A bisbarra contra o Coronavirus XV, A voltas coas terrazas

0

Bisbarra, 14 de maio do 2020 – A bisbarra intenta aos poucos retomar a actividade e as terrazas son un indicador do interés da veciñanza e das dificultades de esta fase.

Este martes pasado Lindeiros percorreu algúns concellos e na maioría eran escasas as terrazas abertas, en núcleos urbanos como Milladoiro ou Bertamiráns algúns dos locais máis coñecidos seguían pechados.

A falta de un criterio claro de como actuar é o principal motivo para esta situación. Hai una intención xeral de anular ou diminuír as taxas de ocupación pero no resto só está vixente a orde do goberno central sobre un 50% de ocupación . Dada a redución de ingresos a solución pasa pola ampliación do espazo ocupado pero iso depende de moitos factores sobre os que só poden decidir os concellos.

A bisbarra contra o Coronavirus XV, A voltas coas terrazas

Imaxen de Peter H en Pixabay 

Ames terrazas previa comunicación

O concello de Ames emitía un bando no que permitía a ampliación das terrazas pero poñía como requisito que o local o comunicara previamente e que o departamento de urbanismo autorizara a apertura e a ampliación se fose o caso.

Ordes ao 50%

O concello de Ordes pola súa banda emitía tamén un edicto que recollía as indicación do decreto estatal. Un 50% de ocupación máxima, dous metros de separación entre persoas e un máximo de 10 clientes por mesa ou grupo de mesas. A comunicación no menciona a ampliación pero deixa claro que o incumprimento das condicións de instalación para as que se concedeu a licenza darán lugar a revogación da mesma.

Silleda permitirá as ampliacións

Silleda ven de comunicar que autorizará esa ampliación sempre que a solicitude vaia acompañada dun ” documento onde figure o acordo das propiedades colindantes ao local hostaleiro, nos casos nos que a ampliación proposta supoña ocupar o frontal doutra propiedade”. O alcalde Manuel Cuiña explica que ” Cremos que a ampliación das terrazas, nos casos onde sexa posible, será unha medida para axudar ao sector nestes tempos difíciles”. O rexedor engade que a peatonalización de rúas durante a fin de semana está pensada tamén para facilitar estas ampliacións.

A bisbarra contra o Coronavirus XV, A voltas coas terrazas

Imaxen de  analogicus en Pixabay 

A complexidade de Compostela

Mentres tanto en Compostela o desencontro entre a Asociación de Hostalería e o concello faise cada vez máis fonda. O sector reclama que se permita a ampliación prometida desde alcaldía pero o departamento de urbanismo aplica criterios que a fan imposible.

A Asociación explica nun comunicado que “segundo a interpretación que fai Urbanismo do Decreto de alcaldía aprobado o 8 de maio de 2020 no que se autoriza o incremento da ocupación do dominio público con mesas e cadeiras dos locais de hostalaría, débense manter 2 metros de distancia de seguridade por mor do Covid-19 e 2 metros para os pasos de tránsito peonil. Iso suma un total de 4 metros, unha distancia que fai totalmente inviable economicamente a apertura na práctica totalidade dos establecementos composteláns, que se afrontan ademais a expedientes con sancións de ata 6.000 euros de non cumprir coa norma”.

A Asociación reclama diálogo co alcalde xa que “entende que é necesario lograr o equilibrio no espazo público entre as terrazas e a mobilidade dos peóns. Tamén é consciente da importancia do cumprimento das medidas de distanciamento social e hixiene para evitar novos contaxios. A saúde é o primordial, e así o transmitiu aos socios e socias nunha carta na que apelaba á responsabilidade individual dos clientes e de todo o sector, así como á solidariedade de todos e todas”.

Sempre que o clima o permita as terrazas son a mellor opción para a reactivación do sector pero, unha vez máis, o crecemento urbanístico descontrolado, que deixou rúas e beirarrúas estreitas e moi poucos espazos públicos, fai que unha solución equilibrada sexa difícil de atopar.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial