aRitmar concede a “embaixada da amizade galego-lusófona” a título póstumo aFran Pérez,  Narf

0

Compostela, 25 de abril do 2017 – A Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela acordou conceder o Premio aRitmar especial do xurado “Embaixada da Amizade galego-lusófona” a título póstumo a Fran Pérez, Narf.

A resolución do xurado pretende pór en destaque, dentro do proxecto aRitmar galiza e portugal, aquela persoa, grupo de persoas, institución ou iniciativa que teñan contribuído á divulgación da música e da poesía galego-portuguesa actuais, para achegar a cultura e a lingua dos dous países ao abeiro da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e os vínculos coa lusofonía.

 Deste xeito, será premiado a título póstumo Fran Pérez, Narf. A entrega desta distinción á súa familia, igual que as gañadoras nas modalidades de música e poesía, realizarase na gala que se celebrará en outubro no Teatro Principal de Santiago de Compostela, no escenario en que un ano atrás actuaba por última vez, antes da súa morte.

O xurado acordou conceder este premio a Fran Pérez, Narf (Silleda, 1968), finado o 15 de novembro de 2016, motivado por ser un cantante e compositor galego dedicado a construír pontes de colaboración e afecto no ámbito lusófono. Narf deu o seu último recital nunha actuación conxunta coa banda mozambicana Timbila Muzimba, no festival Womex da capital galega. Con anterioridade, tiña desenvolvido o proxecto “Aló irmão”, co músico guineano Manecas Costa, que fora presentado e gravado tamén no Teatro Principal da capital do noso  país. Foi un dos grandes defensores e impulsores do achegamento musical entre Galiza e a lusofonía.

Na gala aRitmar galiza e portugal desta edición actuarán Sés, escollida como mellor artista musical galega, e Quinta do Bill, seleccionada como a mellor banda portuguesa. Ademais, permanece aberto o prazo para as votacións do certame de poesía. As persoas que queiran participar poden emitir o seu voto, até o 20 de maio, por tres poemas da Galiza e tres de Portugal na web http://www.edu.xunta.gal/centros/eoidesantiago/node/655

Os poemas galegos finalistas son Baldosas (Carlos Negro); Marcela & Elisa (A Coruña – 1901) (Carlos Negro); Nunca mascotas (Paula Carballeira) TERRADENTRO (Paco Souto); Poema malva (Charo Lopes); A morte (Francisco Cortegoso); Memoria (Paula Carballeira); Parque (Rosalía Fernández Rial); Encoros (Lara Dopazo) e Parir un lugar (Olalla Tuñas).

Pola banda portuguesa, os finalistas son Penso em ti (Alexandra Santos); Tragam-me un home que me levante com os olhos (Cláudia R. Sampaio); Mortos (Ana Cunha); Um tempo, um sítio, dentro de circunstâncias (Miguel Cardoso); Compramos o jornal à sexta-feira (Miguel Cardoso); Vem à quinta-feira (Filipa Leal); Europa (Filipa Leal); Amor adiado (Ana Correia); Vazio (Angelino Santos Silva) e Fui a Bruges esquecer um amor (Pedro Craveiro).

Esta iniciativa conta co patrocinio do Concello de Santiago de Compostela, da Deputación Provincial da Coruña e das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística da Xunta, así como coa colaboración do Centro Cultural Portugués de Vigo-Instituto Camões.

Unha das úlrimas actuacións de Narf foi en xullo do 2016, na praza de Praterías de Compostela para a presentación do Womex

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial