A bisbarra conmemora o Día Internacional da Muller

0

Bisbarra, 6 de marzo do 2020 – Como xa vimos contando estes días os concellos propoñen actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller que se celebra este 8 de marzo.

Engadimos agora algunhas actividades máis que van desde andainas a charlas e exposicións. Esta xornada é celebrada polas Nacións Unidas desde 1975 e foi proclamado pola Asemblea en 1977. O Día Internacional da Muller atopa as súas orixes nas manifestacións das mulleres que, especialmente en Europa, reclamaban a comezos do século  XX o dereito ao voto, mellores condicións de traballo e a igualdade entre os sexos.

Actividades

Comezamos en Vedra que rende homenaxe, esta tarde no Salón de Plenos, a María Carmen Nieto, que foi a primeira muller en converterse en concelleira tras as eleccións de 1995. Ela foi unha das impulsoras das Xornadas arredor da Camelia e exerceu o cargo ata 1999.

A Baña organiza unha  exposición de mulleres relevantes da Historia feita polos usuarios e usuarias menores de idade tanto da axencia de lectura como da aula de informática.  O domingo celebrarase ademais, ás 19.00 horas, unha charla coloquio sobre ‘O papel da muller no rural’, no que está confirmada a presencia dunha gandeira e dunha farmacéutica.

Ames organiza a proba de reivindicación feminista “Moitos camiños, mesma meta” terá lugar mañá sábado 7 de marzo. Contará con 231 persoas participantes e desenvolverase na contorna da Casa da Cultura do Milladoiro, a partir das 11.30 horas.

Melide centra a principal actividade o próximo luns día 9. Ese día a radio municipal, Radio Melide, acolle unha programación especial para conmemorar o 8M, onde están convidadas a participar as persoas que traballan día a día no Centro de Información á Muller, para dar a coñecer todos os servizos que se ofrecen dende este colectivo. Tamén falarán sobre as diferentes maneiras dende o punto de cada unha de conciliar a súa vida laboral e familiar.

O Pino pola súa banda presenta unha  ‘Andaina pola igualdade’ que se celebrará este domingo. A ruta dará comezo ás 10.30 horas e arrancará desde o albergue Ponte de Ferreiros. Desde este punto, as persoas participantes realizarán a pé un tramo do Camiño de Santiago, concretamente ata Pedrouzo, onde, unha vez que cheguen todos os participantes, lerase un manifesto na praza do Concello.

Santiago ten distintas actividades que xa avanzamos pero ademais este domingo dos autobuses da cidade recibiran un exemplar do libro Follas Novas de Rosalía de Castro.

Hai que lembrar ademais a andaina Rosalías da Vida na que participan distintos concellos e da que xa publicamos toda a información no seguinte enlace e as actividades da Universidade de Santiago que podedes ler aquí.

 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial