Arzúa presenta o programa de Nadal no que A casiña de Nadal terá un especial protagonismo

0

Arzúa, 1 de decembro do 2018 –  O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para os meses de decembro e xaneiro unha completa e variada programación de actividades con motivo da celebración das festas do Nadal.

Co mes de decembro comeza a intensa actividade destas datas coa celebración do concerto na honra a Santa Icía a cargo da Banda de Música de Arzúa cun recital de música de baile que dará comezo ás oito do serán, hoxe sábado día 1 no Pavillón O Cruceiro de Santa María.  

Despois da celebración do Día do Comercio Local o sábado día 8, as actividades continúan o domingo día 16 na Capela da Madanela coa votación popular do concurso de carteis da 44ª edición da Festa do Queixo das doce ás dúas do mediodía. O público que se achegue asignará o cuarto premio entre todos os participantes que estarán expostos do 17 ao 21 de decembro e do 2 ao 4 de xaneiro.

A música tamén terá o seu protagonismo durante as festas de Nadal coas actuacións da Rondalla Moraima o sábado 29 de decembro na Casa da Cultura ás oito e media da tarde e o concerto para público familiar de Mamá Cabra o 4 de xaneiro que levará o seu último espectáculo Eu cociño. Ti cociñas? ao Multiusos Terra do Queixo.

Tamén haberá animación musical durante a feira de Nadal o 22 de decembro cun grupo de música tradicional e, ao mesmo tempo, farase no propio mercado o reparto gratuíto entre os asistentes do calendario 2019 elaborado polo Concello.

O público infantil terá máis propostas como a actuación de maxia a cargo do Mago Romarís o venres 28 de decembro no Multiusos Terra do Queixo, dentro do cal se levará a cabo o espectáculo Por arte de maxia ás seis da tarde.

Outra das propostas para os máis pequenos da casa que chega como novidade na programación deste ano, é a instalación da Casiña de Nadal. Trátase dunha casiña inchable con iluminación LED na fachada principal e elementos decorativos propios destas datas no seu exterior. A casiña estará ubicada na Praza de Galiza ou no Multiusos Terra do Queixo, en caso de mal tempo. Poderase visitar os días 21 de decembro de 19:30 a 21:30, día no que, coincidindo coa súa inauguración, levarase a cabo o espectáculo Canta e baila polo Nadal e tamén os días 26 de decembro e 2 de xaneiro de 16:00 a 20:00 da tarde. Ao redor dela haberá festas con diversas actividades e inchables e no seu interior contarase con algodón de azucre, flocos de millo e a visita do Carteiro Real.

A programación completarase coa estrea do grupo de teatro da Asociación O Bringuelo o venres 28 de decembro. A Casa da Cultura acollerá a representación da obra Cultura para todos ás nove da noite. O día 5 de xaneiro pecharase a programación coa celebración da tradicional Cabalgata de Reis.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial