A Baña. Brión. Lousame e Oroso aproban os Plans de Obras e Servizos, POS, 2018

0

Bisbarra, 20 de Nadal do 2018 – Foron varios os concellos que nos últimos días aprobaron o POS 2018 da Deputación e que supón boa parte das obras que se farán ao longo do ano.

Plans de Obras e Servizos

O chamado POS+2018 recolle aquelas obras que serán financiadas pola Deputación da Coruña. O organismo provincial puxo en marcha en esta lexislatura o chamado Plan Único que recolle os distintos investimentos que se facían con distintas partidas. Este novo modelo facilita os trámites burocráticos e fai que os concellos teñan desde o primeiro momento un coñecemento dos cartos dos que dispoñen.

Oroso

O Pleno de Oroso aprobou por unanimidade a participación do Concello no POS 2018), que suporá o investimento de 765.334 euros. Os principais proxectos incluídos no plan servirán para ampliar a rede de abastecemento a diversos núcleos de poboación, así como a construción dunha cuberta para a piscina municipal e diversas melloras na rede viaria.

O alcalde, Manuel Mirás, explica que co POS+ 2018 o Concello dará “un impulso fundamental para o abastecemento de auga en todo o municipio”. Destacou a chegada do servizo a San Román de Pasarelos e o inicio da rede en Marzoa para que esta parroquia teña abastecemento durante 2019. “Deste xeito, en 2019 pecharemos o ciclo da auga en todo o municipio, un obxectivo no que o Concello efectuou un enorme esforzo nos últimos anos”.

Mirás expuxo ademais que a construción da cuberta da piscina municipal en Sigüeiro facilitará que o seu período de utilización aumente ata os seis meses anuais. A dotación da cuberta estará tecnicamente preparada para unha futura climatización, que polo de agora se descarta porque o municipio non reúne a demanda que os técnicos consideran necesaria para que unha piscina climatizada sexa sostible. “Unha vez que se supere a crise económica e as enerxías renovables resulten máis baratas, o goberno contempla unha posible climatización nun prazo duns catro anos”, avanzou o alcalde de Oroso.

A Baña

O Concello da Baña aprobou obras e actuacións por máis de 1,2 millóns de euros que se dividen en 260.300 euros para gasto corrente e outros tres apartados para obras e investimento: 230.887 do préstamo provincial, 255.451 da achega provincial 2018 e 545.781 euros para os plans complementarios. Os diferentes proxectos foron aprobados cos votos do PP (6) e do PSdeG (4) e coa abstención de Compromiso por Galicia (1).

Na partida do 2018 o Concello da Baña inclúe tres actuacións, por un total de 255.000 euros, que son as pavimentacións das  estradas que unen Ermida co cruce da Edreira (135.525 euros) e outra en Prousor (46.379), ademais da reforma da piscina de San Vicenzo (73.545 €). A gasto corrente financiado co POS+, A Baña destinará o vindeiro ano 260.000 euros.

No apartado de préstamo provincial inclúense 230.887 euros, que se destinarán á pavimentación da estrada que vai do límite co municipio de Val do Dubra, por Vilacoba ata Santa María de Troitosende (171.191 euros) e outras pavimentacións en San Cibrán e no Espiño (69.696).

Brión

O pleno municipal do Concello de Brión aprobou por unanimidade o Plan de obras que destinará 495.000 euros a obras e outros 263.000 euros a gasto corrente. O Concello de Brión non acudirá ao Préstamo Provincial 2018.

O POS+ 2018, aprobado sen debate entre os grupos, recolle un investimento de 261.996,09 euros da Achega Provincial 2017 a catro proxectos de obras: conexión da rede de abastecemento da Luaña mediante a condución xeral de abastecemento de auga desde o río Tambre (97.392,58 euros); obras de substitución da envolvente exterior do pavillón municipal de deportes (102.324,38 euros); e dous proxectos de mantemento e mellora de pistas municipais: de Estrar a Vilanova (31.054,94 euros) e na aldea de Estrar (31.194,19 euros). O alcalde de Brión, José Luís García, explica que “coa conexión da rede de abastecemento da Luaña conseguiremos acabar cos problemas de subministro que sufriron as parroquias da parte alta de Brión durante este tempo de seca e que tivemos que atender a través de camións cisterna”.

A Achega Provincial 2018 destinarase integramente a financiamento de gastos correntes por un importe de 263.755,92 euros.

Lousame

O pleno municipal de Lousame aprobou cos 5 votos a favor do grupo de Goberno e as 3 abstencións do grupo socialista (non asistiron os representantes de Terras de Lousame e BNG), a proposta da Alcaldía para o Plan Único de Concellos “POS+ 2018”. O Concello de Lousame destinará 360.000 euros a melloras en camiños e accesos a núcleos, 218.000 euros a gasto corrente, 47.448,06 euros a reducir débeda e outros 297.240 a obras do Plan Complementario, que se executarán en caso de haber dispoñibilidade orzamentaria por parte da Deputación.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, desglosou os proxectos de obras que se incluirán no POS+ 2018. Así, cos 213.476,93 euros da Achega Provincial 2017 executaranse dous proxectos. O primeiro inclúe pavimentación de viais en Arxellas e nos accesos a Lesende e San Xusto, onde o ano pasado xas se acometeu unha primeira fase. Tres obras que contan cun orzamento de 105.224,12 euros. O segundo proxecto inclúe a pavimentación de viais en Carantoña por un importe de 108.252,81 euros, unha iniciativa que non se puido executar no Plan Complementario do ano pasado.

Lousame adherirase ao PAI, por un importe de 193.879,9 euros, dos que 47.448,06 euros destinaranse a amortizar débeda. O resto investirase en dous proxectos de obras. O primeiro é o acondicionamento dun viario en Cernande por 81.526,25 euros e o segundo inclúe a pavimentación de viais en Aldarís e a mellora dos accesos a San Xusto e Escabia por 64.905,59 euros.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial