Os Luns do Ateneo debaten sobre a Depuradora de Santiago

1

Compostela, 6 de maio do 2018 –  O Ateneo de Santiago realizará unha nova conferencia dos Luns do Ateneo, na que, baixo o título “Compostela merece depurar as súas augas residuais”, o Profesor de Enxeñería Química da Universidade de Santiago Juan Garrido falará sobre os problemas existentes coa depuración de augas residuais na cidade e os desacordos coa construción da nova planta depuradora.

O acto comezará ás 20.00 horas na sede de Afundación, situado na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, onde se permitirá a entrada libre e gratuíta ata completar o aforo dispoñible, e rematará cunha quenda de preguntas e suxestións por parte do público asistente.

A deficiencia na depuración das augas da cidade de Santiago descubriuse no ano 2011 cando unha Sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea multou a España por non ter adoptado as medidas necesarias para o cumprimento das obrigas sobre o tratamento das mesmas en varias aglomeracións urbanas, entre as que se atopaba Santiago. Así pois, en 2014, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, ademais de ampliar temporalmente a capacidade de depuración da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) existente na Silvouta, promoveu a avaliación de impacto ambiental para a construción dunha nova en O Souto.

Na actualidade, tras catro anos de confrontación, atopámonos, por unha banda, co Ministerio de Medio Ambiente, que pretende a construción da EDAR en O Souto, coa oposición dos veciños afectados e os Concellos de Ames e Santiago (este último acaba de rexeitar o convenio no pleno do pasado 15 de marzo), e, pola outra, o Concello de Santiago, que quere remodelar a da Silvouta por garantir a calidade das augas nun menor prazo e reducir o impacto ambiental.

Juan Manuel Garrido Fernández doutorouse en Enxeñería Química en 1996 e é Profesor no Departamento de Enxeñería Química da USC dende ese mesmo ano. As súas liñas de investigación están vinculadas co tratamento de augas residuais, biorrecuperación do litoral contaminado e recuperación de recursos de augas (reutilización e recuperación de fósforo). É, xunto con Juan Lema, un dos expertos da USC que avalou o proxecto que o Concello vai presentar a Acuaes e Augas de Galicia, apostando pola localización das instalacións da EDAR na mesma parcela que acolle a actual depuradora da Silvouta. Estes expertos prevén que o conxunto da nova EDAR podería estar construído nun prazo máximo de tres anos xa que non precisaría tramitar un novo Estudo de Impacto Ambiental, ou podería facerse de xeito simplificado, ademais de evitar outros trámites como novas expropiacións de terreos ou modificacións de planos.

Share.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies