Aprobación inicial dos orzamentos de Ames

0

Ames, 16 de marzo do 2019 – O orzamento para o presente ano do concello de Ames foi aprobado, de xeito inicial, no pleno celebrado este pasado xoves na cada do concello.

Uns orzamentos que chegan aos 26 millóns de euros e que saíron adiante cos votos do equipo de goberno e de Ames Novo, PP e Pacto x Ames votaron en contra. Entre outras destaca a partida dedicada a educación que inclúe 454.000 euros para a construción dun novo comedor no CEIP A Maía, co obxectivo de solucionar a problemática de escasez de prazas que existe na Rede municipal de comedores escolares. 

O goberno defende que se trata dun orzamento saneado e equilibrado. Non hai partida para débeda bancaria e consígnanse dúas operacións de crédito para facer fronte ás achegas que corresponden ás anualidades da  EDUSI dos exercicios 2018 e 2019, que teñen que financiarse con fondos propios e que son de 222.000 euros en 2018 e 312.000 euros no exercicio 2019.

Tamén se explica que é un orzamento equilibrado onde todas as actuacións de gastos corrente fináncianse con ingresos correntes e existe un excedente de máis de 1.300.000 euros. Tamén definen o orzamento como participativo, xa que continúa dando cumprimento ao compromiso asinado coa Federación de Asociacións do Rural de reinvestir as cantidades recadadas do catastrazo, que ascende a  228.000 euros ao ano, e tamén se continúa a traballar coa mocidade a través dos orzamentos participativos.

 Valoracións dos grupos da oposición

O voceiro de Ames Novo, Quique Costas, destacou que “grazas ao orzamento de 2019 o Concello de Ames é 1.300.000 euros máis rico que en 2018 e os veciños e veciñas dispoñen de máis recursos. Ademais, este presuposto recolle un incremento na área de educación, que se achega ao 20% do total do orzamento, que era o que viñamos solicitando dende este grupo municipal, e inclúe a construción dun novo comedor para solucionar o problema de falta de prazas neste servizo municipal. Tamén se resolve unha das grandes eivas que tiña o orzamento de 2017 que era o nivel de investimentos. Neste orzamento hai un 17% de investimentos reais, polo que hai un gran crecemento respecto de 2017 que era do 7%”.

O voceiro de Pacto por Ames, Ramón García Argibay, explicou que “o orzamento de 2019 é un copia e pega do presuposto de 2018”. Ademais, expuxo que “se trata dun orzamento con algúns aspectos positivo, pero que ten moitos negativos. Non reflicte a realidade do concello. Ames é un concello saneado grazas ao Plan de axuste aprobado en 2012, pese a quen lle pese, e a situación económica en 2015 cando chegaron vostedes ao goberno era moi distinta á de 2011 cando chegou o partido Popular”. Por último díxolle ao goberno que “o nivel de investimento dos últimos catro anos estaba nunha media de 38,6%, moi por debaixo do presupostado, e que dedicaban cero euros a municipalización de servizos, algo que xa dixemos dende este grupo municipal que non ían a abordar”.

O concelleiro do Partido Popular, Javier Olmo, dixo que “se trata dun orzamento que pouco aporta respecto do anterior. A pesar do incremento do 5,24% respecto do anterior presuposto, a metade dos 56 programas que se recollen en dito orzamento non experimentan ningún incremento, senón que se minoran as súas partidas. Ademais, este presuposto incrementa a carga impositiva e recolle un escaso esforzo inversor deixando de lado novamente ao rural. Tan só o 27% das actuacións de novos investimentos se van a realizar no rural e de ditas actuación tan só 7 superan os 50.000 euros. A maior parte da partida de novos investimentos dedícanse ao centro multidisciplinar para a mocidade e a construción dun novo comedor no CEIP da Maía”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial