Ames instala dous puntos de recarga para coches eléctricos

0

Ames, 9 de novembro do 2018 – O Concello de Ames, en colaboración coa empresa galega Movelco acaba de instalar dous puntos de recarga para coches eléctricos na praza do Concello de Bertamiráns, e na Casa da Cultura do Milladoiro.

A recarga con estes postes, de titularidade municipal, será gratuíta, mediante o uso de tarxetas. O goberno municipal ten a idea de que ditas tarxetas sexan facilitadas, de xeito gratuíto, polo propio Concello directamente aos condutores de coches eléctricos residentes en Ames. Ademais, haberá varias tarxetas en distintos edificios municipais para aquelas persoas de fóra de Ames que desexen empregar estes puntos de recarga. Estes/as usuarios/as,  con independencia do seu lugar de residencia, poderán solicitar dita tarxeta, facer a recarga, e devolvela. Trátase, ademais, de puntos de recarga rápidos, para maior comodidade dos condutores.

A instalación destes puntos de recarga enmárcase dentro dunha partida orzamentaria para fomentar o uso de vehículos eléctricos, híbridos e de hidróxeno, como alternativa aos de combustible, para reducir os niveis de contaminación. Segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, “Ames é un concello peculiar, tanto polo seu gran tamaño, como por ter a poboación máis nova de toda Galicia e, a pesar de que non temos aínda tantos coches eléctricos como quixésemos, con isto pretendemos tamén que a xente se anime a pasarse á electromobilidade”. Neste sentido, o concelleiro explicou que, dentro dos plans do Concello, contémplase, igualmente, a substitución progresiva da frota municipal por vehículos eléctricos, mediante a modalidade de renting. “Os propios concellos temos que dar exemplo, e facilitar aos cidadáns que se pasen ao coche eléctrico, pondo cargadores e dándolles acceso”, subliñou, á vez que  destacou as facilidades dadas por Movelco durante todo o proceso, “rápido e sen complicacións”. Precisamente, unha das vantaxes de Movelco é que, ao ofrecer solucións integrais, os seus proxectos son “chave en man”, de xeito que o cliente pode despreocuparse de todo.

Pioneiros en Galicia

Pola súa banda, o director xeral de Movelco, Rubén Blanco, eloxiou a iniciativa do Concello de Ames, que dixo “xoga na mesma liga que cidades como Madrid ou Barcelona”, ao fomentar a electromobilidade e ser “dos pioneiros en Galicia en instalar puntos de recarga, antes mesmo que cidades grandes”.  Blanco referiuse tamén ao feito de que Movelco sexa un grupo empresarial galego, polo que poder ver en Galicia que se aposta pola mobilidade eléctrica supón “unha dobre alegría”. “En Madrid e Barcelona ou Baleares hai políticas máis activas e a cidadanía está máis concienciada, e hai certas axudas… Pero en Galicia, que é a nosa casa, sen ningún tipo de incentivo ou apoio económico, que un Concello como Ames dea este paso, é todo un exemplo a seguir, que esperamos que copien outros municipios”, engadiu. Neste sentido, Blanco desexou que a colaboración co Concello de Ames prolónguese no tempo, para que este municipio poida converterse en modelo de poboación concienciada co medio ambiente e, en consecuencia, coa mobilidade eléctrica. “É o futuro, e un concello de xente nova, como o de Ames, sábeo”, concluíu.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial