O Pleno de Ames aproba a solicitude de reversión  da parcela cedida para o parque comarcal de bombeiros

0

Ames, 3 de marzo do 2018 – A sesión ordinaria do Pleno de Ames aprobou por unanimidade solicitar a reversión da parcela cedida para o parque de bombeiros comarcal. O pleno aprobou tamén o proxecto técnico do camiño en Punxeiras baixas e outros; a desafectación dun camiño público situado no lugar de Firmistáns para ser incluído como ben patrimonial entre outras cuestións.

Un dos puntos máis importantes que se debateu foi a solicitude de reversión da parcela cedida para o parque comarcal de bombeiros. Este punto saíu adiante co voto favorable de toda a corporación municipal. Cómpre lembrar que a parcela EQ3, que está situada no sector S-16 Galdrachán, no Milladoiro, conta cunha superficie de 4.669,39 metros cadrados, e foi cedida na sesión plenaria do 30 de outubro de 2008 á Xunta de Galicia para construír no Milladoiro o parque comarcal de bombeiro. Co recente acordo entre Xunta Deputación e concellos esa parcela xa pode volver a ser propiedade de Ames. O alcalde, José Miñones, explicou que “Esa parcela cedeuse en 2008, nun momento no que na contorna non existía o instituto e maila igrexa do Milladoiro, polo que agora cremos que esa non e a mellor ubicación para dito parque”.

Outros asuntos aprobados

Outros puntos da orde do día que foron aprobados por unanimidade foron o proxecto técnico denominado Camiño en Punxeiras baixas e outros que conta cun orzamento de 52.250,22 euros. Este proxecto preténdese sufragar coa subvención de 43.182 euros, que achega a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a través do plan de mellora de camiños municipais 2018-2019. O importe de 9.068,22 correspondente ao IVE debe ser asumido polo Concello de Ames. Este proxecto recolle a mellora de dous camiños: o viario de Punxeiras, que vai dende a escola unitaria, e outro que é o camiño que bordea o lugar de Seares de Abaixo. Tamén se aprobou por unanimidade a desafectación dun camiño público de 162,82 metros cadrados situado no lugar de Firmistáns, na parroquia de Bugallido, para ser recibido formalmente o terreo desafectado con carácter de ben patrimonial.

Asemade, aprobouse por unanimidade delegar na Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia as competencias relativas á convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de policía local e as prazas de auxiliares de policía local ou as prazas de vixilantes municipais, tal e como se recolle no convenio remitido pola Consellería de Presidencia, Administración Pública e Xustiza. Deste xeito, será a Academia Galega de Seguridade Pública a que realice todos os procesos selectivos dos Concello que se sumen a dito convenio. Ademais, isto permitirá que o persoal que aprobe o proceso selectivo, pero non obteña praza, pase a formar parte dunha lista de agarda, que permitirá cubrir baixas de longa duración.

Por outra banda, aprobouse por unanimidade conceder dúas autorizacións de compatibilidade a un auxiliar administrativo a unha técnica para exercer a actividade privada de avogado/a en horario de tarde, cunha serie de condicións que lle marcará o propio Concello de Ames. Por último, aprobouse co voto favorable dos membros do goberno e dos concelleiros e concelleiras de Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, a terceira prórroga, polo prazo de 5 anos, da concesión administrativa da xestión e mantemento do Centro deportivo municipal A Telleira. Os concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular e de Pacto por Ames, abstivéronse. Este acordo de prórroga establece que a concesionaria, Serviocio Deporte, Cultura e Recreación SL, terá que realizar obras de investimento por importe de 265.375 euros, sen incluír o IVE.

Propostas tratadas

Na sesión plenaria de onte tratáronse cinco propostas presentadas polos grupos municipais do Partido Popular, Ames Novo e Pacto por Ames, unha delas presentada por vía de urxencia. Ames Novo presentou dúas propostas; unha para a adhesión do Concello de Ames ao Pacto dos alcalde pola enerxía sostible e o clima, que foi aprobada por unanimidade. A segunda proposta de Ames Novo tratou sobre Ahed Tamini, a menor palestina encarcerada. O grupo municipal popular presentou un voto participar a esta proposta que foi rexeitado. Finalmente a proposta saíu adiante co voto a favor dos 9 membros do goberno e dos 4 edís de Ames Novo, mentres que os concelleiros/as de Pacto por Ames, Partido Popular e mailo concelleiro non adscrito, Javier López,  abstivéronse.

O grupo de Pacto por Ames presentou unha moción para resolver os desequilibrios retributivos entre os diferentes corpos e forzas de seguridade do Estado. Neste caso o grupo Ames Novo presentou un voto particular a dita proposta, que foi rexeitado, e o grupo municipal popular presentou unha emenda, que foi aprobada, para instar ao Concello de Ames a que a equiparación salarial tamén afecte ao colectivo da Policía Local. Finalmente, esta proposta coa emenda do Partido Popular foi aprobada co voto a favor dos grupos do Partido Popular, de Pacto por Ames e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os concelleiros/as do grupo de goberno e de Ames Novo, abstivéronse.     

Por outra banda, o grupo popular presentou unha proposta de moción para apoiar e defender a prisión permanente revisable, que foi denegada co voto en contra do goberno, Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os edís do Partido Popular e de Pacto por Ames votaron a favor. Por último, o grupo municipal popular presentou unha proposta por vía de urxencia  para o arranxo do aparcadoiro provisional que está no entorno do centro de saúde do Milladoiro. Esta moción foi aprobada co voto favorable de Partido Popular, Pacto por Ames, Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os concelleiros/as do grupo de goberno votaron en contra.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial