As estatuas do Mestre Mateo esperan sentenza

0

Compostela, 2 de febreiro do 2019 – Onte celebrouse en Madrid o xuízo no que o Concello de Santiago lle reclama á familia Franco a devolución das estatuas do Mestre Mateo que quedou visto para sentenza.

O guión da vista repetiu o da celebrada o pasado novembro. Os Franco defenden que as estatuas do Mestre Mateo foron compradas, aínda quenon aportan ningún documento, e que calquera reclamación prescribiu co paso do tempo.

Documento que acredita a compra das estatuas polo concello de Santiago

Documento que acredita a compra das estatuas polo concello de Santiago

O Concello argumenta que as figuras de Abraham e Isaac forman parte do patrimonio histórico-artístico nacional e son imprescritibles, tanto segundo a lexislación actual como segundo a que estaba vixente na ditadura. Tal e como explicou o director da asesoría xurídica do Concello, Xoaquín Monteagudo, “non hai prescrición posible cando falamos duns bens tan relevantes que, tal e como puidemos demostrar cunha escritura notarial de 1948 e cun expediente administrativo da época, foron adquiridos polo Concello de Santiago e son da súa propiedade”.

Ao remate da vista, o alcalde mostrou o seu desexo de que “a xustiza faga xustiza, despois de que o Concello de Santiago demostrara a titularidade de dúas pezas do patrimonio histórico artístico que deben estar en Compostela para o gozo da súa veciñanza e dos milleiros de persoas que nos visitan cada ano”. Martiño Noriega insistiu na importancia de que “este xuízo xere un precedente sobre o expolio do patrimonio de todas e todos en beneficio da familia Franco, que segue botando man de argumentos con certo grao de indecencia, porque intentan proxectar ao ditador como se fora unha persoa particular”.

As estatuas de Abraham e Isaac formaban parte orixinalmente do Pórtico da Gloria, pero foron retiradas nalgunha das reformas ás que foi sometida a fachada da Catedral de Santiago. As pezas do Mestre Mateo acabaron nas mans do Conde de Ximonde, que llas vendeu ao Concello compostelán en 1948, segundo figura nun documento notarial de compravenda. Dende entón estiveron instaladas nunhas escaleiras do Pazo de Raxoi. Crese que Francisco Franco e Carmen Polo viron as pezas nunha visita a Santiago en 1954, e foi entón cando se fixeron con elas.

En setembro de 2017, o Pleno da Corporación Municipal acordou por unanimidade reclamar a devolución das dúas estatuas, e un mes despois o Concello de Santiago iniciou o procedemento legal para conseguir que as pezas volvan formar parte do patrimonio municipal. Tamén o Congreso dos Deputados e o Parlamento de Galicia teñen aprobado proposicións nesa liña, mentres que a Xunta iniciou o procedemento para a declaración das figuras do Mestre Mateo como Bens de Interese Cultural.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial