Ames e a Xunta de Galicia asinan un convenio para acondicionar o Camiño de Fisterra-Muxía

0

Ames, 12 de outubro do 2017 –  O alcalde de Ames, José Miñones, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, María Nava Castro, acaban de asinar un convenio para que a Xunta de Galicia sufrague as obras de mellora e acondicionamento do Camiño Fisterra-Muxía ao seu paso polo municipio amesán.

As actuacións proxectadas suporán unha recuperación e potenciación do Camiño de Fisterra-Muxía ao seu paso polas parroquias de Ames e Trasmonte como un recurso cultural, económico, turístico e de comunicación. Estes traballos teñen un custo de preto de 50.000 euros.

 O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “Ames é un dos poucos concellos galegos polo que discorren máis dun dos camiños de peregrinación xacobea. Dúas rutas de peregrinación discorren polo noso termo municipal: o Camiño Real de Santiago a Fisterra-Muxía e o Camiño Portugués. Grazas a este acordo subscrito coa Axencia de Turismo de Galicia poderemos acondicionar o tramo que pasa por Ames do Camiño de Fisterra-Muxía. Este é un dos principais atractivos turísticos que temos e por iso debemos conservalo e coidalo”.

A través deste acordo vanse a realizar traballos de mellora e acondicionamento nun tramo de 1.050 metros do Camiño de Fisterra-Muxía que pasa polas parroquias de Ames e Trasmonte. Os traballos consistirán na roza, limpeza e preparación do camiño para poder aplicar un novo firme. Tamén se colocarán pasos en V, faranse traballos de limpeza, arranxaranse as taxeas, acequias e mailos regos existentes.

Para que todo o proceso de tramitación sexa máis áxil vaise encargar o departamento municipal de Contratación de licitar as obras e adxudicalas. A Xunta de Galicia encargouse de realizar o proxecto e memoria valorada. As obras teñen que estar rematadas antes de final de ano.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, agradece a sinatura deste convenio “co cal podemos mellorar un tramo importante do camiño Fisterra-Muxia o seu paso por Ames, xa que son moitos os e as peregrinos que pasan a diario por el. Agardo que as dúas administracións poidan seguir colaborando para que o próximo ano tamén se poida mellorar o camiño Portugués que tamén pasa polo noso concello”.

Traballos que se realizarán

En primeiro lugar, procederase á preparación e acondicionamento da explanada para poder aplicar un novo firme. Esta actuación atópase definida nos primeiros 520 metros do tramo do Camiño no que se vai actuar. No resto do traxecto estudado disponse a execución de operacións de limpeza, coas que se pretende devolver o correcto funcionamento a diferentes pasos en V existentes e cunetas que se atopan cheos de terra, restos de sedimentos e follas.

O actual trazado conta, en distintos puntos, con cunetas revestidas de adoquín que, debido a un mal funcionamento dos mesmos, produciron danos no firme do Camiño e nos elementos de drenaxe. Co obxectivo de dar continuidade a estes elementos de drenaxe, colocaranse bordes de pedra granítica en diferentes zonas do tramo no que se vai actuar. Ao longo do primeiro tramo vanse dispoñer dous novos pasos en V, co obxectivo de que as augas de escorrentía non crucen o firme como sucede na actualidade.

Para o firme adoptouse dispoñer entre o punto quilométrico 0+000 e o punto quilométrico 0+520 unha capa de saburra artificial estabilizada de 15 centímetros. Con esta poderase xerar unhas pendentes maiores (mínimo do 3%) que favorezan a evacuación das augas da plataforma cara as diferentes obras hidráulicas existentes ao longo do trazado. Para rematar a actuación, realizaranse diversos arranxos nas diferentes obras hidráulicas existentes neste tramo. A auga de escorrentía provocou a erosión e o arrastre do material granular do paquete de firme do camiño e nalgúns casos produciu danos nos elementos hidráulicos existentes.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies