Ames e Teo poñen data aos obradoiros de creación de vídeo Youtubeir@s

0

Ames, Teo 15 de marzo do 2017 – Os concellos de Ames e Teo poñen en marcha uns obradoiros formativos de vídeo creación para participar no programa Youtubeir@s.

O obxectivo principal que persegue este obradoiro é facilitar a participación no concurso Youtubeir@s, de xeito que os asistentes aprendan a sacarlle o máximo rendemento ás cámaras dos dispositivos móbiles e a contar ou transmitir de forma eficiente e entretida os nosos coñecementos ou opinións. Cada participante no obradoiro poderá crear e subir á rede o seu propio vídeo para participar no concurso de vídeos na rede Youtubeir@s (www.youtubeiras.gal).

No caso de Ames para inscribirse hai que enviar un correo ao enderezo normalizacion@concellodemaes.gal indicando nome, apelidos, idade, teléfono de contacto, e localidade escollida para realizar o obradoiro. Esta actividade formativa está dividida en dúas partes que se desenvolverán nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro os venres 31 de marzo e 7 de abril.    

En Teo o xeito de participar é enviando un correo electrónico a politicalinguistica@teo.gal, no mesmo Servizo de Normalización Lingüística municipal o na Mediateca do Grilo, ou chamando ao 981 815 700 e indicando o nome completo e un teléfono ou enderezo electrónico de contacto. Esta única formación realizarase na Mediateca do Grilo de Cacheiras en dous venres consecutivos no mes de marzo: o 17 entre as 18.00 e as 19.00 horas e o 24 entre as 18.00 e as 20.00 h, habendo entre ambas sesións unha continuidade mediante formación en liña.

Cada participante no obradoiro poderá crear e subir á rede o seu propio vídeo para participar no concurso de vídeos na rede Youtubeir@s (www.youtubeiras.gal).

A participación está aberta ao ámbito internacional e é de balde. Todos os vídeos participantes teñen que estar publicados na plataforma de vídeo de Youtube (sen restricións de privacidade) coas etiquetas #youtubeiras ou #youtubeiros na descrición. Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con vídeos autoproducidos en galego dunha duración máxima de 5 minutos. Os vídeos participantes deben estar licenciados en Creative Commons.

Existen dúas categorías: vídeo-facermos e vídeo-opinarmos

Existen dúas categorías: video-facermos, para videotitoriais que amosen como facer cousas (desde unha receita ata a como instalar un programa informático); e vídeo-opinarmos, para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema (valoración dun filme, opinión sobre un tema de actualidade…). Valorarase o enxeño e a creatividade, a calidade técnica, a eficiencia comunicativa e a calidade lingüística. Repartiranse 6 premios (2 premios de 1.000 euros e 4 mencións honoríficas).

Youtubeir@s é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, A Baña, A Coruña, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. Este programa ten a vontade de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo e tamén quere incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos. Hoxe en día, YouTube é a segunda rede social máis empregada, despois de Facebook, superando os mil millóns de usuarias e usuarios que descobren, visualizan e comparten vídeos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial