займ срочно

Terceira edición do Altamira Brilla

0

Bisbarra, 5 de xuño do 2023 – Altamira Brilla volve a Brión e Ames o vindeiro 10 de xuño coa colaboración dos concellos e da Deputación da Coruña.

Unha festa que lembra e recrea os acontecementos históricos relacionados coas Torres e coa batalla de Altamira. As Torres, situadas en Brión, son un monumento patrimonio da Deputación, considerado Ben de Interese Cultural e miradoiro privilexiado sobre o Val da Maía.

As Torres de Altamira foron construídas no século IX, derrubadas no século XIV e construídas de novo en 1471. Altamira Brilla pretende servir de punto de encontro para poñer en valor o monumento e recuperar a memoria histórica.

Programación

O programa da xornada comezará cunha ruta teatralizada polos escenarios da batalla, realizada polos grupos Títeres Alacrán e Os Quinquilláns. O evento contará ademais coa actuación musical de Fillas de Cassandra. Para participar na andaina é preciso escribir ao enderezo electrónico rutabatallaaltamira@gmail.com. Para as recreacións teatrais e o concerto a entrada é de balde, previa reserva a través desta ligazón.

A ruta pasará polos escenarios da batalla. Lugares como Augapesada, Ponte Maceira, Burgueiros, Trasmonte, Carballo, O Portanxil, Leboráns ata chegar a As Torres. Haberá servizo de autobús, con saída dende dous puntos: a carballeira de Santa Minia (Brión), ás 9:30 horas; e o Pazo da Peregrina (Bertamiráns), ás 9:45 horas. Dende Trasmonte ata As Torres farase unha andaina a pé. Ao remate, os participantes regresarán en autocar ata os lugares de saída.

Durante a tarde, terán lugar tres espectáculos. Ás 18:30 horas, Títeres Alacrán representará “Barrigaverde defendendo as Torres de Altamira”, unha obra pensada para o público familiar.

Poñeranse a disposición dos asistentes dous autobuses lanzadeira para acudir á representación artística e ao concerto programado. Os autocares comezarán a saír dende a carballeira de Santa Minia dirección ás Torres de Altamira a partir das 20:00 horas, e non retornarán ata rematar o último espectáculo da xornada.  

A recreación teatral, “A batalla de Altamira”, correrá a cargo da compañía Os Quinquilláns, e terá lugar ás 20:30 horas. Finalmente, pechará o programa o dúo Fillas de Cassandra. Procedente de Vigo, é un dos proxectos da nova música emerxente máis prometedor do panorama galego. O seu primeiro traballo, Acrópole (2023) acaba de ser presentado e colleita xa numerosas críticas positivas. A súa é unha aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas no canto de tradición oral pero tamén influenciadas polo pop, a electrónica e a música clásica.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies