Mercaproximidade nova canle de de produtos agrogandeiros

0

Bisbarra, 15 de abril do 2020 – A Xunta de Galicia ven de poñer en marcha Mercaproximidade, unha cale de comercialización para os produtos agrogandeiros.

A Mercaproximidade poderán adherirse os produtores de froitas, hortalizas ou mel, os gandeiros de vacún, porcino, ovino ou caprino, así como as industrias transformadoras.

A súa adhesión farase preferentemente a través das organizacións profesionais agrarias, das asociacións de produtores e dos consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. Han de estar inscritos no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia (Reaga) e, no caso dos produtos non transformados, estar integrados na sección de venda directa (Sevedi). A maiores, poderán incorporarse á rede as industrias de transformación de produtos agrogandeiros inscritas no Rexistro de industrias agrarias.

Poderán colaborar mercando estes produtos as grandes cadeas de distribución, as que xa o fixeron e aquelas que o desexen facer, as empresas dedicadas á subministración de colectividades ou as plataformas de venda online

Reunión co sector

A orde, publicada xa no DOGA, vén culminar as xuntanzas por videoconferencia que mantivo nos últimos días o conselleiro do Medio Rural, José González, tanto coas organizacións profesionais agrarias galegas con representación no Consello Agrario como coas grandes cadeas de distribución que operan en Galicia e que xa se sumaron á iniciativa. Ademais, a iniciativa segue aberta a aquelas cadeas que desexen sumarse a ela.

A orde ten por obxectivo dar saída comercial aos produtos galegos de proximidade que, tras a declaración do estado do alarma, xa non se poden comprar nos mercados locais nin consumir nos negocios de hostalaría e restauración. Coa rede Mercaproximidade non só se permitirá ao consumidor acceder facilmente a estas producións nos establecementos de alimentación que permanecen abertos, senón tamén identificar a súa orixe con claridade.

Requisitos de adhesión

Para incorporarse á rede, os produtores e as industrias de transformación terán que enviar un correo electrónico a mercaproximidade@xunta.gal indicando os seus datos básicos e tipo de produción. A maiores, deberán achegar unha declaración responsable na que conste que un mínimo do 50 % dos seus ingresos proceden da hostalaría e os mercados municipais, pechados na actualidade.

No caso de que a adhesión se leve a cabo a través dunha organización agraria, asociación de produtores ou consello regulador, deberase aportar ademais a relación de produtores representados. En todo caso, os provedores poderán modificar, en calquera momento, o sistema de adhesión escollido.

Os produtores que queiran participar en Mercaproximidade estarán obrigados a cumprir toda a normativa hixiénico-sanitaria, de calidade alimentaria e demais protocolos que resulten esixibles segundo o seu tipo de produción. Igualmente, as persoas produtoras que se adhiran á rede deberán cumprir as condicións e requisitos fixados polos establecementos que comercialicen as súas producións.

Campaña de sensibilización

Paralelamente, a Consellería lanzará unha campaña dirixida aos consumidores finais, non só para conciencialos da calidade destes produtos, senón tamén para facerlles ver que coa súa compra poden contribuír á viabilidade do sector agrogandeiro galego. Nesa liña, os produtos de Mercaproximidade estarán perfectamente identificados, para que os consumidores saiban da súa orixe, así como do seu vínculo coa iniciativa.

Para que a sociedade teña coñecemento das empresas que accederon a dar saída a estas producións, a relación de entidades colaboradoras manterase debidamente actualizada tanto na campaña de comunicación como na páxina web da Consellería do Medio Rural.

De xeito excepcional, a orde tamén contempla que a Consellería poderá comprar directamente os produtos adheridos á rede para a súa cesión a comedores sociais, centros sanitarios ou residencias no contexto de loita contra o coronavirus.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial