Baia Edicións presenta Vermella, un album ilustrado de Sabela Losada

0

Compostela, 15 de febreiro do 2019 – Este sábado 16, ás 12:00 horas na Libraría de Mulleres Lila de Lilith  (Rúa Travesa, 7, preséntase Vermella de Sabela Losada Cortizas que sae a rúa en Baia Edicións.

Sabela Losada Cortizas estará acompañada pola xerente da libraría, Patricia Portopaderne, e pola directora editorial de Baía Edicións, Belén López Vázquez, que se encargarán de faceren un achegamento crítico á obra.

No transcurso do acto, a autora promoverá un obradoiro dirixido ao público infantil e asinará exemplares de Vermella.

Sabela Losada

Nada en Compostela, é experta en xénero, cooperación para o desenvolvemento e xestión cultural. Aos vinte anos marchou a América Latina onde traballou para a cooperación galega, CIDEAL e a AECID, ademais de colaborar con organizacións de mulleres e os Festivais de Cine de Dereitos Humanos e de Cine Ambiental de Arxentina.

É a creadora de Dalúa Libros onde ten publicado varios volumes para crianzas e foi premiada no Certame Internacional Encarna León polo seu relato sobre a relación entre Rosalía de Castro e María Cardarelly, autora das súas primeiras fotografías.

Foi parte de Mulheres Livres e outros colectivos, e ten escrito sobre rebelións populares en América do Sur, identidade e autocoñecemento feminista, maternidade, crianza e educación libres.

É nai de dous fillos e leva máis de quince anos vivindo arredor do océano Atlántico.

Vermella

Gañadora ex aequo do I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade (2018) e ilustrada por Minia Regos. Segundo o tribunal, Vermella saca á luz un tema tabú e pouco tratado na literatura infantil, como é o da menstruación desde unha perspectiva de indagación case que policial e de divertimento por parte da rapazada protagonista.

Igualmente, a historia consegue manter a súa intriga, mesmo coa axuda de trazos do humor natural característico do mundo infantil, na procura da orixe do móbil da investigación, que lle dá sentido á trama e que ten que ver coa propia e progresiva descuberta do corpo da nena.

 

 

 

Cando Flor atopa unhas pingas de sangue no cuarto de baño comeza, xunto con Leo, a investigación de tan estraño suceso… Foi un accidente?

Quen é a vítima?

Serán quen de resolveren este enigma?

 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial