Boqueixón aproba o orzamento 2019

0

Boqueixón, 16 de febreiro do 2019 – O pleno de Boqueixón aprobou, en sesión extraordinaria, o orzamento 2019 que alcanza os 3.777.989,23 euros.

Na súa intervención, o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, indicou que “se trata dunhas contas equilibradas nas que se fai un esforzo por aumentar o gasto social, cuxa partida se ve incrementada nun 17,50% con respecto a 2018. Para este apartado destinaranse preto de 800.000 euros, dos cales, máis da metade se centrarán no programa de atención social”.

Fernández Munín tamén salientou o esforzo realizado por incrementar o capítulo de investimentos reais, que terá un 29,64% máis, cunha partida orzamentaria total de 674.124,79 euros, dos cales preto de 100.000 serán aportados pola administración local. Entre os proxectos previstos para este exercicio atópanse melloras como o camiño de Ledesma a Codeso (145.050,12 euros), a mellora viario Ardesende a Engas e outros (163.924,85 euros), a mellora do firme viario de Noente a Sucira e outros (106.910,74 euros) ou a adquisición de parcela para a instalación da EDAR de Sergude (31.574,09 euros).

No tocante ao capítulo de ingresos, o rexedor indicou que se prevé unha suba de máis dun 11% con respecto ao exercicio 2018. Os capítulos máis cuantiosos son as transferencias correntes, procedentes doutras administracións, que suman un total de 1.624.001,15 euros, e os impostos directos, cun ingreso previsto de 949.000 euros. Complétase este capítulo cos 588.000 euros derivados das taxas, prezos públicos e outros e os 35.000 euros de impostos indirectos.

As operacións de capital suporán un ingreso de 581.988,08 euros, dos cales 417.063,23 € procederán de transferencias de capital, mentres que 163.924,85 € corresponden a pasivos financeiros. Os 1.000 euros restantes procederán dos activos financeiros.

O voceiro da oposición, Xabier Canabal, tras realizar un repaso ás distintas partidas do orzamento, anunciou o voto en contra de Veciñ@s de Boqueixón argumentando “unha falla de liñas estratéxicas para combater o envellecemento e a perda poboacional”. Sobre isto, Manuel Fernández Munín argumentou que “polo menos nos dous últimos anos non perdemos poboación, aínda que sería desexable que parte da xente que se asentou en Lestedo se animase a censarse no noso Concello”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial