займ срочно

Ames aproba as subvencións para a promoción do comercio local

0

Ames, 19 de agosto do 2017 –  O Concello de Ames vén de aprobar en Xunta de Goberno Local as bases da convocatoria de subvencións para a promoción do comercio local correspondentes ao exercicio 2016.

O importe total das axudas ascende a 40.000 euros. Respecto á convocatoria do exercicio anterior increméntase a partida destas axudas en 15.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes dende o día seguinte á pública de ditas bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, explica que a través desta convocatoria de axudas ao comercio local preténdese “achegar ao comercio amesán o maior número posible de clientes, mellorar a calidade da actividade comercial e favorecer a existencia dunha actividade estable de promoción e mellora do comercio dentro do ámbito territorial municipal que estea programada e desenvolta polas entidades asociativas do sector. Ademais, búscase favorecer a realización de actividades abertas á participación do comercio en xeral e acadar o autofinanciamento das entidades, primando a aquelas que acheguen unha maior porcentaxe de fondos propios ao desenvolvemento das actividades”.

Haberá dúas liñas de actuación. A primeira delas, cun orzamento máximo de 34.000 euros, destinarase a subvencionar as accións e proxectos destinados á comunicación comercial de distinta índole sobre o mercado: publicidade, promoción de vendas, animación comercial, celebración de exposicións, congresos, e aquelas actividades destinadas a promoción de produtos comercializados polas empresas que desempeñan a súa actividade comercial no concello de Ames, así como os gastos de contratación de persoal destinado a promover accións de promoción económica dentro do ámbito dos seus asociados.

A segunda liña de actuación, de 6.000 euros, vai dirixida a sufragar os gastos de infraestrutura e equipamento das asociacións de comercio local (mellora de instalacións, adquisición de material mobiliario ou material funxible, software propio ou páxina web, etc..). Serán sufragados os gastos de funcionamento da asociación, entendéndose como tales tan só os gastos de alugueiro de locais e xestoría. Non se inclúen os gastos de mantemento ordinario, tales como teléfono, luz e auga, nin a adquisición de bens inmobles. Todos os gastos para os que se solicite a achega municipal deberán ter sido efectuados dentro do exercicio 2016.

A esta convocatoria de subvencións poderán optar as asociacións de comerciantes e profesionais existentes no concello de Ames, legalmente constituídas, e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións, sempre e cando os datos da inscrición estean debidamente actualizados no momento de solicitar a achega. As solicitudes deberán presentaranse no rexistro xeral do Concello de Ames, ou en calquera outros rexistros públicos aos que se refire a Lei 35/2015, de 01 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das administracións públicas. O prazo para presentar as solicitudes é dun mes, contado desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies