Bisbarra, 24 de xuño do 2017 – A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación provincial de Pontevedra, , indica a previsión de que a vendima se adiantará este ano con respecto á pasada campaña ante a maduración xeral dos acios nas viñas.
Segundo explica a técnica Rosa Pérez Otero, responsable dos avisos fitosanitarios da EFA, o tempo seco e caloroso das últimas semanas fai que os acios presenten un estado máis avanzado en relación á campaña precedente. No ano anterior o peche do acio produciuse cara a metade de xullo, e os primeiros grans virados de cor observarámolos na primeira semana de agosto, mais este ano o estado ‘peche do acio’ xa está xeneralizado, e en variedades moi temperás de zonas especialmente cálidas de O Condado xa se empezan a ver uvas con cambio de cor, e mesmo algunha variedade coa totalidade dos grans virados de cor. “Con estes datos -asegura Pérez- todo parece apuntar a que a vendima se vai adiantar este ano, pero aínda queda marxe para que a situación se reverta segundo o sucedido noutros anos, en que tamén se falaba de adianto, pero nos que finalmente a vendima tivo lugar só uns días antes do habitual”.
En canto aos patóxenos e pragas, a EFA indica que a partir de agora xa son recomendables os tratamentos contra o Mildeu con produtos que incorporan o cobre no formulado, dado que as precipitacións e as temperaturas da vindeira semana serán aínda favorables ao patóxeno. Por iso, “non hai que descoidar a vixilancia, revisando as viñas e tratando se aparecen novos síntomas, en especial o mildeu larvado que, como todos sabemos, é un problema complicado de xestionar”, asegura Pérez.
Novo perigo desde Portugal
Os técnicos de Areeiro tamen sinalan que veñen de colocar máis trampas para a captura de adultos de Scaphoideus titanus na zona fronteiriza con Portugal, país onde xa está detectada a enfermidade que transmiten estes cicadélidos (‘flavescencia dourada’), que nunca apareceu ata o de agora no país. Polo de agora as ninfas nas follas seguen en cifras inferiores aos limiares de tratamento, mais é preciso lembrar que os síntomas que unha elevada poboación podería chegar a producir poden ser confundidos con outras alteracións bióticas (por exemplo alteracións de madeira) ou abióticas (seca, carencias…) que se están a manifestar estes días pola climatoloxía reinante.
Finalmente, en canto á viña, continúan a aparecer novos síntomas de erinose nas follas tenras de moitas parcelas, tal e como ocorreu nunha das viñas que visitadas esta semana na zona de Barrantes (Salnés), onde se atoparon síntomas que apuntaban a acariose e que foron confirmadas á lupa. Do mesmo xeito que a semana precedente continúan aparecendo síntomas de alteracións da madeira e tamén nas viñas nas que se fixo un esfollado intenso acios afectados por golpe de sol.