A documentalista radiofónica Ángeles Afuera nos Luns do Ateneo

1

Compostela, 22 de abril do 2018 –  A documentalista da Cadena Ser Ángeles Afuera atópase estes días en Galicia, convidada pola Sección Sociedade da Información do Ateneo de Santiago, para impartir unha conferencia titulada “Os sons da radio: a memoria adormecida”.

Como é tradicional nas actividades de Os Luns do Ateneo, o acto comezará ás 20.00 horas na sede de Afundación, situada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, onde se permitirá a entrada libre e gratuíta ata completar o aforo dispoñible, e rematará cunha quenda de coloquio co público asistente. Ángeles Afuera é Licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. En 1989 suxeriu ao director da SER, Augusto Delkáder, a creación dun departamento de Documentación para preservar o patrimonio sonoro da canle e apoiar e verificar a veracidade das noticias con documentos sonoros. Deste xeito, fundou e dirixiu este departamento durante 27 anos ata a súa xubilación en 2016.

No novo departamento quedaron englobadas a fonoteca, a hemeroteca, a biblioteca e a coordinación dos arquivos sonoros do Grupo Prisa Radio e a súa expansión polas emisoras do grupo en Colombia, Arxentina, Chile e México. Ela tamén foi a encargada de dirixir os procesos de catalogación, indización, minutado e automatización dos fondos radiofónicos en tres aplicacións diferentes e descubriu pezas radiofónicas que se crían perdidas. Durante os seus 40 anos de vida profesional sempre estivo ante o micrófono, tanto nos informativos como en programas como Las ciudadanas. Un programa para la nueva mujer, ideado por ela e Carmela García Moreno, Hoy por Hoy, Hora 25 ou La Ventana, entre outros, dando visibilidade á tarefa dos profesionais dos arquivos nos medios de comunicación. Ademais tamén foi docente de asignaturas de periodismo dixital e de documentación audiovisual en cursos a distancia e da Universidade Complutense e publicou numerosos artigos académicos sobre o tratamento da documentación de radio e un manual de usuario do programa DOKUMENTOR. 

En 2007 recibiu o Premio Nacional de Documentación á Calidade e Innovación, concedido pola Sociedad Española de Documentación e Información (SEDIC), e​ en 2011 a Antena de Ouro de Radio, concedida pola Federación de Asociaciones de Radio de España.

Share.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies