Ames reclama melloras no transporte sanitario

0

Ames, 2 de maio do 2019 – A Corporación municipal aprobou por unanimidade, no último pleno ordinario, unha proposta na que se solicita unha mellora da atención sanitaria urxente no transporte sanitario no concello de Ames.

Ames reclama á Consellería de Sanidade a reorganización dos recursos RTSU do 061 de Galicia e que o concello de Ames poida contar cunha ambulancia (Unidade Soporte Vital Básico) con sede no termo municipal. Ademais, solicitase realizar un estudo serio e rigoroso sobre o transporte sanitario, contrastando o número de urxencias atendidas, urxencias trasladadas ao CHUS, tempos de resposta, tempos de asistencia, tempos de traslado ao CHUS, etc.

As urxencias sanitarias en Galicia están xestionadas pola Fundación pública 061 Urxencias Sanitarias de Galicia, integrada na rede asistencias do SERGAS e dependente da Consellería de Sanidade. O 061 de Galicia, servizo con pouco máis de 20 anos de existencia, é un elemento fundamental da asistencia sanitaria en Galicia. Trátase dun dos servizo máis valorados pola cidadanía e converteuse no principal actor sanitario na coordinación da atención sanitaria urxente.

A estrutura da asistencia sanitaria urxente polo 061 basease, se xeito simplificado, en dous elementos fundamentais. O primeiro é a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia (CCUS), onde se reciben unhas 3.200 chamadas ao día de demanda urxente que son filtradas, analizadas e reciben unha resposta por parte dun equipo multidisciplinar composto por persoal sanitario, técnicos e operadores. Outra das súas funcións fundamentais é a de coordinar todos os recursos de asistencia sanitaria urxente de Galicia, tanto na asistencia sanitaria urxente primaria, como especializada. O segundo elemento fundamental son os recursos móbiles, compostos por dúas redes diferenciadas, complementarias e coordinadas pola CCUS. Por unha banda, a Rede de recursos medicalizados, Unidades de Soporte Vital Avanzado (USVA) aéreas e terrestres con persoal sanitario e técnico e a Rede de Transporte Sanitario Urxente (RTSU) con Unidades de Soporte Vital Básico (USVB) con persoal técnico.

A Área de Transporte Sanitario Urxente (ATSU) na que se atopa o concello de Ames conta cunha Unidade de Soporte Vital Básico (USVA) que ten a súa base no concello de Negreira, dando cobertura sanitaria aos concellos de Ames, A Baña, Brión e Negreira. Estas ambulancias contan con/cunha condutor/a técnico/a en emerxencias sanitarias e unha axudante/a técnico/a en emerxencias sanitarias. Ademais, hai que destacar que non todo o concello de Ames está atendido pola ambulancia con base en Negreira, xa que tanto O Milladoiro como parte de Biduído están incluídos na área de Santiago de Compostela, que conta con dúas unidade de SVB, pero que atende a Santiago de Compostela, Teo, Boqueixón, Vedra e unha parte do municipio de Trazo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial