Bisbarra, 9 de marzo do 2019 – Bisbarra é feminino e dun xeito ou doutro demostrouno onte 8 de marzo, manifestacións ou exposicións, nas rúas ou nos colexios, o Día da Muller inundou a bisbarra de reivindicacións.
A continuación unha breve mostra de algúns dos actos e de algúns dos concellos. O Día da Muller tivo presenza en todos teñamos ou non imaxes así que sirvan estás en nome de todas.
Ames
A veciñanza amesá volveu a encher a praza do Concello, situada en Bertamiráns. A concentración foi convocada pola Plataforma Feminista Galega e contou co apoio do Concello. As integrantes de dita Plataforma realizaron, dende as 11.00 horas, un paseo por Bertamiráns no que chamaron ao resto de veciñas e veciños a que participasen na concentración que tivo lugar ás 12.00h na praza do Concello.
Durante a manifestación, as integrantes da Plataforma Feminista Galega deron lectura a un manifesto e realizaron unha coreografía. En dita concentración participaron moitas veciñas e veciños, persoal do Concello e membros dos grupos políticos con representación na Corporación municipal.
Arzúa
En Arzúa as 12 do medio día tivo lugar unha concentración na Praza de Galiza. A Concelleira de Igualdade e Benestar Social, Aurora Varela, procedeu á lectura dun manifesto para dar voz a todas as mulleres e ao mesmo tempo na praza principal procedeuse, de xeito simbólico, a plantar flores de cor lila xunto á escultura da queixeira, nese mesmo espazo o Concello aproveitou para colocar unhas pequenas táboas con lemas representativos desta data tan sinalada.
Aproveitando a coincidencia desta conmemoración coas datas nas que se celebra este fin de semana a 44 Festa do Queixo, a Concellería de Igualdade aproveitou para confeccionar unhas pegatinas xunto cunhas bolsas que serán entregadas a cada unha das queixerías presentes no recinto feiral e que levarán un lema relativo ao 8 de Marzo, Día Internacional da Muller.
A Baña
O acto de conmemoración do Día Internacional da Muller en A Baña contou ca axuda das traballadoras do Concello para a lectura da Declaración Institucional da FEMP. Deste xeito cada unha delas leu en voz alta unha parte do escrito para todos os asistentes, entre os que se atopaban membros de todos os grupos políticos do Concello.
No transcurso da declaración, a artista local Silvia Capelo levou a cabo a súa performance, que pasará ao recordo por pintar un cadro coa mensaxe “xuntas somos máis fortes”.
Boqueixón
As escaleiras ao primeiro andar da Casa do Concello de Boqueixón estrearon os 18 chanzos feministas. Unha iniciativa do Centro de Información da Muller de Boqueixón coa que se conmemora o seu Día e que está incluída nunha programación especial que finalizará o vindeiro 5 de abril.
Toda persoa que se achegue ao Consistorio poderá ler citas célebres sobre feminismo de persoeiras como Rosalía de Castro, Frida Kalho, Virginia Wolf, Mary Shelley, Gloria Steinem ou Elvira Sastre. Estes 18 chanzos feministas rematan cunha frase do propio CIM de Boqueixón: “As mans para loitar, non para ferir; a fala para acariñar, non para anular”.
Brión
Veciñas e veciños de Brión participaron ao mediodía nunha concentración en torno á figueira que no 2018 se converteu no símbolo da iniciativa “Mulleres medrando como árbores”.
Se no 2018 se soterraron coas súas raíces as mensaxes de apoio ás mulleres recollidas da veciñanza, onte volvéronse a colocar novas mensaxes que reivindican o dereito das mulleres a medrar fortes, autónomas, libres e sen medo. No acto participou o alcalde de Brión, José Luís García, quen destacou a importancia de días de reivindicación como este.
Compostela
Ademais dos actos que ttiveron e teñen lugar ao longo de toda a semana onte conseguiuse ateigar o Obradoiro cunha manifestación multitudinaria, con xente de toda a bisbarra nunha concentración das que non se ven en moitas ocasións
Frades
O alumnado do CPI Ponte Carreira, Frades, uniuse este mediodía á iniciativa promovida polo Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Ordes para conmemorar o Día Internacional da Muller.
Toda a rapazada concentrouse no patio amosando cartolinas de cor lila e con forma de bocadillo de cómic que recollían mensaxes a prol da igualdade entre homes e mulleres. Un acto ao que asistiu o concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa.
Melide
A alcaldesa de Melide, Dalia García, acompañada pola concelleira de Igualdade e Benestar Social do Concello de Melide, María Jesús López e a asesora xurídica do Centro de Información á Muller (CIM), da vila déron a coñecer o novo logo deste centro así como tamén presentaron unhas guías informativas que a semana próxima repartiranse nos edificios municipais, nos tres CEIPs e no instituto da vila.
Ordes
En Ordes Susana García, concelleira de Benestar Social e Educación, compartiu a xornada co alumnado da escola infantil municipal Sorrisos e dos colexios O Mesón do Vento e Castelao. Nestes dous últimos os nenos e nenas mostraron as mensaxes da iniciativa promovida pola Mancomunidade de Ordes.
Por outra parte a Asociación de Comerciantes de Ordes (ACORDES) organizou unha concentración a media mañá ás portas do vello edificio consistorial. Nela participaron un bo número de veciños e veciñas, entre eles o alcalde José Luis Martínez Sanjurjo.