Arzúa urbanizará a rúa Fraga e dotará de céspede artificial ao campo de fútbol

0

Arzúa, 21 de maio do 2019 – A vindeira sesión plenaria do concello de Arzúa ten previsto aprobar a urbanización da rúa Fraga e o céspede artificial para o campo de fútbol.

As comisións previas ao pleno do día 23, celebradas no concello este luns,  deron o visto bo a estas dúas actuacións. Urbanizarase unha boa parte da rúa Fraga do Rei na que se investirán un total de 322.395,06 euros. Como explicaba o alcalde, José Luís García, “trátase da humanización dunha céntrica rúa que precisa dunha renovación integral e que formaba parte das peticións realizadas polos veciños e veciñas da vila dende hai tempo”.  As obras permitirán reformar o pavimento, as beirarrúas  e as canalizacións dos servizos así como a instalación dun novo mobiliario urbano.

A sesión plenaria tamén dará luz verde á aprobación dun proxecto de renovación do céspede artificial do campo de fútbol do Viso, o goberno municipal destinará a esta finalidade algo máis de 199.000 euros. Substituirase a manta de céspede orixinal (cunha antigüidade xa de 11 anos) por un novo céspede sintético de última xeración lastrado con area de sílice e caucho. Actuarase sobre unha superficie de 6.600 metros cadrados.

O local social da parroquia de Pantiñobre tamén será sometido nas vindeiras datas a unha reforma que permitirá adecentalo para mellorar a súa impermeabilización así como para instalar algún servizo novo.

Conciliación familiar

O Concello de Arzúa publicará nos vindeiros días as bases que rexerán o programa de conciliación familiar que nas datas estivais o goberno municipal ofrece ás familias do municipio para facilitarlle a conciliación da súa vida laboral e persoal.

O alcalde levará á sesión plenaria deste xoves unha proposta de modificación do prezo público pola participación neste programa denominado Xogarzua.  Trátase de establecer unha bonificación do 50% da cota a favor das familias numerosas para facilitarlles a súa participación nesta iniciativa. Establecerase tamén un cupo de exención para que 4 menores poidan participar no programa  logo do informe favorable da educadora familiar do concello.

José Luis García explicaba que “o que procuramos con esta modificación é que todas as familias do municipio que teñan fillos e fillas con idades para participar no programa non queden excluídos do mesmo por unha cuestión económica; é preciso axudar a quen máis o necesita e poñérllelo un pouco máis doado se está dentro das nosas posibilidades”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial