Opinión: A Península Ibérica, unha gran mina a ceo aberto

0

Plataformas anti-minería unidas contra a especulación: A Península Ibérica, unha gran mina a ceo aberto

Bisbarra, 22 de xullo do 2019, Neste día 22 de xullo, día mundial contra a mina a ceo aberto en que se está a converter a Península Ibérica, as plataformas veciñais: Plataforma veciñal mina Touro e O Pino Non, Plataforma Vida e Ría ou minaría de Lousame, as plataformas da Rede Contraminacción de Galicia, a Coordinadora Non á Mina de Uranio de Salamanca , Plataforma No en Mi Tierra de Zamora , a Plataformas Non á Mina na Sierra de Yemas, Non á Mina no Valle del Corneja, Plataforma No a la Mina en la Sierra de Ávila, a Plataforma Salvemos la Montaña de Cáceres, a Plataforma de L Raya Sin Minas de Valencia de Alcántara, Plataforma Tamuja de Plasenzuela, Plataforma Sierra de Gata Viva tamén de Cáceres, Plataforma Salvemos las Villuercas, Plataforma Oro No de Tapia de Casariego en Asturias, Plataforma Salvemos Esparteros de Morón de la Frontera en Sevilla, a Plataforma de Afectados por Metais Pesados de Llano del Beal en Cartaxena e Unidos em Defensa de Covas do Barroso de Portugal denuncian un ano máis o perigo ao que está sometida toda a Península Ibérica como consecuencia da gran cantidade de expedientes solicitados que pretenden deixar unha península furada, contaminada e erma, o que propiciará o baleirado, aínda máis do que xa está, das zonas rurais.

Preténdese enganar á poboación coa falsa premisa de creación de emprego e do asentamento da poboación nestas zonas, xa deprimidas pola desidia e abandono das institucións. De creación de emprego, pero nas minas abertas, e segundo as estatísticas oficiais, a media de traballadores é inferior a 15 persoas, como na mina de Aguablanca en Monesterio, onde reduciron o persoal de 25 a 9 traballadores. Nembargantes, ameazan miles de traballos reais, arruinando a familias que xa desenvolven actividades sustentables na maioría dos casos, como nas Villuercas, na Serra de Gata e en moitos outros lugares de Extremadura.

Queren enganar á poboación aducindo que nas zonas rurais non hai alternativas laborais, pero as Plataformas sabemos que desenvolvemos a vida, sen présa nen pausa, traballando sen prexudicar a outros sectores, sen ameazar as opcións de futuro, como no occidente de Asturias, en Salave, onde a Administración e as empresas mineiras do ouro queren impoñer a súa alternativa destrutiva sobre a vida e tradicións de agricultores/as, gandeiros/as, mariscadores/as, pescadores/as, ou sobre o turismo, a educación, a saúde.

Ou como en Touro, por onde ademáis das actividades rurais mencionadas, un proxecto mineiro de cobre atópase ao paso da última etapa do Camiño de Santiago, agora ameazado, que acumula múltiples denuncias por contaminación de verteduras de augas desde o peche da

anterior explotación, abandonada e sen restauración desde hai máis de 30 anos como acontece tamen en San Fins e Monte Neme. E nas Villuercas, Cañamero leva 100 anos coa colonia agrícola funcionando e fixando poboación.

Ampáranse na sustentabilidade, pero esgotan recursos naturais non renovables, eliminan a terra fértil que permite a alimentación, queiman inxentes cantidades de combustibles fósiles e de enerxía, acaparan grandes cantidades de auga para contaminala con metais pesados e tóxicos químicos, e abandonala posteriormente. Iso entre outras moitas cousas temen en Ávila, na Sierra de Yemas e no Valle del Corneja.

Dinnos que é en nome da Transición Enerxética e da propaganda que promove os coches eléctricos como a alternativa “cero emisión” e amiga do ambiente, pero afróntana con hipocrisía, proxectando minería de litio e outras materias primas en lugares Patrimonio Mundial Agrícola como Covas do Barroso, en Portugal; e en lugares Patrimonio da Humanidade como a cidade de Cáceres, pretendendo monopolizar e esgotar recursos naturais coa auga, o aire, os chans de alta calidade para producir e consumir máis e máis.

Ocultan e negan consecuencias dos proxectos mineiros, sen ningunha transparencia, abusando da poboación, aproveitándose do descoñecemento, sen informar das auténticas intencións, nin de futuras ampliacións, nin de riscos como veñen denunciando desde Llano del Beal en Cartagena a contaminación por metais pesados; e mesmo pretenden introducir material sesgado e falso nas escolas, como no caso de Galicia onde, con axuda dos medios de masas, lavan unha imaxe que non poden ocultar, a da realidade.

A única realidade é que estas empresas que queren instalarse nos nosos territorios non buscan o beneficio dos lugares onde queren instalarse, senón que perseguen o seu propio beneficio expoliando e destruíndo todo o que atopan ao seu paso. Prometen unha restauración á que lle falta concreción nos plans presentados ou simplemente non existe.

As plataformas antimegaminería da península Ibérica continuamos e continuaremos, como viñemos facendo ata agora, traballando sen alento, para que a ambición duns poucos non estea por riba dos dereitos da cidadanía.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial