Bisbarra, 23 de febreiro do 2018 –  Este sábado conmemórase o Día de Rosalía e toda a bisbarra preparou actos dos que destaca a iniciativa Caldo de Gloria da Fundación da poetisa padronesa.

Rosalía de Castro colle cada ano máis pulo recuperando un espazo público que en outras datas estivo máis esquecido. Os investimentos na Fundación que leva o seu nome, ignorada en outras épocas, e o impulso dado desde as institucións fan que a poetisa sexa máis coñecida cada ano e de todos nos depende que a súa figura sega crecendo.

A bisbarra ten preparados multitude de actos desde hoxe mesmo pero destaca a iniciativa Caldo de Gloria, creada o ano pasado pola Fundación Rosalía de Castro. Partindo do poema“Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia, a Fundación invita a hostalería a facer a un Caldo de Gloria e repartilo entre os asistentes mentres len poemas da padronesa. Aquí tedes un listado dos lugares onde mañá sábado tomar un deses caldos: http://rosalia.gal/wp-content/uploads/2017/02/listaxe-bares-20183.pdf

Esta idea levouna o concello de Teo aos colexios. Hoxe venres os comedores escolares repartirán ese caldo e ademais os nenos serán recibidos por gaiteiros ao chegar as aulas. Lémbrase así outro poema de Rosalía, alborada Incluído en Cantares Galegos.

Venres 23

Padrón como é lóxico centra moitos do actos que lembran o 181 aniversario do nacemento de Rosalía. Hoxe as 12.30 no Espolón terá lugar unha ofrenda floral para a continuación, xa no Auditorio Municipal, acto escolar con recitais por parte dos alumnos do IES Camilo José Cela e Macías o Namorado e Asociación Cultural Rosalía de Castro. A continuación proxección de imaxes do filme “Contou Rosalía” de Zenit TV. A mañá rematará cun paseo polas rúas de Padrón tomando o “Caldo de Gloria”

Caldo de Gloria na casa de Rosalía no 2017

Xa as oito da tarde, de novo no Auditorio, Entrega do premio do I Concurso de Escaparates Rosalía de Castro, proxección de imaxes do filme “Contou Rosalía” de Zenit TV, presentación do vídeo “Caldo de Gloria” e concerto de Xardín Desordenado.

En Ames desde hoxe se tomas un café recibirás tamén un poema de Rosalía, é unha das iniciativas impulsadas desde o concello. O poeta amesán Carlos Negro foi o encargado de seleccionar os textos que conforman esta iniciativa de nome Café con Verso. O legado rosaliano tamén estará presente ao longo destes días nos escaparates do concello grazas á iniciativa Escaparates de Rosalía, cuxa selección de textos correu a cargo de Dolores Vilavedra Fernández, unha das máis prestixiosas estudosas da obra rosaliana e veciña de Ames

Ames, e tamén Padrón, pintaron ademais distintos pasos de peóns con poemas de Rosalía para visibilizar na rúa a data que se celebra.

Sábado 24

Este sábado, Día de Rosalía, o acto central trasládase a Alameda de Compostela, 11 da mañá, onde farase unha ofrenda floral diante da Estatua de Rosalía. A continuación na Capela do Hostal dos Reis Católicos terá lugar un acto institucional oo final do que se servira o Caldo de Gloria.

Pola tarde, seis e media, na casa Museo de Rosalía, concerto de Trío Rosalía (piano, óboe e mezzo-soprano) e as sete e media Caldo de Gloria para os asistentes.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega terá tamén este sábado o seu propio acto no Panteón de Galegos Ilustres en Bonaval. As doce actuación da Coral da Asociación cultural e musical Solfa, saludo do presidente da Asociación, Cesáreo Sánchez Iglesias, lectura do manifesto da Asociación escrito por María Reimóndez e lido por Mercedes Queixas Zas, e a continuación lectura de poemas de Rosalía para rematar con himno de Galicia.

Brión terá un acto especial as cinco da tarde nun lugar mítico da historia rosaliana: Bastavales. Acompañía teatral Os Quinquilláns realizarán no adro da igrexa unha visita guiada e teatralizada con Rosalía e a súa relación con este lugar como referencia. Será de balde e aberta a toda a cidadanía.

En Ames a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, a partir das 19:00 horas, unha homenaxe poética musical a Rosalía de Castro. O acto, cuxa entrada será libre e gratuíta ata completar aforo, contará con lecturas, dramatizacións, videocreacións e coa actuación musical do Sonia Lebedynski Trío. No acto participarán o alumnado dos centros escolares de Ames, representantes de asociacións e do ámbito cultural, así como veciñas e veciños procedentes doutros países.

En A Estrada, na sala de exposicións da Fundación Abanca, a partir das 8 da tarde a Asociación Vagalumes organizou un recital de poesía que teñen a poetisa como destinataria

Os mais cativos da casa terán a oportunidade de coñecer a Rosalía na biblioteca pública Ánxel Casal. A partir das doce terá lugar a actividade Servando canta a Rosalía no salón de actos. Trátase de poemas de Rosalía de Castro interpretados e musicados por Servando Barreiro. Para nenos e nenas de 3 a 10 anos. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

E se ademais de tomar un Caldo de Gloria queredes comprar algo de Rosalía, que nunca está de máis, a Librería Pedreira, a partir das doce, tamén dara caldo e lerá poemas.

Ou na casa

En cada recuncho hai estes días unha homenaxe a Rosalía. Esta é un pequeno resumo para que saibades que facer aínda que sempre podedes escoller un poema e, na tranquilidade da casa, lembrar a Rosalía lendoo para vos mesmos, descubrindo todo o que agocha a poesía da padronesa, e disfrutando dunha das figuras claves da nosa literatura.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial