займ срочно

Asociacións ecoloxistas piden que a depuradora de Compostela se manteña na Silvouta

0

Compostela, 26 de novembro do 2017 – As asociacións ecoloxistas Adega, Amigos da Terra, Plataforma pola recuperación do Sar, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia piden que a depuradora de Compostela se manteña na Silvouta.

Actual estación depuradora na Silvouta

Actual estación depuradora na Silvouta

As asociacións lembran nun comunicado que a falta de depuración das augas urbanas é un problema ambiental de primeira orde que fai que Galiza incumpra en boa medida a Directiva Marco da Auga e vexa os seus cursos fluviais e rías notablemente deteriorados.

O río Sar, continúan, leva soportando durante décadas unha depuración absolutamente deficiente, posto que a depuradora actual da cidade de Santiago de Compostela está obsoleta. Isto provoca vertidos constantemente que, en ocasións, se agravan. Ademais, augas abaixo, atópanse outros núcleos urbanos importantes, xa no concello de Ames, que van a outra depuradora claramente infracapacitada para ofrecer unha depuración con garantías.

As asociacións explican que o potencial ecolóxico do río Sar vese particularmente minguado e traslada un problema e contaminación fluvial á próxima ría de Arousa e, previamente, a todos os concellos polos que discorre e que teñen unha gran poboación nas súas marxes. Dáse a circunstancia de que o río Sar e outros afluentes seus non teñen ningún aproveitamento hidroeléctrico de relevancia, o que posibilitaría a presenza dunha importante fauna piscícola asociada, en particular de especies que para criar migran do mar aos ríos (anádromas) ou viceversa (catádromas). Este potencial, obviamente, choca frontalmente coa calidade das súas augas. Aínda así, e tamén debido á existencia de hábitats e especies de interese comunitario o río Sar está incluído en boa medida na Rede Natura 2000 polo que pasa a formar parte da rede de espazos naturais de Galiza.

Por estes motivos Adega, Amigos da Terra, Plataforma pola recuperación do Sar, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia piden que se apliquen solucións a todos estes problemas. Para os ecoloxistas é necesaria a construción dunha estación depuradora que depure o total das augas residuais pero entenden que o prezo que se debe pagar “non pode ser calquera”. Lembran que a localización da depuradora ten que cumprir unha serie de condicións: mínima afección a vexetación, flora e fauna, mínimas emisións de gases de efecto invernadoiro e menor afección paisaxística. Para as asociacións ademais do patrimonio natural as afeccións ao patrimonio cultural e histórico tamén deben ser evitadas. Por estas razóns e ante a dicotomía da construción da EDAR no lugar da Silvouta (onde se sitúa a actual) e o lugar de O Souto non cabe ningunha dúbida de que o impacto ambiental, paisaxístico e patrimonial é considerablemente menor no primeiro lugar, unha zona xa alterada e onde as obras son moito menores polo que se aforra en emisións de CO2 durante a fase de construción da instalación.

O Souto posúe, pola contra, interesantes formacións boscosas, tanto climácicas (carballeiras)como edafohigrófilas (bosques de ribeira) como en rexeneración o que fai que a fauna teña un interese considerable e insuficientemente valorado polo momento. Igualmente, no caso do Souto a diferenza de cotas obrigaría a rebaixar significativamente a cota da instalación o que supón un nivel de emisións de CO2 inadmisible na fase de construción. O patrimonio cultural e histórico é igualmente significativo nesta localización, cunha gran afección a elementos arqueolóxicos, arquitectónicos e etnográficos, de gran relevancia que non foron tidos en conta no estudo de impacto ambiental.

As mencionadas organizacións instan ao Concello de Santiago de Compostela e Augas de Galicia a dar os pasos necesarios para, sen perder máis tempo, iniciar as obras de construción da depuradora municipal no lugar de A Silvouta sempre e cando non se atopen solucións que melloren a calidade de toda a bacía alta do Sar como pode ser a creación dunha EDAR comarcal (Santiago de Compostela, Ames e Brión). As asociacións rexeitan a construción da nova EDAR no Souto, e piden que se dean  os pasos oportunos para mellorar o estado de conservación deste espazo natural e incrementar o seu nivel de protección legal.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies