займ срочно

Boqueixón aproba o regulamento de axudas de emerxencia social

0

Boqueixón, 13 de xullo do 2018 – O Pleno de Boqueixón aprobou por unanimidade a ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social do Concello.

Este regulamento pretende, como se explica no propio documento, garantir á cidadanía a cobertura das necesidades básicas e está destinado a persoas ou familias empadroadas e residentes no municipio. A nova ordenanza de emerxencia social establece en 1.000 euros o importe máximo anual a conceder polo conxunto de axudas solicitadas, agás en circunstancias excepcionais avaliadas tecnicamente.

O alcalde, Manuel Fernández Munín, valorou moi positivamente a posta en marcha desta ordenanza, xa que permitirá “dar resposta a aquelas persoas ou familias que se atopen en situacións de necesidade sobrevidas e transitorias ocasionadas por gastos de carácter extraordinario e urxentes”. O voceiro de Veciñ@s de Boqueixón, Xabier Canabal, amosou a súa satisfacción pola aprobación desta ordenanza, ao tempo que solicitou que se “estableza un fondo para crear unha renda municipal básica para aquelas persoas que, por exemplo, están no proceso de solicitar a RISGA”.

Modificacións en proxectos

A sesión ordinaria deu luz verde a varias modificacións orzamentarias nos proxectos de 5 obras. Estes cambios supoñen un investimento de 24.656 euros divididos en tres proxectos. O primeiro deles a incorporación dun vaso para unha piscina infantil, que non estaba contemplada no proxecto orixinal de arranxo das piscinas, e suporá un importe de 2.184 euros. En segundo lugar destinaranse 20.000 euros ao acondicionamento do campo da feira de Lestedo, unha cantidade que se suma aos 30.000 que aporta a Dirección Xeral de Administración Local. Finalmente as melloras no centro socio comunitario de Sergude reciben 2.467 euros que se suman aos 200.000 aportados polo Consorcio Galego de servizos de igualdade e benestar (a repartir en dúas anualidades).

Ademais de estas partidas, aprobadas todas por unanimidade, incrementouse a destinada para a execución do Plan POS+Adicional 1/2018. Neste caso, a Deputación da Coruña incrementou a 145.050,12 euros o orzamento para a execución da obra Camiño de Ledesma a Codeso (que tiña un importe de 137.797,61 euros). Segundo explicou Manuel Fernández Munín, “este aumento de presuposto servirá para aumentar os abanicos nos cruces e os entronques coas pistas, ademais de aplicar o aglomerado a esta pista en preto de 3 quilómetros de lonxitude”. Pechando o capítulo de obras, o grupo de goberno sacou adiante a modificación do proxecto do POS+2018 do aglomerado entre Vigo e Carabán, toda vez que Patrimonio obriga a non aglomerar no entorno dun castro localizado na zona. Aproveitarase esta carencia “para poñer un aglomerado máis groso en toda esta pista”, explicou o alcalde de Boqueixón.

Día das Letras Galegas para Rei Ballesteros

Dende o PP de Boqueixón presentaron unha moción, aprobada por unanimidade, para solicitar á Real Academia Galega que se dedique o Día das Letras Galegas do 2020 a Anxo Adolfo Rei Ballesteros. En verbas de Manuel Fernández Munín, “este escritor, nado en Codeso, foi o iniciador da novela galega contemporánea e marcou a fronteira entre a literatura do franquismo e a nova literatura. Este outubro cúmprense os dez anos preceptivos desde o seu falecemento para optar a ser recoñecido como autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, polo que consideramos que é un acto de xustiza solicitar á Real Academia Galega a homenaxe a este creador nativo de Boqueixón”, concluíu o rexedor. O voceiro de Veciñ@s de Boqueixón felicitou ao grupo de goberno por presentar esta proposta e suxeriu que se remitise tamén aos distintos académicos. “Así tamén poderán ter coñecemento da importancia deste escritor que merece este recoñecemento”, indicou Xabier Canabal.

Renuncia de Perfecto Barcala

A sesión plenaria finalizou coa formalización da renuncia do concelleiro de Veciñ@s de Boqueixón Perfecto Barcala Mosquera. “Transcorridos xa máis de 9 anos como concelleiro da Corporación Municipal, penso que chegou o momento de retirarme do meu cargo para dar paso á xente máis nova”, indicou no seu escrito de renuncia.

Dende o equipo de goberno agradeceron o traballo desenvolto por Perfecto Barcala durante todos estes anos na Corporación Municipal, a quen lle desexaron a mellor das sortes nesta nova etapa. Perfecto Barcala Mosquera será substituído por Iván Eirís Castro.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies