Andaina Rosalías da Vida para conmemorar o Día Internacional da Muller

0

Bisbarra, 3 de marzo do 2020 – Ames, Brión, Dodro, Padrón e Santiago de Compostela organizan o vindeiro domingo a andaina Rosalía da Vida para conmemorar o Día Internacional da Muller.

Rosalías da Vida partirá de Lestrobe, en Dodro, ás 9.00 horas, e rematará as 18.00 horas coa chegada ao acto institucional que se realizará na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. O obxectivo é conmemorar o 8M tendo presente a Rosalía de Castro, unha muller que marcou un antes e un despois na historia..

A presentación da andaina tivo lugar no salón de plenos do Concello de Ames. Por parte do Concello de Ames, estaba presente o concelleiro de Turismo, Manuel Lens, e a concelleira de Igualdade e Promoción de Saúde, Luísa Feijóo. Representando a Brión, asistiu a concelleira de Turismo, Yolanda Bouzas, de Dodro participou o concelleiro de Cultura, Xoan Xosé Vicente, mentres que en representación de Padrón, contouse coa presenza do alcalde, Antón Fernández Angueira, e a concelleira de Turismo, Igualdade e Muller, Lorena Couso.

O concelleiro de Turismo de Ames, Manuel Lens, declarou que “Todos os que estamos aquí entendemos que Rosalía foi un referente non só literario, senón un referente como muller na súa época. Temos que ter en conta que no tempo de Rosalía, a mediados do século XIX, unha muller escritora era algo fóra do común e ademais defendendo a súa lingua e a súa terra”.

En representación do Concello de Padrón, a concelleira de Turismo, Igualdade e Muller, Lorena Couso, comentou que se trata de “poñer un pouco en valor a Rosalía, como tamén temos alí a casa da nosa poetisa, seguir traballando con eles e seguir traballando a prol da cultura”.

A concelleira de Turismo de Brión, Yolanda Bouzas, recordou que dende o seu concello “xa levamos varios anos traballando ca ruta rosaliana e as actividades de Rosalía, polo que tamén nos sumamos a esta iniciativa para conmemorar o día da Muller”.

Finalmente, o concelleiro de Cultura de Dodro, Xoan Xosé Vicente, declarou que “dende Dodro unímonos á iniciativa de Rosalías da Vida, ao igual que o de Pegadas de Rosalía e de todos os actos relacionados con Rosalía de Castro.

Pegadas de Rosalía

Ademais, os/as asistentes adiantaron na presentación a celebración dunha nova edición da ruta As pegadas de Rosalía, para o próximo 9 de maio, que tamén realizan de maneira conxunta os concellos de Ames, Brión, Dodro, Padrón e Santiago de Compostela.

A andaina “Rosalías da Vida”

A andaina, cun percorrido de aproximadamente 20 quilómetros, ten a súa saída programada para ás 9.00 horas dende Torres de Hermida, Lestrobe, en Dodro, pero faranse diferentes paradas por todos os concellos que forman parte da ruta. Desta maneira, ás 9.30 horas pasarase pola praza de Rodríguez Cobián (Padrón), ás 13.00 horas por Parada de Francos, e xa ás 16.00 horas pasarase por Ames, pola Casa da Cultura do Milladoiro.

Dende Ames haberá servizo de autobuses tanto para ir ao comezo da andaina en Dodro, como para saír dende O Milladoiro, ás 16.00 horas. Neste caso o servizo de autobús será dende Bertamiráns ata O Milladoiro. Así, ás 8.15 horas haberá parada na Capela de Santa Minia en Brión, 8.30 horas dende a praza da Concello de Bertamiráns e ás 8.45 horas dende a Casa da Cultura do Milladoiro. Tamén haberá servizo de autobuses para o regreso, dende a dársena de Xoán XXIII, ao rematar os actos.

Os/as participantes de Ames uniranse á andaina en Padrón, na praza de Rodríguez Cobián, ás 9.30 horas. Haberá dous puntos de avituallamento, en Padrón e no Milladoiro. A chegada a Santiago de Compostela está prevista para ás 18.00 horas, para asistir ao acto institucional do Día Internacional da Muller que se desenvolverá na praza do Obradoiro. É unha andaina tranquila, apta para todos os públicos. Recoméndase levar algo para o xantar. Así, arredor das 13.00 horas, en Parada de Francos, farase un descanso dunha hora para comer.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial