Arzúa, 3 de xaneiro do 2018 – O goberno local do Concello de Arzúa destinou máis de 13.000 euros, procedentes do remanente de tesourería, á realización de melloras no Local Social de Viñós.
As obras de acondicionamento tiñan como finalidade fundamental rematar cos problemas de humidade que padecía o inmoble de Viñós. Estes problemas foron postos en coñecemento do equipo de goberno polos veciños da parroquia nunha das reunións que cada ano se convoca dende o ente local en cada unha das 22 parroquias do municipio.
Os traballos que remataron en días pasados foron obra do construtor Manuel Rodríguez que ademais das labores destinadas a acabar coa humidade e posterior pintura, construíu un soportal no inmoble e unha grella.
Con esta actuación, o alcalde de Arzúa, José Luís García, confía en dar por rematados “os problemas de humidade que padecía o inmoble podendo agora os veciños e veciñas da parroquia disfrutar dun local en condicións óptimas”.