займ срочно

Ames aproba a renda social de garantía mínima

0

Ames, 2 de setembro do 2017 –  O pleno de Ames aprobou por unanimidade a a renda social de garantía mínima, axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social, e uso da vivenda de tránsito e/ou soporte socio-educativo destinadas todas a colectivos en situación de vulnerabilidade.

A ordenanza da renda social de garantía mínima e das axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social está dirixida a veciños que no  momento actual  aínda non recuperaron o seu poder adquisitivo e que seguen sendo castigados pola crise, que non teñen emprego nin prestacións, ou mesmo que tendo emprego este é tan precario que son simplemente traballadores os cales esa insuficiencia de recursos non a ven paliada por ningunha outra Administración o que non lles permite levar una vida minimamente digna.

A concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, dixo da renda social  que “esta ordenanza pretende garantir unha contía económica mínima coa que estes veciños e veciñas con recursos económicos e patrimoniais insuficientes poidan cubrir as súas necesidades básicas e que lles permita levar unha vida normalizada cunhas perspectivas de futuro favorables. Estamos convencidos de que o investimento nas persoas é un investimento prioritario e de aí que se plantexa esta renda básica non como una axuda complementaria senón  como una prestación social que faga efectivos os dereitos das persoas”.

A elaboración da ordenanza de renda social trae consigo unha modificación substancial da aínda vixente ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social municipal. A principal diferenza radica na regulación de dous tipos de axudas: a renda social de garantía mínima (prestación periódica de natureza económica, temporal, subsidiaria e vinculada a un proxecto de inclusión social) e as axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social (esta substituirá á actual ordenanza de emerxencia social).

Vivenda de tránsito e/ou soporte socio-educativo

O Pleno tamén aprobou por unanimidade a ordenanza que regula o uso da vivenda de tránsito e/ou soporte socio-educativo destinada a colectivos en situación de especial vulnerabilidade ou en risco de exclusión social. A través desta actuación preténdese ofrecer unha solución habitacional de urxencia para os veciños e veciñas que o precisen. Principalmente, consiste nun aloxamento de carácter temporal e urxente en réxime de autoxestión para colectivos especialmente vulnerables que carezan de recurso residencial e/ou recursos económicos e  apoialos no desenvolvemento das capacidades necesarias para a busca activa de vivenda e a recuperación dunha vida autónoma, proporcionándolles información, apoio e recursos sociais, psicolóxicos, e económicos que lles axuden na súa inserción social, así como ofrecéndolles pautas socio educativas, orientándoos en aspectos xurídicos e legais e formándoos en valores de igualdade e resolución de conflitos.

Taxas do cemiterio municipal

Tamén foi aprobada cos votos a favor dos membros do goberno e dos concelleiros/as dos grupos de Ames Novo, Partido Popular e do concelleiro non adscrito, Javier López, e coa abstención dos edís de Pacto por Ames, a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa de utilización privativa do cemiterio municipal. A corporación municipal adoptou o acordo de establecemento e regulación das taxas pola utilización privativa do cemiterio municipal. Nembargantes, detectouse a falta de regulación para o caso previsto no regulamento do servizo de concesión temporal non renovable, que se outorgará para o inmediato depósito dun cadáver ou restos cadavéricos. Debido a iso é preciso modificar os artigos 6 e 9 da devandita ordenanza.

Obras no IES plurilingüe de Ames

A unanimidade douse tamén na aprobación da declaración de especial interese municipal das obras de peche dunha pista deportiva do IES plurilingüe de Ames para destinala a sala de usos múltiples. Así, establécese unha bonificación do 95% sobre o ICIO desta obra.

Tamén se aprobou a modificación no proxecto de reparación e mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno, dos concelleiros de Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, e coa abstencións dos edís do Partido Popular e de Pacto por Ames. Unha vez levantado o chan do auditorio detectouse que estaba bastante deteriorado, polo cal a empresa adxudicataria das obras recomendou que se fixera un cambio completo do chan. Isto provocou un incremento no orzamento de execución, resultado da licitación, aumentando o mesmo na contía de 5.129,93 euros.

 Por último, aprobouse a fixación dos festivos locais para o exercicio 2018, que serán o martes de Entroido (13 de febreiro) e mailo día da Ascensión (10 de maio). Este punto saíu adiante co voto a favor dos concelleiros do goberno e de Ames Novo, mentres que os edís do Partido Popular e de Pacto por Ames votaron en contra xa que propuxeron incluír o día de San Xosé (19 de marzo) como festivo local e eliminar o martes de Entroido. O concelleiro non adscrito, Javier López, abstívose na votación.

Proposta presentada por Ames Novo

O grupo municipal de Ames Novo presentou unha proposta contra o anteproxecto de modificación da Lei 8/2008 de saúde de Galicia, na que se insta á Xunta de Galicia a retirar o anteproxecto de Lei que modifica a Lei 8/2008 de 10 de xullo de Saúde de Galicia. Tamén se solicita que se adapte a estrutura territorial do SERGAS a das comarcas do país, con grandes áreas urbanas e outras máis dispersas, creando áreas asimétricas con cabeceiras nos grandes hospitais xerais, e tamén, nos comarcais. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno e dos concelleiros de Ames Novo, mentres que os edís do Partido Popular, de Pacto por Ames e o concelleiro non adscrito, Javier López, votaron en contra.

Ademais, os grupos Ames Novo, PsdeG, Contigo Pódese e BNG presentaron unha moción por vía de urxencia de apoio á ILP en defensa da filosofía no ensino. Esta moción foi aprobada cos votos a favor dos membros do goberno e dos concelleiros de Ames Novo, Partido Popular e Pacto por Ames, mentres que concelleiro non adscrito, Javier López, abstívose. Coa aprobación de dita moción o Pleno expresa o seu apoio á ILP presentada no Parlamento de Galicia en defensa da formación filosófica no ensino e ínstase a todos os grupos políticos do Parlamento Galego a apoiar a ILP en defensa da Filosofía no ensino.

EDAR do Souto

Unha vez finalizado o Pleno un membro da Asociación de Veciños de Quistiláns “O Cantiño” tivo a oportunidade de intervir ante a corporación municipal para falar da reclamación que están facendo os veciños e veciñas amesáns afectados polo proxecto de construción da EDAR do Souto. Dende esta asociación preguntouse polo que pode facer o Concello de Ames e que accións vai a levar a cabo para evitar a construción desta infraestrutura no lugar do Souto, en Santiago de Compostela, a 300 metros de vivendas que pertencen ao municipio de Ames.

O alcalde, José Miñones, indicou que no pasado pleno de febreiro a corporación municipal aprobou por unanimidade unha moción para participar nas xuntanzas da Comisión de seguimento para estar informado das actuacións que están realizando neste eido. Asemade, solicitouse que se inclúa un estudio de impacto ambiental no anteproxecto e que se abra un novo período de alegacións ou consultas, para que o procedemento teña as máximas garantías legais na súa tramitación. Tamén se acordou comunicar á Comisión de seguimento que o Concello de Ames iniciará as accións legais correspondentes na defensa dos intereses dos veciños e veciñas que poidan verse afectados no concello de Ames polo proxecto EDAR do Souto, de ser o caso.   

Ademais, o rexedor municipal explicou que ata que o anteproxecto estea rematado non poderá ser revisado, e polo tanto, non se poderán presentar alegacións. Por último, lembrou que o Concello vai a defender os intereses dos veciños e veciñas de Ames, pero quen realmente ten competencias neste asunto é o Concello de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Medio Ambiente.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies