As Bandas de Compostela e Coruña na Quintana

0

Compostela, 20 de xuño do 2019 – Dentro das Xornadas de Música Contemporánea as Bandas de Música de Compostela e Coruña ofrecen esta tarde un concerto na Quintana.

Entre dúas Bandas comezará as oito da tarde con entrada de balde. Casiano Mouriño e Juan José Ocón, directores titulares, serán os encargados de levar a batuta. A Banda Municipal de Música de Compostela é, xunto coa Real Filharmonía de Galicia, colaboradora xa habitual das Xornadas de Música Contemporánea.

Programa Entre dúas bandas

Antón Alcalde (Rianxo, A Coruña, 1992)

Bumm op.18, Pasodobre (2015)

Francisco J. Martínez Gallego (San Antonio de Requena, Valencia, 1969)

Los caprichos de Goya, for Symphonic Band (2008)

Igor Stravinski (1882-1971)

Le sacre du Printemps, trans. E. Escrivá (1913)

Banda Municipal de Música de Santiago

Nace en 1848 como centro de formación de instrumentistas, a ela acudiron durante moitos anos os nenos acollidos na Casa Hospicio. Foi agrupación de afeccionados ata 1876 cando o Concello decide facerse cargo e comeza a profesionalizarse redactándose un regulamento para o seu funcionamento. Actualmente realiza os seus concertos no Teatro Principal e na Rúa do Vilar, praza da Quintana, Alameda e outros lugares da cidade na temporada de verán. Ten o seu local de ensaios e arquivo no Auditorio de Galicia e dentro do seu traballo cotián segue enriquecendo ás súas interpretacións que van do pasodobre ao repertorio sinfónico, pasando pola música tradicional e numerosas transcricións de obras clásicas de compositores de toda as épocas e obras específicas para banda de compositores actuais, en especial de compositores galegos. Centra a súa actividade na programación da temporada cos ciclos de outono, inverno, primavera e verán, concertos sinfónicos no Teatro Principal e Auditorio de Galicia de outubro a maio, con numerosos directores e solistas invitados ademais de realizar colaboracións co CMUS de Santiago, Escolanía e Coro Cardenal Quiroga da Catedral de Santiago, Cantorum Compostellana Coniuntio, Treixadura, Cantigas e Agarimos, Brincadeira, Tequexetéldere, entre outros; concertos didácticos para os colexios de Santiago e comarca, interpretando: Pedro e o Lobo; A Burra Ramona, con narración de Paula Carballeira; A Boliña de Pan, con narración Celso Fernández; Concerto Singular con Píscore; Peer Gynt; A Frauta Máxica ou West Side Story con Viravolta Títeres, por citar algún. Participa nos actos organizados polo Concello como a Ofrenda ao Apóstolo Santiago, entrega de medallas da Xunta de Galicia, procesións de Semana Santa, Feira do Libro ou Festas da Ascensión. Na temporada de verán, participa cunha programación especial no mes de xullo, un ciclo de concertos polos distintos barrios da cidade con motivo da celebración das súas festas, e como non os xoves pola tarde, os concertos na Praza das Praterías, onde a Banda deleita coas súas actuacións aos composteláns e a milleiros de visitantes de todas partes do mundo que visitan Santiago de Compostela nesas datas.

Banda Municipal de Música de A Coruña

En 1947 e por iniciativa do concelleiro Antonio López Prado creouse a Banda Orquestra Municipal de A Coruña cuxo primeiro concerto público foi dirixido por Rodrigo A. de Santiago o 26 de xullo de 1948 no Teatro Rosalía Castro. A Banda nacía como unha colectividade completa en si mesma e a Orquestra se compoñía dos vinte cinco arcos máis outros tantos intérpretes de vento e percusión pertencentes á Banda, que desdobraban as súas funcións cando a agrupación sinfónica realizaba os seus concertos. A Banda permaneceu no tempo, adquiriu un notable repertorio e afianzouse como unha das colectividades de maior categoría artística en España dentro do xénero.

Tivo ao fronte catro músicos como directores: o primeiro titular, o compositor, tratadista e folclorista Rodrigo A. de Santiago, creou un corpo de executantes de gran nivel artístico e consolidou, en vinte anos, un amplo repertorio. Foi substituído polo compositor Rogelio Groba con quen a Banda ampliou considerablemente o seu repertorio mantendo a mesma liña de categoría artística. En 1991, fíxose cargo da dirección Indalecio Fernández Groba que, na liña dos seus antecesores, innovou no repertorio e contratou instrumentistas de alto nivel. No ano 2005, tras a xubilación de Fernández Groba, o Concello contrata ao holandés Marcel van Bree. O repertorio da Banda Municipal de A Coruña vai dende os compositores clásicos ata a música cinematográfica, jazz… Dentro do ámbito sinfónico, ten en repertorio excelentes transcricións de obras tan significativas como as oito primeiras sinfonías de Beethoven, Carmina Burana de C. Orff, O paxaro de lume de Stravinski, Pedro e o lobo de Prokofiev, a Incompleta de Schubert,  a Fantástica de Berlioz, a do Nuevo Mundo de Dvorak, Peer Gynt y Danzas Noruegas de Grieg ademais doutras de Franck, Brahms, Mendelssohn, Rimski-Korsakov, Chaikovski, Moussorgski, Liszt, Smetana, Sibelius, Ravel, Albéniz, etc. Así mesmo da a coñecer o actual repertorio sinfónico escrito para banda, de autores como de Meij, Reed, Groba, H. Karel, Sparke, Waignein, Amando Blanquer… Dende 2017 o seu director titular é Juan José Ocón.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial