Ames comeza o segundo semestre do Vives Emprende

0

Ames, 24 de setembro do 2019 – O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, e a organización Acción contra a Fame, inician o segundo semestre da iniciativa de formación Vives Emprende

O programa asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, con atención especial a mulleres. Vives Emprende impartirá seis talleres ao longo do que queda de setembro e outubro.

Estas actividades serán impartidas nas instalacións do Centro multiusos de Aldea Nova, en horario de 9:30 a 13:30 horas. A técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar, é a encargada de coordinar ditos talleres e de impartir as asesorías individuais.

Programa de obradoiros

O primeiro obradoiro desenvolverase este mércores, 25 de setembro, e tratará sobre a idea de negocio e a proposta de valor, tanto presente como aumentada e futura. Ao día seguinte, o xoves 26 de setembro, a técnica de Acción contra a fame introducirá aos asistentes nos estudos de mercado e competencia, facendo unha análise da mesma e dando a coñecer as técnicas de investigación. O luns, 30 de setembro, o obradoiro versará sobre fiscalidade e financiamento, analizando formas xurídicas e aspectos fiscais e financeiros.

No mes de outubro desenvolveranse outras tres accións formativas. Así, o martes día 1 afondarase na clientela, coa segmentación de clientes e o coñecemento do público obxectivo ao que se dirixe a empresa. O mércores día 2 afondarase no plan de márketing, co que se guiará aos alumnos/as no coñecemento dos aspectos e variables básicos do márketing e a súa aplicación. Por último, o xoves día 3 o taller versará sobre comercialización e canles de distribución.

Un itinerario completo para axudar a emprender

Vives Emprende consiste nun itinerario que comprende desde a definición da idea de negocio ata a súa posta en marcha, e, se é necesario, a súa consolidación. Comeza cun diagnóstico de competencias e o deseño dun plan individualizado. De seguido, as persoas participan en sesións de grupo e individuais para adestrar competencias necesarias para emprender como a autoconfianza, a creatividade ou a comunicación, así como a construír un modelo de negocio, elaborar un plan de empresa… Ademais, teñen a posibilidade dun microcrédito de ata 25.000 euros para a constitución do seu negocio.

Acción contra a fame é unha organización humanitaria internacional que loita contra as causas e os efectos da fame. Salvan a vida de nenos e nenas desnutridos. Garanten ás familias acceso a auga segura, alimentos, formación e coidados básicos de saúde. En España traballan contra o desemprego e pola inclusión sociolaboral de persoas con dificultades de acceso ao mercado de traballo.

As persoas interesadas en participar poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial