais que dirixiu destaca ‘Aguiño, sobrevivir ao Prestige’ e ‘Moito Mar’.

Pola súa banda, Sara Gómez Iglesias é guionista, deseñadora de proxectos audiovisuais e fotógrafa. É responsable do guión de series e películas para televisión como ‘Padre Casares’, ‘Matalobos’, ‘África’ ou ‘Cinco días de Nadal’.

Miguel Mariño é director xeral da Academia Galega do Audiovisual. En 2007 inicia como artista unha investigación centrada nos procesos analóxicos da imaxe cinematográfica que o levou a expoñer en varios países de Europa e América.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies