A aprobación do POS de Ordes terá que esperar por un defecto de forma

0

Ordes, 15 de febreiro do 2017 – A imposibilidade de realizar unha das obras propostas polo Psoe motivou o aprazamento da aprobación do POS de Ordes para o 2017.

Desde o goberno municipal de Ordes explícase que o motivo foron os erros e deficiencias nas propostas presentadas por UXO.

A primeira anomalía está relacionada coa urbanización da rúa García Gerpe solicitada polo Partido Socialista, cuxa execución non é posible ao ser responsabilidade dos propietarios e propietarias dos inmobles da área según a Lei do Solo. Un aspecto “do que xa se deu conta hai poucos días na comisión informativa” segundo palabras do alcalde, e que contou cos votos favorables dos representantes do PSOE, UXO e do grupo de non adscritos. Dita obra, ademais, está contemplada xa nun proxecto de maior embergadura polo que non é posible incluílo no dito plan provincial.

Parroquias discriminadas

O alcalde de Ordes, Martínez Sanjurjo, tamén sinalou o importante descuadre nos orzamentos dos proxectos presentados co total da achega provincial, a cal ascende a 1.228.700 €. Desatinos que según o rexedor  responden “ás présas coas que UXO, en connivencia co Partido Socialista e o grupo dos non adscritos fixeron este POS”. Dende o Goberno Local tamén se  censurou que varias parroquias do municipio queden fóra do plan e non poidan beneficiarse destes investimentos.

BNG

Durante o pleno, o BNG de Ordes recriminou ao goberno local que non se tivesen presupostado tódalas propostas que presentaran en tempo en forma no mes de novembro. Os nacionalistas esixiron o mesmo trato que o resto de grupos da corporación, que si que tiñan tódalas súas propostas presupostadas e unha desculpa que con posterioridade formularía o alcalde.

Pablo Vidal, portavoz do BNG de Ordes, expón que “na comisión informativa xa informamos da problemática de incluír dita actuación, recibindo como resposta dos propoñentes “non nacemos onte”, hoxe demostrouse que tiñamos razón”.

Vidal anuncia que “o BNG segue mantendo a súa proposta de obras e investimentos, onde buscamos unha mellora da accesibilidade nas rúas da vila, primamos o aglomerado sobre o rego asfáltico e investimos case 500.000 € en saneamento e abastecemento”.

Psoe

Os socialistas de Ordes proporán melloras en camiños de varias parroquias do municipio para incluír no POS 2017 en substitución do proxecto de urbanización da rúa García Gerpe, despois da presentación do informe técnico por parte do alcalde ordense que confirma que a obra debe ser acometida polos propietarios da zona. “É o primeiro informe técnico que temos no que se di iso e, como o importante é facer as cousas ben, se non se pode incluír esta obra, proporemos outras”, explicou a voceira municipal socialista, Verónica Gómez.

A concelleira socialista recriminou ao alcalde de Ordes que agardase 11 días para achegar este informe técnico. “Dende que se celebrou a Comisión, o día 3 de febreiro, ata hoxe 14 de febreiro penso que houbo tempo suficiente como para que se presentase este informe técnico e se puidera emendar o proxecto para aprobalo no pleno. Máis ben parece que o alcalde non tiña a vontade de aprobalo e fixo isto simplemente para tratar de atrasar a decisión”, apunta Verónica Gómez, quen lamenta que “con esta actitude, o alcalde só está causando máis gastos para os veciños e veciñas do Concello e poñendo problemas á aprobación dun plan de obras moi necesario para a veciñanza de Ordes”.

Neste sentido, a voceira socialista de Ordes lembrou que se o alcalde actuase con dilixencia, podería ter convocada unha Comisión previa para que se puidera adoptar un acordo na sesión plenaria e non causar máis gastos á veciñanza. “Tamén puido ter apoiado a nosa proposta na sesión de organización, pois compre lembrar que os socialistas sempre propuxemos que os plenos extraordinarios non se cobraran”, puntualiza a concelleira.

Finalmente, a voceira municipal socialista lémbroulle ao alcalde de Ordes que “un plan aprobado por 9 concelleiros de 17, como se referiu despectivamente á proposta conxunta de POS 2017, é un plan apoiado pola maioría absoluta da corporación e moito máis co plan proposto polo grupo de Goberno, que só foi apoiado por 5 de 17 concelleiros”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial