O Atardecer no Gaiás trae esta semana tres concertos non aptos para pusilánimes

0

Compostela, 9 de agosto do 2018 – O Atardecer no Gaiás continúa esta semana con tres concertos do máis rebelde: O punk feminista de Las Odio, a zarzuela bufa de Rodrigo Cuevas e o humor politicamente incorrecto de Pony Bravo.

Os encargados de arrancar a semana do Atardecer no Gaiás serán o grupo sevillano Pony Bravo co seu característico humor que tingue as súas letras ‘protesta’, á vez que un directo sempre encomiado que os ten levado a festivais como o Primavera Sound e a cidades como Bos Aires ou Caracas. Con claras influencias do rock andaluz dos 70, Pony Bravo nacía a comezos de 2006 en Sevilla formado por Daniel Alonso, Pablo Peña, Javier Rivera e Darío del Moral. Ademais de cancións míticas da súa carreira, traerán ao Gaiás os seus ritmos máis frescos, pois precisamente o pasado mes de maio lanzaban tres novos temas –‘Rey Boabdil’, ‘Espectro de Jung’ e ‘Piensa McFly’– tras cinco anos de silencio desde o seu traballo anterior De palmas y cacería.

Rodrigo Cuevas

Coma sempre, a cita será no escenario Alhambra da Praza Central da Cidade da Cultura ás 21 horas, para un concerto con entrada libre e de balde. Nesta ocasión ademais, tras a actuación de Pony Bravo a festa continuará cunha sesión DJ a cargo de ‘La Isla del Tesoro’, por cortesía de A Cantina do Gaiás.

Asturias irreverente e punk feminista

A noitiña do venres será a quenda de Rodrigo Cuevas co seu inclasificable espectáculo ‘El mundo por montera’. Con este segundo traballo en solitario, o artista asturiano procura unha chamada de atención sarcástica en formato de zarzuela bufa, feita desde Asturias e para o mundo, na que amosa o seu particular universo.

Un mundo tradicional, rural e excéntrico, pero ao mesmo tempo urbano, crítico e tecnolóxico reflíctese no escenario nun traballo persoal e atrevido que une folclore, música popular e gargallada, enfiado cunha grande calidade musical e vocal. Cun proxecto no que mestura o traxe rural con aires de cabaré e a música tradicional cantada en bable con bases electrónicas e reggaetón, Rodrigo Cuevas destila humor e amor polo folclore asturiano a partes iguais e promete non deixar a ninguén indiferente.

Las Odio

Para finalizar a semana, a banda madrileña Las Odio, inserida no movemento punk feminista Riot grrrls, chega ao Gaiás coa promesa de que o público non parará de bailar desde o primeiro ao último tema. Formado por Ágata Ahora (guitarra), Ali Holgado (batería), Paula JJ (voz e sintes) e Sonsoles Rodríguez (baixo) o cuarteto nace en 2015 no underground madrileño ­–ou infraground nas súas propias verbas–. Cando dous anos despois ve a luz o seu álbum debut, Futuras esposas, Las Odio deixa de ser o segredo mellor gardado da escena musical da capital para saltar ás páxinas da prensa cultural, que as clasifica entre o máis prometedor do ano, resaltando a frescura e o descaro do seu son.

Con ritmos entre o post-punk, o pop, o rock, o yeyé ou o garage, as súas letras divertidas, afiadas e feministas móvense entre o discurso xeracional e a narración costumista, sempre desde a ironía e o humor máis acedo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial