Sés e Quinta do Bill gañan o certame Aritmar de música galega e portuguesa organizado polas escolas de idiomas

0

Compostela, 22 de marzo do 2017 –  Os votos recibidos no certame Aritmar da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela determinaron que os gañadores polo mellor tema musical publicado en Galiza e en Portugal en 2016 son Sés (A paz esquiva de Oporse á extinción) e Quinta do Bill (Faz bem falar de amor, de “Todas as estações”). Estes premios, xunto cos de poesía, entregaranse nunha gala que se celebrará en outubro, onde actuarán os grupos gañadores.

Os seguintes máis votados, nos segundos postos, foron Poetarras (Chove en Galiza) e Deolinda (Corzinha de verão) e os terceiros Xoán Curiel (Ecuacións) e Raquel Tavares (Meu amor de longe).

Segundo explicou o director da Escola Oficial de Idiomas, Gonzalo Constenla, o certame xerou boas expectativas e contou cunha alta participación ao emitirse 5.043 votos no reconto total.

Ademais das comunidades educativas e socias da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, nos premios Aritmar participaron tamén as da Facultade de Filoloxía da USC, Conservatorio Profesional de Música de Santiago, Escola Oficial de Idiomas de Lugo, Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, Centro Cultural Portugués de Vigo-Instituto Camões e os centros do Ensino Português pelo Camões na Galiza: IES Arcebispo Xelmirez I (Santiago de Compostela), IES Félix Muriel (Rianxo), IES de Valga, IES Valadares (Vigo), IES Politécnico (VIgo), IES A Sangriña (A Guarda), CEIP Mariñamansa (Ourense), CEIP Manuel Luís Acuña (Ourense), CEIP Oimbra e CEIP Princesa de España (Verín), e o Instituto de Ensino Secundario de Cacheiras (Teo).

A seguinte fase do certame consiste na escolla de poetas e poesías gañadoras, que poderán ser votadas desde comezos de abril até o 20 de maio.

Aritmar como iniciativa da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, pertencente á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, conta co patrocinio do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación Provincial da Coruña e das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística da Xunta de Galicia, así como coa colaboración do Centro Cultural Portugués de Vigo-Instituto Camões.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial