Assassination Nation ou segunda tempada de The OA na crítica semanal de Mandingo

0

Achegamos na crítica deste derradeiro venres de marzo tres estreas na grande pantalla onde destacamos a hexemónica presenza do US de Jordan Peele e a segunda tempada da agardadísima serie THE OA, cunha reviravolta argumental non imaxinada que sospeitamos non deixará indiferentes ao seu fandom.

Pero antes de abordar ditos títulos, imos abrila crónica con ASSASSINATION NATION, segundo filme que dirixe Sam Levinson, fillo do cineasta Barry, responsable dun bo feixe de longametraxes que acadou o cumio do éxito no 1988 co seu RAIN MAN e que tamén deixou unha pegada coma co-autor dese contundente guión para …AND JUSTICE FOR ALL (1979) de Norman Jewison.

Nesta ocasión, Sam escribe unha historia de absoluto e total rexurdimento feminino que xoga  varias bandas coas lendas das meigas de Salem (as reais e as imaxinadas por Arthur Miller) dentro dunha comunidade pechada case endogámica no típico pobo estadounidense no medio de ningures, onde a mocidade refúxiase nas RR.SS. para fuxir da monotonía diaria na cos adultos semellan gozar coma peixes dun acuario na consulta do dentista.

E é dentro desa realidade virtual onde campan nas súas anchas os temidos trolls e hackers, que rouban lembranzas audiovisuais das intimidades dos incautos que comparten retrincos vitais con supostas amizades de quita e pon , “likes” arriba, “likes” abaixo.

ASSASSINATION NATION é unha proposta argumental agresiva que na súa estrutura cinematográfica basease no exceso nesa convulsa cámara na man, cunha edición asincopada, que vai da man do tempo no que vivimos (a mocidade da por bo visionar filmes na pantalla do teléfono móbil). É intencionado por parte do director e mal que nos pese, temos que dalo por bo para o contexto no que vai metido o filme. Non son moi de ovacionar este tipo de rodaxes, pero coma transgresión visual dámola por correcta, máis se cabe, despois de decatarnos do bo traballo que vai na iluminación do húngaro Marcell Rév que por intre propón unha concepción case teatral dos planos que roda Levinson.

Na película, vemos a vida de catro mozas de High School que interactúan cos seus conxéneres coma podan facer os adolescentes de medio Mundo, persoas sen amplas perspectivas co presente inmediato coma futuro máis lonxe e sometidas elas (e o resto) aos caprichos dos novos profetas sitos na Internet. Espazo onde descubrir como construír unha bomba ata “aprender” relacións sexuais nas canles pornográficas.

O filme bate con forza no “american way of life” e por suposto que na súa ácrata concepción vémola coma unha fortuna maior, coma tamén aceptamos a mensaxe necesaria sobre a loita dos dereitos das mulleres, fronte ao machismo asasino e inquisitorial desa “boa xente” que non dubida facer linchamentos con nocturnidade e impunidade.

Pero para poder contar todo iso houbera preferido un maior academicismo formal, que xa vou maior para segundo que mesturas estéticas e confeso o meu cansazo ante fórmulas esgotadas coma as vistas na franquía THE PURGE (2013) e sucesivas ou nos espalles estéticos tipo FAR CRY ou SAINTS ROW IV, por citar só algúns exemplos que chimpan mentres escribo estas liñas.

Quedo coa denuncia que Levinson fai da irresponsabildade que moitos fan das novas tecnoloxías, da intransixencia dunha grande parte da sociedade estadounidense que está a exportalo seu modelo a outras nacións (a nosa non é unha excepción) e que dende vai dous anos, moitos cineastas estadounidenses tentan alertar do perigo que é darlle o Poder a axentes laranxas ou orangutáns barbudos armados.

E Levinson moito mellor cineasta do que semella tralo visionado do filme que recoñezo deixoume a medio subir ou baixar da escaleira, pero que gustará aos buscadores de propostas rupturistas e afastadas do punto de equilibrio.

Coma segunda proposta, abordamos a continuación daquel moi afortunado conto que Phil Lord e Chris Miller nos agasallaron no 2014 baixo o título de THE LEGO MOVIE. Brillante historia cun orixinal epílogo que non facía senón confirmar a esta dupla artística coma unha das máis renovadoras e prolíficas dentro do Grande Hollywood.

Xa non é casualidade os triunfos continuos que os dous cineastas fan unha e outra vez. Só agardo que algún día poidamos ver o metraxe censurado pola Disney do seu SOLO: A STAR WARS STORY (2018), por que ten que ser impagable. Son Lord e Miller dous auténticos nerds de proporcións cósmicas, que trasladan aos seus escritos as lembranzas de varias xeracións de siareiros de xéneros veciños tan ben levados coma a Ciencia Ficción ou o Fantástico e as súas iconas pop da cultura estadounidense das derradeiras catro décadas.

Volven os protagonistas cunha nova aventura que gozamos mentres asistimos a toda unha cascada de chiscadelas cinéfilas, unha apoteose eyaculativa de orixinal trazada, mellor ganduxada incluso que o visto na READY PLAYER ONE (2018) de Spielberg. Non podo deixar de batelas palmas, de entregar as chaves da cidade e de rompela espada ante os talentos destes dous nenos grandes. Os creativo da Pixar son magníficos, pero estes dous tipos son algo distinto, diferentes.

THE LEGO MOVIE 2: THE SECOND PART (2019) da todo o que promete, non decepciona e case é unha obriga levar os vosos cativos o cine, coma escusa para botar vós unha boas gargalladas. Non ten, por lóxica, o frescor orixinal da primeira, pero das propostas cara esta fin de semana é a que destaco coma imprescindible. Non vos arrepentiredes co espectáculo (a animación dixital está na súa Época Dourada, dende que no 1999 George Lucas dera un salto evolutivo nas calidades que aínda agora non se recoñece dabondo. Grazas, mestre).

E coma adiantabamos na cabeceira da crítica, toca falar da segunda tempada da serie THE OA, produción que no 2016 deixounos totalmente marabillados ante as formulacións abordadas. A Grande Pregunta que a Humanidade faise dende a súa orixe era o tema a tratar nesta primeira sesión. Oito capítulos cun ritmo no seu metraxe que escapan da previsibilidade e que pola súa excepcional orixinalidade non dubidamos no seu intre (e agora) na recomendación máis absoluta.

Os creadores da serie, o francés Zal Batmanglij e a actriz estadounidense Brit Marling (que na serie interpreta a protagonista principal, Prairie/Nina) rexeitan todo ese triunfo argumental do 2016 e o que agora expoñen vai radicalmente por outro camiño. ¡Uhmm!… Así de súpeto semella unha mágoa, pero vemos os novos oito episodios aceptando a aposta arriscada dos guionistas.

Non vou liarme con rodeos e directamente dígovos ca miña decepción foi total ante a trapallada que tentan colar os responsables deste outrora éxito que non souberon xestionar.

Non dou por boas as motivacións dos guionistas que din que a serie concíbese coma una proposta de cinco tempadas, cando na realidade, o escrito orixinal estaba concibido para unha longametraxe conclusiva.

Tanto Batmanglij coma Marling descubriron un filón de ouro, pero non teñen os instrumentos necesarios para extraer a veta principal, así que baseándose (cando non plaxiando) en  infinidade de series e filmes que abordan o novo tema argumental (non vou dar pistas por risco de caer nos spoilers) perpetran este case insulto a intelixencias dos espectadores. E non exaxero cando afirmo que vin situacións de auténtica vergoña allea (a secuencia do polbo non ten ni pés nin testa).

Cunha produción moi primaria na súa elaboración (dúas realidades, con diferentes luminosidades e distintas amplitudes nos espazos dos tiros da cámara) a sombra de STRANGER THINGS (2016- ), sobre todo a súa primeira tempada e moi, pero que moi alongada. Coma dicía vai máis exemplos que non vou citar. Só quedarme co seu epílogo tan pouco orixinal, moi previsible, cun final aberto que sen pudor abre a cancela cara un “continuará…”

Haberá máis tempadas, pero sospeito que non ocuparán o meu tempo.

E para rematar, a tremenda labazada que levei coa segunda película de Jordan Peele, célebre responsable da magnífica distopía titulada GET OUT (2017), excepcional pesadelo de denuncia racial que foi un dos mellores filmes de vai dous anos e un auténtico “sleeper” que mesturaba con acerto Terror e Fantástico a partes iguais. Aínda agora que escribo sobre este filme estou a gozar da súa lembranza. Vitaminas revitalizantes para uns xéneros polo xeral moi maltratados polos profesionais do sector.

US, que a nivel mundial está colleitando moi boas loas da crítica e que está sumando cartos no Box-Office coma nunca se viu para un filme de xénero dende o THE SIXTH SENSE (1999) do outrora xenial Shyamalan, é un envite que admite multitude de interpretacións argumentais (as evidentes e as soterradas) pero que coma proposta estritamente cinematográfica, e dicir, coma estudo dos seus tempos narrativos e das súas orixinalidades nas técnicas e total e absolutamente errada.

Non poño na dúbida a coraxe de Peele na hora de acusar esa Sociedade visible que omite deliberadamente aos sectores poboacionais máis desfavorecidos, nin as lindes territoriais coas súas disputas e todo o que queirades destacar de seguro cun grande acerto. O problema co US de Jordan Peele é que elaborou un filme tremendamente aburrido, plano, previsible, cunha excesiva metraxe e unha insoportable B.S.O. e non pola súa estridencia, senón polo excesivo protagonismo. A Buñuel, estouparíalle a testa.

Afórrovos as miñas verbas sobre o filme, pero xa vos digo que a maioría non coincide comigo, así que coma noutros casos, recoméndovos que vaiades ao cinema e saquedes as vosas conclusións. O tempo dirá se US quedará coma película de culto ou coma tropezo maior dun cineasta que afirma que seguirá denunciando as políticas nocivas que fanse no seu país, a través do Fantástico e o Terror.

Eu polo de agora doulle outra oportunidade, por que valoro máis o achado que significou GET OUT (2017) ca tremenda castaña que é US (2019). Agardaremos ata o seu novo proxecto para saíres de dúbidas aínda que volver sobre o CANDYMAN (1992) de Bernard Rose non semella moi bo punto de partida, pero non adiantemos acontecementos, que para iso queda moito tempo.

Mais nada por hoxe. Non deixedes de alimentar os vosos cerebros e os dos vosos seres queridos. Fuxide dos odios xurdidos da ignorancia que dende os diversos púlpitos os medios de comunicación na súa irresponsabilidade, amplifican coma voceiros deses autralopithecus “sen complexos”.

Invasores alieníxenas, xa estades tardando.

 

 

 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial