Arzúa, 8 de xuño do 2020 – O Concello de Arzúa traballa na programación cultural do verán e reuniuse para analizar os resultados da oferta virtual realizada nas últimas semanas.
No encontro estiveron presentes o alcalde, Jose Luís García; a Concelleira de Cultura, Aurora Varela, e o técnico Marcos Pampín. Todos valoraron moi positivamente os resultados obtidos durante o confinamento e concluíron que esa oferta virtual é a base perfecta do que será a programación cultural unha vez rematada previsiblemente a desescalada coincidindo cos meses de verán.
Desde o Goberno Local apóstase por programar espectáculos de pequeno formato para evitar aglomeracións, dar un maior apoio se cabe a grupos e artistas locais, adiar os espectáculos cancelados nos meses de abril e maio, en vez de suspendelos definitivamente, e combinar a programación presencial coa dixital emitindo varios dos espectáculos programados tamén a través das redes sociais.
Recuperar a confianza do público para asistir presencialmente ás actividades e facilitar o acceso aos contidos culturais de toda a poboación son dous aspectos máis aos que, dende o goberno, se lles vai dedicar moito tempo.
Por unha parte, Arzúa pretende recuperar a confianza dos usuarios programando “actividades seguras”, fomentando máis espectáculos ao aire libre, controlando o límite de aforamento, asegurando a distancia entre persoas e proporcionando as medidas de hixiene cando sexa necesario.
E, por outra banda, cabe destacar os medios que se porán para facilitar o acceso ao contido cultural de toda a poboación, apoiando a cultura tamén nas nas parroquias, deseñando un programa con opcións para todos os públicos e continuando coa gratuidade no acceso a todos os espectáculos.